"Cardume", a memoria resistente da literatura

As dúas presentacións de Cardume constataron a importancia do debut de Rexina Vega como narradora, ao tempo que constituíron senllos actos cívicos de homenaxe á memoria resistente da literatura e da figura de Urbano R. Moledo.
En Compostela, Suso de Toro comezou a súa presentación sinalando que “é sorprendente que aparecese unha primeira novela tan ben resolta, impecable, tan ben feita como Cardume, ao tanto que aparece unha escritora”. Logo estableceu un paralelo da novela de Rexina con Paradiso de Lezama Lima: “Hai moito de vocación, dun mundo non vivido, moi numénico, cheo de aura, de densidade, cheo de ecos, e isto está todo na novela. Un mundo que actúa como fermento, coma o pan que está a levedar. Comeza cunha invocación á memoria, coa voz da narradora, unha meniña, na visita ao cemiterio de Pereiró. O libro é, pois, unha viaxe ao pasado, ao país dos mortos”. Continuou, Suso de Toro apuntando que “o carácter do libro é o daquela historia que merece ser contada; o seu material é o do que se nutre a tarxedia e o melodrama para un publico de lectores que se atreve con ese descendemento. Quen o faga vaise ver envolto nunha atmosfera pegañenta”. Detívose, despois, en abordar un aspecto que, coma galegos pode ser interesante: “a épica da cidade, a do Vigo do primeiro terzo de século, onde hai todo tipo d eoportunidades, hai futuro, hai ledicia, hai esperanza…, demostrando que non somos fillos dunha historia colectiva de fracaso”. Para rematar, Suso salientou que en Cardume hai un fío umbilical entre a narradora e a historia contada: “Esa presenza é sintomática dunha función esencial da literatura, dar sentido ás nosas vidas, dar sentido á existencia. En Cardume nárranse moitas mortes, mais non aparece contado ningún funeral, non houbo palabras de despedida e esperanza para persoas como Urbano R. Moledo. A literatura pode servir como forma de oración para esas vítimas”.
O acto de Vigo consistiu nunha homenaxe á figura de Urbano R. Moledo con intervencións moi fermosas da autora (que leu fragmentos da novela, ao tempo que expresou as súas intencións como autora: “Na miña escrita quero a frase precisa e máis honesta”), de Manuel Forcadela e de Xavier Moreda (membro da Asociación Viguesa pola Memoria do 36). O profesor Xesús Alonso Montero desculpou a súa ausencia e enviou este texto que transcribimos:

