Libro en galego, datos para un diagnóstico
No suplemento de El País Galicia dedicado ao 17 de maio publico un traballo arredor da situación do libro en galego. Reprodúzoo, xa que tampouco aparece na edición dixital do xornal.
O 17 de maio é data acaída para facer un balance do estado de saúde do libro en galego. As estatísticas dispoñibles (tanto as elaboradas polo Ministerio de Cultura, a partir dos datos do ISBN, como as do estudo do comercio interior do libro da Federación de Gremios de Editores) amosan que o volume da produción editorial en galego (tanto no número de títulos editados como de exemplares impresos) se estabilizou dende 2004. Cos datos na man, non podemos negar que parou aquel formidable crecemento, que levou a multiplicar por dez o número de títulos publicados en galego (dende os 187 do ano 1980, cando comeza o proceso autonómico, aos 1.849 de 2004, unha marca non superada dende entón). Porén, o que medrou foi a edición realizada en Galicia que no ano 2007 acadou os 3.376 títulos, cifra que reduce a edición en galego até o 55% da realizada en Galicia. Nos últimos anos, semella consolidarse en Galicia, pois, a tendencia a un incremento importante da actividade editorial (nos últimos dez anos duplicouse o numero de empresas que forman parte da Asociación Galega de Editores, 43 en 2009, o que supoñen máis de 300 empregos directos), o que constitúe unha boa noticia para a nosa primeira industria cultural e, ao mesmo tempo, a unha ralentización da actividade editorial en galego e da súa cota de mercado..
A pesar desta ralentización do seu medre, o libro en galego está nas mellores marcas da súa historia. Así en 2007, último ano do que temos datos dispoñibles, editáronse 1,780 títulos e imprimíronse máis de dous millóns dous centos mil exemplares (case un por cidadán galego; non está mal). No entanto, convén precisar que desta produción máis do setenta por cento correspondeu a libros de texto, dicionarios e títulos de literatura infantil e xuvenil, o que amosa a gran dependencia da produción dos editores en galego con respecto a esta canle educativa. Outrosí sucede coa facturación (22 millóns de euros para todo o libro en galego), no que a dependencia dos produtos escolares ou paraescolares acada o oitenta por cento (unha barbaridade!). Esta tendencia de forte escolarización do libro en galego acentuose nestes últimos anos, tanto pola implantación dos novos currículums da reforma educativa (o que compensou o impacto negativo da modalidade de préstamo da gratuidade do libro escolar) como pola crise na que caeu o libro literario en galego.
En 2007 publicáronse 238 títulos literarios en galego, dos cales 113 foron de narrativa, 63 de poesía e teatro e 62 de ensaio e investigación literaria. Con respecto ao ano anterior, diminuíu o número de títulos en apenas o 1,90%, porén a perda foi moi notable no número de exemplares (nada máis e nada menos que 66.000) o que supón unha baixa do 15,10%. A pesar deste retroceso, o volume da produción literaria en galego en 2007 acadou os 291.000 exemplares de libros literarios en galego (o 13,60% dos impresos en galego). Con todo, continúa sendo o máis significativo o peso da edición de narrativa (133.000 exemplares, o 45,70% da produción literaria do ano); fronte ao menor de poesía e teatro (60.000 exemplares, o 20,61% da produción literaria do ano) e o sorprendente peso do ensaio e investigación literaria (98.000 exemplares, o 33,67% da produción literaria do ano).
O libro literario en galego acadou en 2007 unha facturación de 2,65 millóns de euros, o que supón o 12,00% do conxunto do sector en galego. Esta cifra supón unha diminución de 650.000 euros con respecto á de 2006 (un descenso do 20,00%) e unha perda do 2,90% de participación nas vendas do libro en galego. A narrativa en galego supuxo unha facturación de 1,97 millóns de euros (o 9,00% da facturación do libro en galego e o 74,33% da do noso libro literario), o que supón un descenso de 900.000 euros con respecto ao ano 2006 (un 31,59%) e unha perda de 4,1% con respecto á participación nas vendas totais). As vendas de poesía e teatro achegaron 280.000 euros (o 1,30% da facturación en galego e o 10,56% do noso mercado literario) e as de ensaio 400.000 euros (o 1,80% da facturación total e o 15,11% do mercado do libro literario).Tendo en conta que a facturación total do libro en Galicia foi en 2007 de 165,53 millóns de euros e a do libro literario en galego de 2,65 millóns de euros, podemos estimar a súa cota de mercado en Galicia no 1,60%. Outrosí podemos establecer para a narrativa en galego, cuxos 1,97 millóns de euros de facturación supoñen o 1,20% do mercado do libro en Galicia. Non esquezamos que o libro en galego no seu conxunto no ano 2007 acadou o 13,27% da cota do mercado do libro en Galicia.
Contención da produción, forte escolarización e crise comercial dos títulos literarios aparecen como as tres principais tendencias detectadas para o devir actual do libro en galego. Síntomas claros dunha crise de crecemento e de racionalización e profesionalización do sector que non debe paralizarnos, xa que hai moitos outros indicios da envexable saúde da sociedade lectora en galego. Mais ese xa é outro traballo.