"A venus de cristal", presentación

Onte presentamos na Coruña A venus de cristal, a segunda novela de Chelo Suárez. O acto foi concurridísimo, máis dun centenar de persoas, e confirmou a miña intuición de que esta novela vai constituír unha das sorpresas deste ano literario recén comezado. Foi presentada pola escritora Begoña Paz (da que publicaremos proximamente As mellores intencións, premio de novela curta do concello de Riveira).
Chelo Suárez, como o seu protagonista, o vidreiro de Murano Pietro Puliani, procura nesta novela de espírito renacentista a beleza en cada unha das páxinas. Unha historia ambientada naquela Venecia opulenta e cosmopolita do século XV onde utilizando os recursos dunha novela de intriga (con crime incluído) se propón unha reflexión sobre o fuxidío da beleza. Empregando unha prosa minimalista, sinestésica e unha estrutura de capítulos moi breves, Chelo vai mesturando o onírico co real, o vivido co soñado, a alquimia coa sensualidade, para propoñernos un ensaio sobre a beleza perfecta, que identifica, como tamén fixeron os mestres renacentistas coa inmortalidade que só se adquire por medio do coñecemento. A novela é, ademais, unha homenaxe ao mestre Boticcelli e a dúas cidades (a Venecia, filla do mar e labirinto de paixóns; e a Firenze templo da beleza serena) que emerxen luminosas construídas por palabras-laxe. Un texto interesante e de lectura engaiolante. Agardamos as primeiras críticas e valoracións dos lectores e lectoras. O éxito de presentación tan exitosa encheunos de expectativas.

Etiquetas:

"A neve do tempo"

Hoxe presentamos en Ourense A neve do tempo, un fermoso libro de arte froito da colaboración entre o escritor Alberto Pascual e o pintor José Antonio Ocaña. Para o crítico Juan Carlos García Alía, ambos os dous autores “forxaron un valioso libro de artista por cuxas páxinas despregan un fermoso espazo dual e equilibrado co que, a propósito do amor, a terra, a vida e a morte, as dúbidas, encamiñan ao lector ao goce analóxico de dúas artes orixinais que, en lugar de contrapoñeerse, se dan a man: os sentidos poemas de Pascual, e as suxestivas pinturas de Ocaña realizadas con lapis de cor, acrílico e impresións dixitais”. “A xa vedraña relación pintura-poesía, que clava as súas raíces na antigüidade, coas noticias reveladas por Simonides de Ceos (V a.C), Aristóteles (IV a.C.) ou Plutarco (II y I a.C.), patentadas na ut pictura poesis de Horacio (I a.C.); a inflexión do Laooconte de Lessing (1776), e a subseguiente ambivalencia sobre os límites interartísticos argumentadas durante séculos posteriores (Gombrich, Winesatt, Mitchell, etc.), renace nesta orixinal composición na que, como albisca Alfonso Palomares, o prologuista, lonxe do típico libro no que se ilustran uns poemas ou se rima a partir dunha iconografía, Ocaña e Pascual concatenan linguaxes autónomas nas que xurde harmonicamente un mesmo sentir nesta creación. Os propios artistas veñen conferir que este traballo, realizado de manera independente por cada un, conflúe ao xeito dunha percepción do visible e o sensible a través dunha vertente xánica –pintura e poesía–, cal virtual ambivalencia, mais cunha soa moeda: albiscar un retrinco de arte no que entre dúas verbas se desangra A neve do tempo.

Etiquetas:

"Os fabulosos irmáns da luz" de Olaia Sendón

O próximo sábado estréase na Punta da Barca de Muxía Os fabulosos irmáns da luz, o novo documental de Olaia Sendón que constitúe unha homenaxe ao fotógrafo Ramón Camaño, pioneiro en levar o cine á Costa da Morte. En palabras da súa autora:

“O cine era ante todo espectáculo. A posta en escea desta premiere non podía obviar esta realidade e, como non podía ser menos, o evento está organizado en torno a esta idea: ESPECTÁCULO. Malabaristas, luces, sombras, siluetas animadas… xunto co impresionante entorno da Costa da Morte: o mar, as ondas, as rochas (a de abalar e a dos cadrís). Percorrer a alfombra vermella permitirá os asistentes achegarse ao Fabuloso mundo dos Irmáns da Luz.”

Recordamos que hai un ano, Olaia presentaba o seu primeiro documental, A casa de Lola e Andrés, que obtivo unha grande acollida nos diversos festivais no que foi presentado. Neste segundo traballo, que forma parte co anterior do proxecto Costa Difunta, revisítanse os espazos que noutrora foron cines, agora desaparecidos transformados ou botados a perder, acompañando a Ramón Camaño na súa experiencia de cine itinerante pola Costa da Morte. Un traballo moi prometedor e unha estrea, que se promete espectacular, da que falaremos devagariño nestas bretemas.

