Boa Noite
Con todos os abrazos.
Boa Noite!!!
Estou satisfeito coa recepción positiva que tiveron no Cartafol os dous recentes libros de conversas con Ferrín e Suso de Toro. Seguirei atentamente a serie de posteos que iniciou Martin Pawley sobre as conversas con Ferrín, de quen, por certo, xa temos dende hoxe o novo poemario fóra do prelo.
Nin sequera unha mención na web dos editores galegos, uns editores demasiado concentrados nas súas pretensións de que as institucións públicas lles baleiren os almacéns dos excedentes rexeitados polo público, demasiado compracidos coa compaixón allea, e tamén propia, que esperta esa perenne situación de crise que atravesa o sector, como para poñerse a discorrer en novas liñas de negocio ou buscar unha formulación global para solucionar o problema.
Palabras, sen dúbida, moi ferintes para o colectivo de editores galegos que desde o traballo rigoroso e honesto procuramos atopar novos camiños para o noso sector. Mágoa que Moisés non confrontase as súas iniciativas e propostas coas doutros editores e participantes nos debates que se produciron no Simposio e que continuaron na rede. Nun ambiente de respecto e confrontación sincera de posicións algo quedou moi claro: todos desbotamos sen excepción calquera posición vitimista ou compracente sobre o noso oficio e o noso futuro. Desta volta, Moisés errou o tiro, ben que o sinto.
Hoxe ao mediodía recibín na editorial a visita do meu benquerido profesor. Regresou onte de Lúa de Avellaneda, onde durante a semana pasada, como comentamos no Simposio cando preguntaron por el, estivo dando varias conferencias, entre elas, unha no mítico café da Avenida de Mayo.
De todos é coñecida a miña querenza por don Xesús, personalidade humana e cultural na que recoñezo a súa teimosía e coherencia na defensa das súas conviccións e o seu impagable e incansable labor erudito e bibliómano. Tróuxome de Buenos Aires dous agasallos que gardarei nos andeis preferentes da miña biblioteca.
Un exemplar d’ O que cómpre saber da lingua galega, título da súa autoría, publicado pola bonaerense editorial Alborada, en 1969, dedicado a Méndez Ferrín e “prá terra, hoxe auga, de Castrelo do Miño”. A edición é preciosa, realizada ao coidado de Arturo Cuadrado (o galego, primeiro editor de Cortázar) e con cuberta de Luís Seoane; mais os contidos, tampouco perderon interese. Utilísimo pareceume o capítulo “Estatística da produción literaria galega entre 1938-1968”, que nos serve hoxe para reconstruír a historia da nosa edición, fóra e dentro do país, durante a Ditadura, comparándoa coa catalana e vasca.
Un exemplar d’ A Gaita a falare (Lembranzas e maldicións) de Ramón Rey Baltar con prólogo de Eduardo Dieste. Unha auténtica alfaia da poesía galega do exilio, editado en Buenos Aires en 1939 pola Central Galega de Axuda ao Fronte Popular Hespañol (sección da Federación de Sociedades Galegas da República Arxentina), ilustrado con imaxes de Castelao, Seoane, Colmeiro. Poemas costumistas mestúranse con outros vibrantes na dor da traxedia tan recente. Impresionantes son textos como “Carta a un vello compañeiro de navalla”, “Mater dolorosa” ou “¡Antes mortos que escravos!”). Leremos a Rey Balter de vagariño, como merece.
Estamos satisfeitos do resultado do Simposio, sobre todo, polo debate que está creando na propia rede. Adianto unha relación de enlaces de amigos e amigas que o comentan estes días:
Beizóns para todos!
Mañá comezará o Simposium sobre “O libro e as novas tecnoloxías” coas agardadas conferencias de Millán, Badiá e Barandiarán, e os debates sobre o futuro da edición e a snovas tecnoloxías e sobre a edición en lingua galega e as súas aplicacións educativas.
Neste momento contamos case con cen inscritos, o que semella espertou moito interese.

Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
