Días de Basilea
O artigo da semana en Faro de Vigo é a crónica da viaxe a Basilea da pasada semana:
Hai pouco fun convidado pola federación de sociedades culturais galegas de Suíza a ditar dúas conferencias sobre a escritora María Victoria Moreno nos centros de Basilea e Zug. Foron dous días intensos, emocionantes e inesquecibles en Basilea, encrucillada histórica de tres estados (Suíza, Francia e Alemaña) e sede da importante industria química e farmacéutica suíza, que contribuíron a coñecer a realidade da comunidade emigrante e o activismo cultural destas sociedades nas que a galeguidade é unha actitude vital, unha forma de instalarse no mundo irrenunciable para os seus membros.
Tras aterrar no «euroaeroporto» de Basilea-Mulhouse-Friburgo, vía Porto, axiña chamou a miña atención o magnífico funcionamento do transporte público, na súa maior parte a cargo de modernos tranvías metropolitanos. Como quedei aínda máis sorprendido cando na recepción do hotel me indicaron que en Basilea todos os visitantes tiñamos dereito a un bono de transporte gratuíto, que tamén permitía acceso libre aos puntos da rede wifi municipal e facilitaba descontos do 50 % nos museos. Medidas acolledoras para os turistas nunha cidade na que os vehículos privados teñen restrinxida a circulación nalgunhas rúas do centro e son moi interesantes os seus museos –como o existente sobre o papel e a imprenta nunha cidade de gran tradición editorial, onde no século XVI se publicaron os libros da doutrina de Calvino e a anatomía de Vesalius– e os centros de arte contemporánea, como a Fundación Beyeler, onde visitamos a exposición na que dialogaban en cada unha das salas obras de Alberto Giacometti e Francis Bacon, dous dos xenios da arte europea de fin do século XX.
Xaora, o que será dificilmente esquecible destes días de Basilea foi ter a inmensa fortuna de amizar cos nosos anfitrións, os responsables da Sociedade Cultural Galega Sementeira de Basilea e do Centro Galego A Nosa Terra de Zug. Persoas de xenerosidade desbordada como Ramón Carreira, orixinario de Carballo, tipógrafo cultísimo, xa pensionado, presidente da federación e da sociedade de Basilea, dende hai décadas auténtico motor e cerebro da comunidade galega neste cantón suízo. Como extraordinaria tamén é a profesora Preciosa Martínez, nacida no ourensán concello de Arnoia, presentadora concienciuda da nosa conferencia e cicerone de privilexio polas rúas da vella Basilea seguindo os pasos de Erasmo de Róterdam, cuxos restos repousan na vella catedral, á beira do Rin. Como tampouco podemos esquecer as atencións recibidas na viaxe que fixemos a Zug, cidade de vinte e tres mil habitantes, apenas a media hora en coche de Zürich, tanto por parte do seu vicepresidente Francisco Nogueiras Marra, natural de Xinzo de Limia, como do seu secretario Carlos Rey, veciño da parroquia de Cela de Bueu, con quen visitamos o seu fermoso lago cos cumes dos Alpes ao fondo. Catro persoas marabillosas ás que debemos engadir o case un cento das participantes nas conferencias organizadas en ambas as dúas sociedades con motivo da celebración do Día das Letras Galegas, seguidas cun interese e cunha curiosidade que me deixou emocionado.
Estes días de Basilea agasalláronme coa amizade de todas estas persoas que levan, na súa maior parte, traballando en Suíza case catro décadas, todas comprometidas en manter o fío de ouro da nosa lingua e da nosa identidade nas súas familias. Persoas de diversas procedencias xeográficas e actividades profesionais, porén, unidas polo seu compromiso co país noso, mantendo sempre o lume do facho da súa comunidade de orixe. Sociedades que organizan pola súa conta e risco un programa anual de festas, concertos, conferencias e xantares de irmandade e manteñen grupos folclóricos e agrupacións deportivas. Centros que tamén son espazos de encontro e apoio interxeracional, con presenza activa da mocidade, onde non faltan nunca, aínda que sexa de forma testemuñal, unha biblioteca galega e os nosos mellores produtos culinarios.
Estes días de entusiasmo galeguista en Basilea, onde non escoitamos falar noutras linguas que non foran galego, alemán e francés, axudáronos a entender a importancia da Galicia exterior, esa que só semella existir nos telexornais cando se reconta os seus votos. Unha Galicia tan punxente como descoñecida, cuxas inquedanzas e problemas, como as súas actividades e iniciativas culturais e políticas, non forman parte da axenda pública utilizada na Galicia interior. Unha Galicia da diápora emigrante, como a que coñecemos nas sociedades galegas de Basilea e Zug, que debería contar con outro mellor amparo por parte das administracións públicas, tanto da Xunta de Galicia como do Gobierno de España, na medida que as súas actividades de promoción cultural e de apoio sociocomunitario expresan a vontade de sermos xente, país e lingua.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir