Libros canapé
Os libros canapé asolagan as mesas de novidades das librarías. Son os reis do novo mercado do libro.
O editor do libro canapé necesita un personaxe “coñecido”: actor, actriz, presentador de televisión, tertuliano, deportista, político en ascenso ou declive, ou simplemente un dos visitantes semanais das páxinas de papel cuché ou das imaxes do Tomate, da Dolce Vita ou do programa da tamén escritora AR. Un personaxe que aborde un tema de “rabiosa” actualidade, polémico ou chamativo (violencia doméstica, corrupción urbanística, anecdotario médico, separación dolorosa, traxedia persoal…); ¡magnífico!, se conta toda a verdade nunhas memorias (escritas por el mesmo) a tumba aberta ou nun libro de conversas autorizadas cun xornalista experto; extraordinario!, se o personaxe se atreve mesmo cunha primeira novela, escrita en apenas quince días de intenso traballo, entre sarao e sarao.
O editor propón unha extensión controlada: menos de duascentas páxinas é a cifra ideal, para conseguir así un volume que se poida vender no mercado a un prezo asequible. O resto queda en mans da maquinaria da editorial: unha corrección impecable de estilo, unha cuberta atractiva, utilizando os novos tratamentos infográficos; unha tipografía e un interliñado xenerosos que faciliten a lectura do novo público lector que se quere gañar; e sobre todo, isto é o máis importante, conseguir unha distribución arrolladora que desprace aos “produtos” da competencia. Velaí a fórmula segura do éxito dos editores do libro canapé.
Con todo, falta aínda un ingrediente decisivo: unha campaña mediática potente, apoiada polos programas de televisión dos comunicadores á moda. Para iso hai que coidar todos os detalles: montar unha presentación nun hotel de campanillas que serva exquisitos canapés; atopar uns presentadores carismáticos que “avalen” o libro e demostren coas súas gabanzas a importancia cultural do novo texto; asegurarse que se vai reunir “toda a profesión” e “todos os moitos amigos” do novo autor ou autora que agardarán estoicamente na cola para que lle asine os primeiros exemplares. As cámaras dos programas de cotilleo, os suplementos dominicais coas súas entrevistas que descubren o rostro descoñecido do autor, as listas dos máis vendidos nos xornais, e, se o libro ten tirón, a “turné agotadora” por provincias. farán o resto.
Nese contexto tan atractivo, a quen lle pode extrañar que Ana María Ríos publique o seu primeiro libro relatando a súa apaixonante experiencia? Haberá quen pense que este primeiro libro canapé galego contribúe a normalización do noso sector editorial. Un interesante debate sobre as diferenzas entre os produtos editoriais e a edición de cultura na que algúns teimamos. Permanezan atentos á pantalla, isto só acaba de comezar.