Palabras, desde Valencia, sobre Rexina Vega
Miñas donas e meus señores:
Falo desde Valencia, onde asisto, como conferenciante, a un Congreso Literario que conmemora, no seu 70 aniversario, o celebrado en 1937 polos Escritores Antifascistas do mundo enteiro, aquel Congreso que se propuña defender, da barbarie fascista, a República española, a nosa gloriosa República.
A Valencia de 1937 e a Valencia de hoxe non son alleas á temática, á tensión e á emoción literarias presentes nas páxinas de Cardume, algunhas, poeticamente excelsas.
Se tivese a sorte de falar aí, en Vigo –en prosa non preescrita– disertaría sobre a xestación da gran novela de Rexina Rodríguez Vega que hoxe nos convoca, un prodixioso e dramático relato protagonizado por alguén que se chamou Urbano Rodríguez Moledo, cidadán de ideas socialistas, escritor polifacético en galego e humilde funcionario municipal, fusilado no monte do Castro o 10 de decembro de 1936 ós 34 anos de idade. Resulta que o infortunado escritor –o Urbano da novela– foi curmán da avoa de Rexina Vega, como ela mesma conta no limiar d’ A volta da perdida, peza teatral inédita incautada a Rodríguez Moledo polos militares no tráxico verán de 1936 e atopada, hai pouco, pola man dilixente do historiador e filólogo Ángel Rodríguez Gallardo. Hoxe tamén presentamos a primeira edición desta obriña de teatro, rescatada dos arquivos da represión 71 anos despois, e que se publica, en Edicións do Castro, nunha colección que eu bauticei cun termo non eufemístico: “Biblioteca do 36”. Precede a esta exhumación un estudo esclarecedor e reinvindicativo de Rexina Vega, hoxe por hoxe a única monografía sobre o cidadán e o escritor Urbano Rodríguez Moledo.
Se eu tivese a sorte de falar aí –en prosa non preescrita– disertaría sobre a xestación de Cardume, a novela protagonizada por Urbano, un personaxe construído coas mellores normas da ficción narratolóxica pero inspirado na biografía do dramaturgo socialista fusilado en Vigo hai 71 anos. Rexina Vega, mentres se interesaba, como cidadá e historiadora, pola vida e a obra literaria de Urbano Rodríguez Moledo, resolta a devolverlle a dignidade arrebatada, inventa un relato novelesco que o infortunado escritor protagoniza, un relato, Cardume, que xa é unha páxina de ouro da narrativa galega das últimas décadas. Relato inscrito, de cheo, na narrativa centrada na Guerra Civil, Cardume é novela con rasgos e virtudes ausentes nas mellores deste xénero.
Rexina escribíu coa mesma man a breve monografía sobre o infortunado escritor e a novela que el protagoniza: coa man esquerda. Eu comecei a ler esta novela, aínda inédita, cun certo temor, pero, lidas as primeiras páxinas, atrapoume e convenceume o universo humano do relato e a feitura do relato mesmo, ademais da súa prosa, da súa literaria prosa.
Se eu tivese a sorte de falar aí, disertaría sobre a xestación da maxistral novela de Rexina Vega, e apuntaría que, mentres ela investigaba a vida e a obra do seu infortunado parente, sentiu a necesidade de construír a súa novela e, quizais sen sospeitalo, foise descubrindo como narradora; para nós, os lectores, como unha orixinal narradora literaria. Rexina Vega acaba de entrar na Literatura pola porta grande.
X. A. M.
novembro, 2007
Actualización (03-12-2007): Entrevista a Rexina Vega na Peneira: “Teño moitisimas ganas de escribir para saber que é o que podo dar, xa que isto é un primeiro ensaio. Teño moitísimas ganas de descubrirme como escritora, independentemente das circunstancias: se vas recibir un premio, se aos lectores lles pode gustar ou non; pero significa que paga a pena que faga ese esforzo de seguir escribindo, de descubrirme”.
Etiquetas:

"Cardume", presentacións

Hoxe en Santiago e mañá en Vigo presentaremos Cardume, a novela de Rexina Vega gañadora do Premio Xerais 2007. O acto de mañá no Marco, será tamén unha homenaxe á figura de Urbano R. Moledo, o escritor galego fusilado, xunto a outras doce persoas, no monte do Castro o 1o de decembro de 1936, a quen lle foi incautada polos militares unha peza dramática, A volta da perdida, agora editada por Ediciós do Castro (dentro da Biblioteca do 36) e prologada pola propia Rexina. Neste acto cívico, organizado por Xerais, Ediciós do Castro e pola Asociación Viguesa pola Memoria do 36, intervirán Manuel Forcadela, Xavier Moreda e Rexina Vega, ademais de contar coa lectura dun texto preparado polo profesor Xesús Alonso Montero e coa actuación da cantante Rosaida.

Etiquetas:

"O único que queda é o amor", presentación na Coruña

Mañá, despois de viaxar pola mañá a Madrid, volverei por Coruña para acompañar a Óscar Sánchez na presentación do novo libro de Agustín. O acto desenvolverase baixo a fórmula da entrevista ao autor e promete ser moi interesante. A compañía é inmellorable e o libro de enorme interese.

Unha tarde en Lugo

Onte pasamos unha tarde magnífica en Lugo con motivo da presentación do libro de Miranda. Marcos realiza unha hoxe unha completísima crónica, tanto do desenvolvemento acto (onde realizou unha intervención moi atinada) como da paseata á noitiña que fixemos pola Muralla, dirixidos polos comentarios de Pepe, Xoán Cuba, Isidro Novo e outros amigos e amigas entrañables. Na viaxe de volta, despois de que fomos parados en Guntín pola Garda Civil (“las pegatinas son para poner”), falamos devagariño de tantas cousas que nos unen dende hai tres décadas e dos proxectos que temos en marcha. Marcos Valcárcel ven desempeñando un labor hercúleo de divulgación e promoción galeguista (agora, tamén dende o seu blog extraordinario) que merece a nosa maior admiración e recoñecemento. Un tipo dunha peza, formidable! Beizóns para el.

