Nova praza do Progreso
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á inauguración do novo mercado municipal do Progreso.
Non podo agochar a miña ledicia pola reapertura a pasada semana do histórico Mercado Municipal do Progreso. Tras cinco anos de obras interminables na reforma integral do edificio, resistindo contra vento e marea nun galpón envellecido, coincidindo cos anos máis ruíns da crise comercial, os afoutos e esquecidos praceiros do Progreso (pescantinas, carniceiros, charcuteiras, queixeiras, froiteiras, panadeira e floristas) abriron unhas novas e magníficas instalacións comerciais nun espazo emblemático que tivo sempre vontade de ser praza, lugar de encontro e referente da veciñanza do Vigo vello.
Coa súa arquitectura luminosa e os seus novos servizos –dende un cómodo aparcadoiro de oitenta prazas, consigna frigorífica, wifi, ascensor, escaleiras mecánicas, ampla cafetaría, reparto a domicilio, venda en liña (no futuro) e horario prolongado– a nova praza do Progreso adáptase a cultura comercial do noso tempo, sen perder unha miga do seu espírito de mercado tradicional que aposta polos produtos frescos de tempada e pola atención persoal.
No caso da praza do Progreso non podo ser nin imparcial nin obxectivo. Crieime alí, entre os arrecendos da bancada de froitas, legumes e hortalizas, primeiro da miña avoa Maruja e despois de miña nai, hoxe xa xubilada, que traballaron no Progreso como praceiras durante case medio século. Estou convencido que parte esencial da miña educación emocional foi adquirida nas moitas horas que durante a miña nenez pasei no longo corredor da planta baixa daquela praza case centenaria de inequívoca aparencia parisina na que fun agarimado polas tetilleiras e froiteiras, naquel asombro continuo entre o bulebule de xentes, onde se despregaba a vida máis xenuína do Vigo popular ao que pertenzo.
A “praza”, que era como a chamaban as persoas que alí traballaban e acudían, fora inaugurada o primeiro de outubro de 1906. Construída polo arquitecto Jenaro de la Fuente, a partir dun anteproxecto, que en 1901, presentara Benito Gómez Román, o edificio da rúa Circo constituíu unha fermosa peza da arquitectura civil, modelo de combinación harmónica do granito co ferro, moi parella da pescadaría da Laxe. Ambos os dous mercados, que compartían tipoloxía construtiva, mesturando elementos modernistas con arcos de ferradura, decorados con adornos orientalizantes, foron dúas vítimas da máis nefasta etapa “desarrollista” do alcalde Portanet que arrasou con tantas pezas valiosas do patrimonio municipal. Imaxinan o valor arquitectónico que podería ter hoxe un mercado de fasquía semellante ao do Borne barcelonés a menos de cen metros da rúa do Príncipe ou no mesmo corazón das Avenidas?
Oín falar a miña avoa da ampliación do mercado do Progreso, realizada a comezos dos anos cincuenta; unha reforma que, sen dúbida, o afeou, eliminando o parque e o arboredo que o rodeaba, onde se celebraban as feiras das señoras da aldea todos os mércores e sábados. Logo, hai corenta anos, vivín todos os avatares do seu derrube, e o lamentable trasego de vendedoras e clientas aos galpóns improvisados do outeiriño do Campo de Granada e despois, durante bastantes anos, a outros “provisionais” na aba do Castro, onde hoxe está situado o busto que recorda ao poeta Celso Emilio Ferreiro.
Coa construción dun edificio de vivendas e a inauguración doutras instalacións, a mediados dos anos oitenta, o pulo comercial da praza do Progreso minguou. O cambio das formas de vida, a perda de residentes no centro, a aparición dos hipermercados e das cadeas de alimentación e o desinterese do propio concello por manter as instalacións atractivas levouno a unha lenta agonía. Con todo, o mercado do Progreso renaceu das súas cinzas polo esforzo humano e económico dos seus praceiros e praceiras que dende 1994 asumiron a responsabilidade da súa xestión e modernización radical, o que dende entón supuxo para eles moitos crebacabezas e algunhas longas desputas xudiciais. Problemas aos non foron alleos tampouco as vacilacións e trasacordos das diversas corporacións municipais e gobernos, ás que moito custou apostar polo Progreso tal como os seus vendedores e clientes demandaban.
Por ventura, a historia de precariedade da praza do Progreso nas últimas catro décadas debera rematar para sempre. Este novo e luminoso mercado municipal autoxestionado polos praceiros está chamado a transformarse no corazón comercial do Vigo vello, moito máis cando sexa arranxada a praza superior da Ronda de don Bosco, un espazo público de máis de sete mil metros cuadrados (toda unha alfaia no centro urbano) que merece o maior agarimo por parte do concello de Vigo. Recomendo moi vivamente volver a cultura do mercado tradicional como unha forma de humanización e consumo responsable. Parabéns os heroes e heroínas da nova praza do Progreso!!!
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir