Máis rúas para Cunqueiro
No artigo que me solicitou Faro de Vigo reclamo máis rúas para o escritor Álvaro Cunqueiro:
O escritor Antonio Reigosa, cronista oficial de Mondoñedo, lembraba onte que o 11 de febreiro cumpríronse 83 anos do gran mitin celebrado no Salón Teatro do Casino de Mondoñedo a prol do Estatuto de Autonomía de Galicia. Un acto presentado por Álvaro Cunqueiro, daquela un rapaz de vinte e un anos, no que como oradores falaron figuras como Otero Pedrayo, Vilar Ponte, Suárez Picallo e Castelao. Unha mostra primixenia do compromiso co Partido Galeguista (do que foi militante) dun Cunqueiro que acababa de publicar na editorial Nós de Ánxel Casal o seu primeiro libro de poemas “Mar ao Norde” (1932). Vínculo galeguista que mantería en 1936 apoiando o Si no referendum do Estatuto de Galicia celebrado o 28 de xuño.
Mais é innegable na biografía política de Cunqueiro que despois da sublevación militar, colaborou en “Era Azul”, o xornal falanxista da súa vila natal. Como tamén está acreditado que en 1937, tras a súa afiliación a Falanxe, colaborou nas páxinas “El Pueblo Gallego”, onde publicou algúns artigos como “De la necesidad del Caudillo” ou poemas como “Elegía verdadera a los muertos de la revolución”, escritos ao servizo da causa franquista. Como está acreditada a súa colaboración con medios da Ditadura nos seus días madrileños até o seu regreso a Mondoñedo en 1947, onde comezou o que podemos chamar un certo exilio interior.
Se Cunqueiro ten unha rúa en Madrid, no distrito Fuencarral-El Pardo, ao norte da capital, non foi pola súa traxectoria política nin como comprometido galeguista dos días da Segunda República nin como colaboracionista do réxime franquista que, como sinalou Xesús Alonso Montero, actual presidente da RAG, “na súa condición íntima, nunca se identificou coa violencia fascista”. Cunqueiro é lembrado no rueiro de Madrid, como no de varias ducias de concellos galegos, pola súa condición de escritor universal, fabulador visceral, narrador xenial que levaba a escritura no seu ADN, autor dunha obra literaria orixinal, a maior parte escrita en lingua galega. Nin máis nin menos.
Álvaro Cunqueiro nada ten que ver con figuras fascistas como Millán Astray ou nin sequera co bispo Eijo Garay. Resultaría inxusto, aberrante, absolutamente fóra de lugar que o concello de Madrid incluíse o seu nome na lista dos que pretende retirar do rueiro, en cumprimento do artigo 15 da Lei de Memoria Histórica. Lonxe desta interesada polémica, que se reproduce ao fío da actual crise política, a reivindicación da figura de Álvaro Cunqueiro, unha das iconas da Galicia do século XX, debería ser unha causa compartida por todos. Agardo que poida contar con moitas máis rúas co seu nome. Don Álvaro meréceas.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir