"Cólera" de María Xosé Queizán

Hoxe presentamos Cólera, o máis recente poemario de María Xosé Queizán. Durante o acto proxectarase un vídeo de 45 minutos, preparado por Manuel Forcadela, que recrea con imaxes, testemuños e músicas seis dos poemas do libro.
Cólera é a memoria orgullosa dunha xeración que rememora un proceso histórico clave na conformación do tempo presente. Empregando a emotividade que proporciona a paixón poética, a autora loa á mocidade galega que iniciou o galeguismo político de posguerra e se mobilizou para derrocar o réxime do tirano. Polo poemario discorren acontecementos políticos e sociais decisivos dunha década (a que vai dende mediados dos sesenta ao inicio da Reforma Política): a formación do Consello da Mocidade, o 25 de xullo de 1969, Castrelo de Miño, Ferrol 10 de marzo de 1972 ou as Encrobas. Mais tamén, polo libro discorren elexías ao Che Guevara ou a Frantz Fanon, figuras que serviron de referentes ideolóxicos a esta xeración. Ademais doutros poemas que constitúen homenaxes explícitas a protagonistas daquel tempo de entusiasmo, confrontación, dor e represión, como os dedicados a “Carmiña” (“Testemuñas os anos dunha loita / de terra e tempo”) e a Reimundo Patiño, por só citar algunha destas pezas.
María Xosé Queizán, como xa fixera noutras ocasións, emprega o poema como rexistro ensaístico, fuxindo do intimismo e verquendo toda a súa intencionalidade social humanista para conseguir un poemario inusualmente comprometido e irado no contexto da poesía galega actual. Eis o título, rotundo, provocador e luminoso como metáfora daquel tempo onde agromou, con tanto esforzo, a esperanza da liberdade.

Etiquetas:

"Illa Soidade", adianto do primeiro capítulo

Hoxe subimos o adianto en PDF do primeiro capítulo de Illa soidade, a novela de An Alfaya gañadora do premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil. Boa lectura!

Premio Xerais 2007, os artigos de Luzes

Hoxe o Luzes de El Pais Galicia publica varios artigos arredor dos Premios Xerais:

"Minimaladas", adianto de cinco historias

Hoxe subimos o adianto en PDF de cinco (das oitenta e catro) minihistorias que conforman Minimaladas, a obra de Carlos López gañadora do Premio Merlín 2007.

"Cardume", adianto do primeiro capítulo

Hoxe subimos o adianto en PDF do primeiro capítulo de Cardume, a novela de Rexina Vega gañadora do Premio Xerais 2007. Boa lectura!

"Illa Soidade", testemuño dun xurado

Martín Pawley foi membro do xurado do Premio Fundación Caixa Galicia 2007 que outorgou o galardón a Illa soidade de An Alfaya. Aquí fai unha primeira achega á obra. No mesmo espazo publica a primeira entrevista que na noite da entrega fixo á autora.

Premios Xerais 2007, a repercusión nos blogs

Ás primeiras informacións sobre o fallo dos Xerais, aparecidas onte nas edicións electrónicas dos xornais, engadíronse hoxe outras referencias nos blogs e nos espazos culturais electrónicos:

Premios Xerais 2007, a crónica de Alfredo

Completísima a crónica de Alfredo Ferreiro. Vídeos e entrevistas en Días estranhos e no blog dos pelachos. Moitas grazas. Beizóns para os tres!