Actualización (22:00): Pepe publica dúas anotacións sobre a presentación, a primeira é a crónica do desenvolvemento do acto e a segunda as notas que empregou Marcos (unha intervención, insisto, magnífica, na que debullou o sentido dos nove relatos). Entendo a afirmación de Miranda “algúns críticos fican desorientados cos meus libros de relatos”, coma xa comprobamos sucedeu con estas Mans do medo, onde se mesturan relatos fantásticos (por favor, non confundir con fantasía), outros da literatura do horror (diferenciar do terror), outros no marabilloso e outros de carácter metafísico ou onírico (próximos a Kafka). O texto de Marcos pode axudar a identificalos e interpretalos acaidamente.
Por outra banda, cómpre salientar que a intervención de Miranda foi tamén moi bonita e clarificadora sobre as intencións da súa escrita. Transcribo algunhas das notas recollidas na miña libreta:

“Eu son un escritor que quere escribir como se escribiu ben sempre, como quen come pan. Pretendo que olector non vexa os artificios do meu traballo, que a historia teña impulso narrativo. O narrador ten que narrar, é un contador de historias”.
Diante da pregunta de Maros sobre o futuro do conto tradicional, Pepe non dubidou: “O conto tradicional galego desaparecerá por que o mundo tradicional onde naceu xa desapareceu. Mais seguirá o conto, xa que a xente precisará seguirse contando historias, baixo novas fórmulas. Velaí o pulo das actuais lendas urbanas”.
Por último, Miranda abordou a cuestión dos medos presentes no libro: “Algúns son medos tradicionais e outros modernos (como o medo á informática ou aos cambios biolóxicos). En xeral eu abordo dous temas: o primeiro, a alienación, a perda da identidade; o segundo, a desilusión, a perda da utopía, da infancia, a perda da marabilla. O medo, sexa literario ou cinematográfico, ten uha función terapúetica, xa que nos prepara para afrontar outros medos que podemos atopar ao longo da vida”.

Actualización (25-11–2007): jaureguizar completa a crónica da tarde adiantando as vindeiras novidades que publicará Miranda en Xerais: a reedición da novela Vestio (en Fóra de Xogo) e unha guía de Galicia (máis de cinco centas páxinas) en dobre edición, galega e castelán.

"As mans do medo", presentación en Lugo

Mañá acompañaremos a Marcos Valcárcel e Xosé Miranda na presentación en Lugo d’ As mans do medo. Tres blogueiros na mesa para falar do que entendo como un dos cumes da nosa literatura de terror. precisamente, Miranda remata estes meses a edición da súa completísima guía de Galicia, que pretendemos ter editada (con fotos, na súa maior parte, de Xurxo Lobato) na primavera. Falaremos devagariño desta obra importante para o coñecemento do país, tanto por parte dos galegos como daqueloutros que nos visitan (faremos edición simultánea galega e castelán).

Etiquetas:

"O único que queda é o amor": a primeira crítica

Hoxe saíu a primeira crítica do libro recente de Agustín (grazas, Tati). Aquí pode baixarse o pdf do adianto de “Amor de gosto”, un dos dez contos do volume. A primeira presentación realizarase o mércores 28 de novembro, ás 20:30 na Biblioteca González Garcés da Coruña.
Teño moi boas vibracións sobre a acollida deste conxunto de relatos (boa parte deles memorables) que para min constitúe unha enorme homenaxe do autor á lectura e á excelencia da escritura. O único que queda é o amor é un libro importante deses que permiten anchear os límites da nosa narrativa. Recoméndoo vivamente.

