Inundación

Levo dous días sen apenas poder postear por mor dunha inundación de augas sucias que tivemos na editorial. Sen alguén o dúbidaba: a auga e os libros lévanse moi mal. Sentímonos impotentes: non sabiamos como poder evitar unha catástrofe que ameazaba estragar o arquivo dos libros editados. Afortunadamente, despois de varios intentos, os especialistas en mecánica de fluídos conseguiron desatascar a entullada e hoxe intentamos volver á normalidade recuperando do pequeno naufraxio o que puidemos.

Etiquetas:

Home sen nome

Hoxe finalizamos a edición de Home sen nome, a nova novela de Suso de Toro. Estará nas librarías a principios do vindeiro mes de maio e presentarémola en Santiago o día 9, en Vigo o 10 e na Coruña o 11 do mesmo mes. Teño a impresión de que Suso, despois de vinte e cinco libros publicados, acumulou e densificou toda a súa experiencia como escritor para ofrecer un libro memorable. Tecnicamente está moi traballado, xogando con dúas voces en primeira persoa (unha delas desdobrada en dous rexistros diferenciados, un para un monólogo interior e outra para o texto memorialístico soñado), outra voz en segunda (a recuperación do personaxe de Nano), voces as tres que se van intercalando con diálogos en estilo directo, entre os dous protagonistas, os enfermeiros e unha guionista, auténtica Sibila da novela. A textura da prosa acada momentos poéticos de grande beleza e o conxunto da novela achégase á forma dun drama relixioso ou autosacramental. Sobre os temas e o inicio da trama escribín esta tarde un paratexto que pode dar unha idea do camiño que se lle propón ao lector nesta poderosa novela de 400 páxinas:

Nano, encamado no cuarto dun hospital, acompaña durante dous días a un vello terminal, só, entubado e consumido fisicamente. O vello, un home sen nome, un enigma invadido polas lembranzas, entre o delirio e o soño provocados pola medicación, enunciará o monólogo da súa arrepiante biografía centenaria. Unha vida desacougante, condicionada pola perda prematura da nai; a presenza da sombra do seu irmán xemelgo; o seu paso por aquel Berlín, onde emerxía o nazismo co que axiña simpatizou e onde coñezou a figuras como Lois Tobío; o seu protagonismo nas sacas da feroz represión do 36 en Compostela ou a súa participación como voluntario na División Azul. A visita de Celia, unha xove guionista, obrigará ao vello sen nome a confesar lucidamente, sen rastro de arrepentimento nin remorso, a súa participación en múltiples fusilamentos (como o de Ánxel Casal ou Xoán Xosé González), torturas e violacións e as súas razóns para facelos…
Empregando formas achegadas ao drama, Suso de Toro ofrece a súa obra literaria máis ambiciosa: un relato de ficción intenso e emotivo onde pairan como teón de fondo os acontecementos da represión en Galicia durante os días do alzamento e os anos da posguerra. Unha reflexión perturbadora sobre a memoria que deita a mirada dun dos verdugos. Unha novela que procura as palabras necesarias que expresen e absolvan tanta dor afogada.

Esta foto de Vari Caramés será o motivo da portada.

Etiquetas: ,

O mundo de Camilo

Os de Galicia confidencial publican hoxe unha crónica da presentación do pasado martes. Continuaremos o mes de abril en Vigo e na Coruña e, máis tarde, no mes de maio en Ourense e Pontevedra. A intervención e o libro de Camilo son unha chamada á responsabilidade do nacionalismo na construción do autogoberno con optimismo e esperanza.

A terra cantada

A bibliografía sobre cuestións políticas non é moi extensa en Galicia nin en galego, razón pola que é moi de agradecer este novo libro de Camilo Nogueira, con certeza o político nacionalista que máis escribiu nos últimos vinte e cinco anos. Desta volta, tras a exitosa publicación do primeiro volume d’ A memoria da nación, Nogueira ofrece n’ A terra cantada unha primeira antoloxía de oitenta dos seus textos políticos escritos todos eles dende 1981 a 2005.
Camilo Nogueira escolmou algunhas intervencións parlamentarias moi salientables (a do retorno dos restos de Castelao de 1983, a pioneira proposición de Lei de Normalización Lingüística de 1981, a iniciativa presentada en 1990 no Parlamento de Galicia sobre autodeterminación como nación, ou a longa lista de preguntas ao Consello e de intervencións nas sesións plenarias do Parlamento europeo sobre a cuestión dos inmigrantes mortos nas costas europeos), algúns discursos e intervencións políticas, e sobre todo, unha parte significativa das súas colaboracións en revistas especializadas de fóra de Galicia e xornais como El País, La Voz de Galicia, A Nosa Terra e Vieiros, o medio electrónico onde publica na actualidade.
Precedido por un fermoso limiar, “O comezo do mundo”, o libro artéllase arredor de catro capítulos que son outros tantos eixos das preocupacións do autor: o primeiro, “Provincia ou nación” (onde aborda as cuestións referidas ao desenvolvemento do movemento nacional galego); o segundo, “A memoria e a amnesia” (no que reflexiona sobre as contradicións existentes sobre o papel de Galicia, Cataluña ou Euskadi dentro de España); o terceiro, “Unha revolución histórica” (onde percorre e analiza os fitos decisivos do proceso constitucional europeo recente); e, por último, “O imperio declinante” (no que, dende a súa dilatada experiencia internacional, dá conta dalgúns dos acontecementos máis salientables da última década).
A pesar de construír o volume con materiais de datas e intencionalidades, seguramente moi diversas, Nogueira ofrece un libro con unidade e grande coherencia pola súa intención explícita de propoñer ao lector como fío condutor unha reflexión sobre a construción do proxecto nacional galego nos últimos dous séculos. Interpretación ou lectura non tanto como a historia dun nacionalismo concibido como ideoloxía, senón como unha proposta de liberdade, progreso e independencia que, cos seus erros e os seus acertos, reflicte a procura do autogoberno para Galicia situarse como nación no mundo sen mediacións políticas estatais sacralizadas.
Especial interese ten, na miña opinión, á chamada explícita do autor ao nacionalismo galego contribuíndo a que a sociedade asuma a oportunidade de emprender o camiño que conduce a ser nación política, abandonando calquera tentación de resignarse e subordinar a propia personalidade á dominante no estado. Nogueira enuncia unha menxase esperanzada para unha Galicia con vontade de mudar a súa perspectiva histórica, reencontrándose como nación política, unindo a memoria do pasado co proxecto do futuro. Para iso deberá aceptar a responsabilidade de valerse economicamente, na interdependencia que se impón hoxe a todas as entidades nacionais e estatais; promover un desenvolvemento económico e social autocentrado; recoñecer a lingua galega como nacional e universal; contar cun autogoberno resultado da autodeterminación, por moito que isto sexa o porduto dun pacto histórico que teña en conta a realidade plurinacional da convivencia na Península e en Europa, contar cunha presenza autónoma no mundo… Pensar, en definitiva, o mundo desde a propia Terra e sendo do mundo en dialéctica coas circunstancias de cada tempo. Velaí a terra cantada que presentaremos o martes en Compostela.

Poetízate

A antoloxía que preparou Fran Alonso está tendo unha recepción moi boa. Feito que os editores sempre agradecemos. Temos moita fe nesta proposta de promoción da poesía entre os lectores e lectoras adolescentes, sen adovíos nin didactistas nin infantilizantes. Poetízate!

A cociña do Entroido

Mañá presentaremos en roda de prensa A cociña do Entroido e San Xoán, o novo libro de Miguel Vila Pernas.
Este fillo do Valadouro é o escritor sobre cultura gastronómica máis importante co que contamos, tanto polos seus numerosos libros publicados como polo asombroso traballo que sobre temas literarios e gastronómicos ven realizando diariamente no seu magnífico blo. Colineta é moito máis que un almanaque gastronómico (que tamén), xa que constitúe unha auténtica enciclopedia do saber comer para saber vivir.
No libro que presentaremos mañá, Miguel inicia un proxecto de cociña estacional galega que publicaremos en dous volumes. Neste primeiro abrangue os seis primeiros meses do ano, desde as farturas de homenaxe ao porco (de cocidos e laconadas) e das larpeiradas do Entroido (filloas, marruchos, freixós –tres fermosos nomes para a mesma cousa–, orellas e bandullos) ata as sardiñadas e churrascadas do San Xoán. Un bo mollo de receitas, contextualizadas na nosa tradición (etnográfica e literaria) e na nosa historia, ao tempo que un bo número de reflexións sobre unha boa alimentación saudable e saborosa constitúen os eixos do libro.
O lanzamento do libro de Miguel coincide, tamén, co das novas edicións revisadas e actualizadas de dous dos nosos clásicos: O libro da empanada e Repostería de Galicia, ambos os dous preparados por Fina e Mariano, outros dous grandes expertos na cultura gastronómica de noso. Pensamos que estas datas de Entroido, cos seus excesos inevitables (o martes vindeiro temos o cocido anual da editorial), eran as máis axeitadas para o primeiro lanzamento da nosa edición gastronómica.
Agardo, expectante, os comentarios sobre a foto de cuberta. Na editorial provocou moita controversia o último debate no blo sobre unha das nosas portadas.

Volve o detective Dopico

Sei que os moitos seguidores de Diego Ameixeiras agradecerán coñecer a noticia de que hoxe chegaron do prelo os primeiros exemplares d’ O cidadán do mes, a súa segunda novela. Horacio Dopico, o detective máis canalla da literatura galega, desta volta enleouse cun caso onde nin a dobre moral nin a corrupción son patrimonio exclusivo da clase política.
Estará nos andeis das librarías a vindeira semana.

Primeiro orixinal de 2006

Moito piaron por el os comentaristas do Cabaret con motivo do seu aniversario. Esta mañán entregou moi cediño o seu novo libro: un único parágrafo de 34.942 palabras, 204.124 cce, que alzan xa 128 páxinas perfectamente maquetadas. É o primeiro orixinal deste 2006. Lino dunha sentada: magnífico, magnífico…!!!