Libros e tecnoloxía
Vía Libreros chego a este espazo monográfico de Literaturas sobre Libros e tecnoloxía. Interesante para facerse cunha idea xeral sobre o debate no que vimos insistindo.
Vía Libreros chego a este espazo monográfico de Literaturas sobre Libros e tecnoloxía. Interesante para facerse cunha idea xeral sobre o debate no que vimos insistindo.
O da dixitalización dos fondos analóxicos impresos (trinta e cinco millóns de libros dos que só o 10% están en dominio público) é un dos debates claves do novo paradigma da literacidade electrónica, xa que afecta ao papel tradicional dos editores e das bibliotecas, ademais das implicacións que supón para a regulación do dereito de autor e ao funcionamento do modelo actual de comercialización dos contidos textuais.
Certamente no Simposio non se abordou a cuestión do papel electrónico. Óscar González proporcionounos informacións sobre esta cuestión: o proxecto que o MIT leva desenvolvendo dende hai seis anos e a presentación dun lector de Sony e Philips na páxina de E-Ink que avala a tese de que o papel de celulosa pode ser substituído no futuro polo papel electrónico. Obigado, amigo Óscar González. Máis datos para a reflexión.
Xa está operativa en castelán a versión beta de Google print. Consultando a páxina de Catuxa (sempre alí hai sorpresas) un pode facerse unha idea cabal das posibilidades e dos problemas deste novo buscador que pretende indexar a información e os contidos existente en millóns de libros. Non hai dúbida de que para os editores este sistema pode supoñer un xeito de promocionar os seus libros, ao tempo que transformar, un pouco máis, a estrutura do proceso de edición. Móvese e de forma moi acelerada o mundo da edición internacional. Polo momento, non está de mais ensaiar co buscador para atopar as súas posibilidades.

Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
