Teleformación en Galicia

Noa Orizales presentou no Simposio unha panorámica moi completa sobre o estado en Galicia da teleformación, formación a distancia, e-learning, educación virtual, teleaprendizaxe, e-formación, telemática educativa, variadas denominacións para referirse ao novo sistema educativo que emprega internet como canle para a distribución e xestión do coñecemento. Na actualidade, conceptos como educación a distancia, educación virtual ou “blended learning” mestúranse entre si e coas novas tecnoloxías da aprendizaxe, dando orixe a unha nova era educativa, que está redefinindo os clásicos conceptos de espazo, tempo e alumno, para abrir un novo período, máis acorde coa Sociedade da Información na que estamos inmersos.
Noa Orizales debuxou un mapa da teleformación no noso país noso, dende as iniciativas pioneiras de Radio Ecca, Ciberuned e CESGA, dando conta logo das actuais experiencias universitarias de aulas virtuais de Santiago, Vigo e da Coruña e doutras experiencias promovidas pola Consellaría de Educación (Siega, Platega), concellos, deputacións, sindicatos e asociacións, e preguntándose polas razóns da paralización do proxecto da Universidade Virtual Galega.
Concluíu Noa Orizales a súa interesantísima ponencia propoñendo unha reflexión sobre as consecuencias da boa saúde da que goza a teleformación en Galicia, o que conlevaría para ela repensar o papel que no futuro terán os métodos de ensinanza tradicional. Consecuencia disto afirmou que “a edición tradicional ten moito camiño que andar, xa que se non quere converterse nunha reliquia de museo, deberá aprender a procurar novas vías de expansión e comunicación ligadas ás novas formas de distribución do coñecemento. O tradicional libro de texto impreso, tal e como ata o de agora o coñecemos, tende paseniñamente a converterse nun elemento secundario no proceso de ensinanza-aprendizaxe, deixando un maior protagonismo aos materias interactivos e dixitais”.
1 comentario

Los comentarios están desactivados.