Teño un disgusto enorme polos inxustos e desproporcionados
ataques que está recibindo Suso de Toro (unha persoa honesta e xenerosa onde as houber) a raíz do
manifesto que se fixo público onte. Non entendo a que vén a posición do profesor
Losada.
Tratar de apoiar unha corrente de cambio, promovendo a participación do electorado nacionalista e progresista (sensible a adoptar unha posición abstencionista diante da innegable febleza da alternativa que se lle propón) non é, nin moito menos, apostar polo voto ao PSdeG-PSOE (como argumenta Losada); é, simplemente, a estratexia posible para impedir un novo triunfo de Fraga. Que cadaquén vote a quen mellor considere, en función das súas conviccións ou da valoración que faga da oferta electoral presentada por cada un dos dous partidos (candidato, listas, programas…). Ou é, que agora, non estamos de acordo en que o
fundamental é abrir unha nova etapa política tras dezaseis anos de gobernos de Fraga Iribarne?
Canto máis falo coa xente coa que teño relación, palpo maior desolación e impotencia. Sen embargo, como son un optimista da vontade, creo que non é este o momento de pecharlle as portas á esperanza. Unha apreta fraterna para Suso de Toro.