Os dereitos de autor e as novas tecnoloxías

Leovixildo García Bobadilla, asesor xurídico do Grupo Filmax, abordou no Simposio a cuestión dos dereitos de autor en relación coas novas tecnoloxías. Foi a súa unha conferencia técnica interesantísima.
Iniciou a súa intervención explicando que está en cernes o anteproxecto de reforma da Lei de Propiedade Intelectual, que, na súa opinión, presenta grandes eivas no que atinxe á edición dixital (a lei redactouse antes das novas posibilidades de edición, repetíndose, por pór un caso, constantemente a palabra “exemplares”), polo que presentará problemas, xa que non se explicitan asuntos concretos como os que debe recoller un contrato editorial no relativo a:
-número máximo e mínimo de exemplares (na edición dixital descarga da obra?)
-obrigas do editor (certificación da impresión, venda, existencia de exemplares, venda en saldo, tiraxe, etc como se resolven se a lei non o explica?)
Este tipo de cuestións poden anular un contrato de edición, tanto por parte do editor como do autor se non se pactan antes e se refliten no contrato.
No anteproxecto de reforma da Lei de Propiedade Intelectual non figura cómo se vai resolver para a edición electrónica o rexistro nin do ISBN nin do Depósito Legal. Actualmente na Comunidade Autónoma de Madrid, por exemplo, para unha edición electrónica non se esixe Depósito Legal, mais si, pola contra, en Catalunya.
Para García Bobadilla no contrato dunha obra que vai ser editada electronicamente hai que contemplar distintas necesidades de explotación, mencionar o territorio (a explotación limitada a un só país non tería sentido) e a súa posibilidade de fragmentación (cando se trata de libros de consulta pode interesar pór á venda capítulos por separado, pero habería que explicitalo no contrato). Subliñou, tamén, a importancia que cobrarán as entidades de xestión colectiva da obra electrónica (Cedro, SGAE…) e de termos específicos xurídicos como o “dereito de sincronización”, que tradicionalmente só se usaba no cine (libro dixital con música), e “dereito sui generis” (a base de datos pode ter dereitos de autor á marxe da información contida nela cando se estime que por si mesma ten orixinalidade suficiente (obras de referencia por exemplo).
Por último, abordou a cuestión das licenzas Creative Commons, de proxectos de dixitalización de obras en dominio público como o de Google Print,e da xerencia dos dereitos dixitais (DRM). Baixo este nome acóllense unha amplia variedade de sistemas que protexen o uso dos contidos dixitais e que poden controlar como se está movendo (accesos -número ou tempo de uso-, etc.). O asociacionismo de editores pode ser moi importante para este tipo de controis e mesmo para fornecer formatos de dixitalización aos seus asociados.