Chispas de Quesada

No artigo de semana fago unha breve semblanza do traballo de Quesada en Faro de Vigo con motivo da presentación da súa antoloxía, o xoves 22 de novembro en Vigo.

Etiquetas:

"Boas noites" de Berrobamban

Onte participamos na presentación da estrea de Boas noites o espectáculo teatral que Berrobamban estreará mañá en Compostela no Salón Teatro e que estará en Vigo no teatro de Caixanova o sábado e o domingo desta fin de semana. Esta representación do texto de Paula Carballeira, premiado na Iª edición do Manuel María e publicado na nosa Biblioteca Dramática Galega con ilustracións de Noemí López, seméllame un dos modelos máis interesantes que se teñen ensaiado en Galicia de colaboración entre a iniciativa pública e privada. Coincidindo coa estrea poñeremos a venda un DVD (tanto co libro como por separado) que inclúe os temas musicais do espectáculo e un xogo interactivo sobre os medos de tradición popular, elaborado sobre textos escritos expresamente para o proxecto por Antonio Reigosa. En definitiva, un texto premiado, representado (con música en directo, e un calendario de distribución bastante amplo) e publicado con dignidade (libro ilustrado e encadernado en capa dura, amparado cun produto electrónico e unha magnífica web, onde se poden descargar moitos elementos do proxecto). Moitos fíos unidos para tecer un produto cultural en galego destinado a un público familiar amplo. Volveremos sobre a estrea.

Etiquetas:

Presentación dos Premios Fundación Caixa Galicia

Despois de dúas xornadas de intenso traballo en Madrid, regresei por Compostela para participar na presentación de Illa soidade de An Alfaya, gañadora do Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil e O ceo dos afogados de Francisco Castro, finalista do mesmo certame. A presentación foi moi xeitosa e orixinal, xa que An presentou a obra finalista e Fran a gañadora.
An Alfaya sinalou que que toda a literatura de Francisco Castro era trangresora e esta novela, enchida dunha atmosfera de extrañeza, tamén o era, xa que constitúe un S.O.S do que está pasando no mundo. Pola súa banda, Fran indicou que a novela de Alfaya abordaba un tema silenciado que busca facernos reflexionar: “Detrás de cada illa soidade hai un corazón, hai tenrura, hai odio, hai amor, hai un ser humano”. Dúas novelas literariamente importantes sobre o dilema da comunicación/incomunicación que amosan a madurez da nosa literatura xuvenil.

"A lúa dos Everglades": presentación en Melide

Esta mañá presentamos no concello de Melide A lúa dos Everglades, a novela de Xesús Manuel Marcos gañadora do Certame de narrativa Terra de Melide 2007. Quedei abraiado pola intervención de Socorro Cea, a alcadesa do BNG, que soubo contextualizar a presentación na tradición da edición de Terra de Melide o 7 de xuño de 1933 por parte dos membros do Seminario de Estudos Galegos e de Ánxel Casal (que xa ten rúa en Melide, dende o pasado mes de agosto), ademais de amosarse moi agarimeira co traballo da editorial. Grazas, moitas grazas.
Na súa intervención Marcos alternou a lectura de fragmentos [moi ben escollidos] da novela con algúns comentarios sobre eles. Quedei na libreta con estas notas das súas palabras:

  • “O tema da emigración, paradoxicamente, foi pouco tratado na literatura galega”.
  • “A novela abrolla no tempo e na distancia, que non se mide en espazos, senón, como sinala o poeta Xoán Neira, en sentimentos”.
  • “Os personaxes da novela percorren as rúas de Bos Aires, Madrid ou Miami, mais co seu espírito percorren os vieiros dun pasado inesquecible. […] A droga máis dura que coñecen: a súa Terra”.
  • “Cada emigrante recende a pan e maila terra mollada”.
  • “Os Tamara son a melodía da distancia”.

Culminamos a presentación cun pouquiño de empanada e queixo, adozado con melindres e eses “Ricos” (únicos) de Melide, dos que trouxemos un par de bolsas para Vigo.

Actualización (28-10-2007): a noticia da presentación na Voz de Galicia e a referencia aos Ricos (doces en perigo de extincio) no blog de Marcus.