Edición en Galicia e en galego, os datos máis recentes
Cos datos máis recentes na man, non podemos negar que acougou aquel formidable crecemento, que levou a multiplicar por doce ou trece o número de títulos publicados en galego: pasamos dos 187 do ano 1980, cando comeza o proceso autonómico, aos 2.482 de 2008, ou aos 2.121 do pasado ano, no que comezou a crise na que estamos instalados, o que supón un importante baixa interanual do 14,54%. Porén, o que medrou foi a edición realizada en Galicia que no ano 2009 acadou os 4.069 títulos, cifra que reduce a edición en galego até o 52,12% da realizada en Galicia, e supón un importante incremento (10,27%) con respecto a 2008, cando acadou as 3.690 referencias.
Onte apareceu unha noticia en La Voz de Galicia sobre a evolución da edición ao longo deste ano 2010, que identifica unha tendencia de crecemento do número de títulos, tanto dos editados en Galicia como dos editados en galego. Así se comparamos os segundos trimestres de cada ano, observamos un crecemento próximo ao 40% do conxunto da edición (pasa de 913 a 1.522) e do 18% da edición en galego (pasa de 679 a 834). É previsible, se non se torce a evolución no 2º semestre, que este 2010 da crise supoña en Galicia e en galego un crecemento de número de títulos, o que supoñería ir contracorrente do conxunto de sector editorial español. Interpretar este crecemento para o conxunto da edición en Galicia, sen coñecer o listado de títulos, non é doado, sobre todo cando sabemos da redución do número de títulos publicados por varias das editoras con maior actividade. No entanto, alleos ao fenómeno non debe ser o Ano Xacobeo, que debeu impulsar a edición pública, a publicación de varios métodos de Educación Infantil (que arrastra moi numerosas referencias de ISBN nos seus diversos compoñentes), a edición de libros electrónicos (eis esa case centena realizada pola editorial Galaxia) e o lanzamento da colección de antoloxías da literatura galega editado por La Voz de Galicia (un conxunto de referencias que pode achegarse ás 75).
Esta análise non estaría completa se non debullásemos os datos principais achegados polos estudos do comercio interior do libro de 2008 e 2009, elaborados pola Federación de Gremios de Editores en base ás enquisas completadas polos editores galegos. De todos eles, cómpre salientar (recomendamos baixar en pdf o documento cos datos principais de edición, tirada media e facturación, que elaboramos):
- O aumento do numero de títulos entre 2008 e 2009, o 6,39%, non se corresponde co aumento da facturación do 1,93 % (apenas o incremento de prezos); pola contra redúcese a produción de exemplares case nun 9% e polo tanto da tirada media en maís dun 14%.
- Destaca o bo comportamento da edición literaria en 2009 que aumenta en número de títulos, exemplares, facturación e mesmo tirada media. No entanto, tanto a edición en número de exemplares como a facturación continúan xirando arredor da edición paraescolar, xa que supón en 2008 o 77,30% dos exemplares fabricados e 72,30% da facturación; mentres c aen 2009 representa o 55,60% dos exemplares e o 57,90% da facturación.
- Con respecto á canle de comercialización as librarías e as cadeas de librarías supuxeron en 2008 o 48,30% das vendas dos editores galegos; mentres ca en 2009 auentaron até o 55%. É de salientar a importancia da venda a crédito que en 2008 supuxo o 11,5% (3,8 millóns de euros) das vendas do sector e no 2009 baixou a 8,7% (2,93 millóns).
Concluíndo, nos dous últimos anos, mesmo no entorno da actual crise, comprobamos que se consolida en Galicia a tendencia a un incremento importante da actividade editorial (nos últimos dez anos duplicouse o numero de empresas que forman parte da Asociación Galega de Editores, 46 en 2010, o que supoñen máis de 318 empregos directos e máis dun milleiro no conxunto do sector), e, ao mesmo tempo, constatamos que o medre da actividade editorial en galego adopta un ritmo inferior. Haberá que agardar a coñecer os datos do estudo do comercio interior do libro en galego de 2009 para realizar outras valoracións máis precisas.
A noticia, na superficie de teor positivo, fica moi matizada coa túa reflexión. A verdade é que lembro ben que agardades unha baixa importante na edición por falta de recursos para este ano, mais iso non terá que verse, entendo eu, necesariamente reflectido até o 2011.
Falamos da publicación de 2.121 libros en lingua galega no ano 2009. Pero, cal sería a cifra referida á facturación do libro en galego nese mesmo ano? É unha cifra que non son quen de atopar por ningures e que me serviría de moito para o traballo que estamos a facer sobre a industria editorial en Galicia. Se me puidese facilitar ese dato agradeceríallo. Moitas grazas e un saúdo.