Actualización (20-01-2008): A estrea espectacular recollida en La Voz de Galicia e Galicia hoxe.

Etiquetas:

"Fóra do sagrado"

Grazas a Marcos podemos coñecer na rede os grandes murais de Xoán Carlos e Xosé Luís de Dios sobre o perfil vigués que constitúen o fondo dos recitais de Fóra de sagrado de Anxo Angueira. Espectaculares, a verdade!

En Intramundi con Carlos G. Reigosa

Onte atravesamos o país para acompañar a Carlos G. Reigosa no acto de presentación na Pastoriza do seu libro de conversas con Xosé Manuel del Caño. O acto foi soberbio, cun salón de actos a rebosar (máis de 150 persoas) e con intervencións memorables, especialmente as de Primitivo Iglesias (o noso ben querido amigo e actual alcalde da Pastoriza) e a do profesor Ángel Basanta, natural da parroquia de Crecente (que percorreu e debullou a obra toda do fillo de Lagoa e fixo unha fermosa defensa da necesidade de transmisión da memoria da cultura tradicional labrega). A intervención do autor de Intramundi, a quen lle custou moito conter a emoción, foi memorable. Recordou o consello que lle deu o seu pai, Venancio de Carracedo: “O primeiro día que con cinco anos me levou á escola díxome: ‘Ti se te perdes dis que es da casa de Carracedo, da aldea da Abelaira, da parroquia de Lagoa, do arciprestazgo de Bretoña, do concello da Pastoriza, da provincia de Lugo’. Durante toda a miña a vida non fixen outra cousa que ter aquilo ben presente. Algo do que nunca puiden prescindir e que manteño coma un compromiso radical”.
Antes da presentación, os tres fillos ilustres da Pastoriza (Iglesias, Basanta e Reigosa) leváronos a percorrer en automóbil os vieiros do espazo literario de Intramundi, a casa de Melle do Loboso, as amplas lombas da Corda humanizadas hoxe de pasteiros, subimos o Coto de Carracedo (onde está o cristo da amizade, ao pé do curro de Campo do Oso, e dende onde albiscamos ao lonxe as praias de Foz), para chegar logo ás Terras de Miranda e xantar en Bretoña un cocido e unha zorza consistentes que adozamos coas freitas da Pastoriza. Ás seis e media da tarde, rematado tan emocionante acto, saímos pitando maís ca felices camiño da Terra Cha para tentar chegar ao partido da selección.

Etiquetas:

"As pontes no ceo"

Hoxe presentaremos en Pontedeume, as 20:00, no Salón de Caixa Galicia, As pontes no ceo, a derradeira entrega da triloxía Vidas de infancia de Ramiro Fonte. No acto participarán César Antonio Molina (ministro de Cultura) e Gabriel Torrente Piñeiro (alcalde de Pontedeume).
Preparei apenas tres notas de editor sobre unha obra que considero fundamental para anchear as marxes de excelencia da narrativa galega. Reproduzo parte do texto que lerei na presentación:

“Como editor destas Vidas de infancia quixera expresar tres brevísimas notas sobre a novela que nos convoca, na que a diferencia das dúas primeiras entregas da triloxía de Fonte, nas que no relato primaba a vida familiar e o entorno escolar, se alumea xa de forma absolutamente decidida a voz da colectividade eumesa por medio de máis dun centenar de personaxes.

Primeira: Ramiro Fonte amosa en toda a obra, e especialmente nesta derradeira entrega, que un dos mellores camiños do escritor (do noso poeta, narrador e ensaísta) para escrutar no máis profundo da condición humana é facelo dende o espazo da local. Aquí, tras as historias humildes de mestres como don Pablo Díaz Novo, músicos como o barbeiro bohemio Uxío Cuíñas, persoas afoutas como Xosé Piñeiro González, o noso primeiro aviador, ou sequera doutras figuras como os futbolistas eumeses Pahíño e Marcelino (o do gol contra Rusia da Eurocopa) atopamos o retrato máis universal de seres humanos enfrontados co seu destino.
O relato de Ramiro Fonte sendo esencialmente local, pegado á cotidianiedade daquel Pontedeume de hai corenta anos, hoxe desaparecido, é, porén, radicalmente universal, perdurable e transcendente porque o narrador biografa as cousas esenciais, aquelas que case sempre se acaban ocultando. Fonte amosa, ademais, que é posible escribir dende a piedade, asumindo de forma respectuosa os riscos de introducir no seu relato persoanxes reais, o que non lle impide ironizar sobre os poderosos e dignificar os humildes.

Segunda: Ramiro Fonte amosa en toda a obra que a infancia é o territorio primeiro da memoria e o berce máis xenuíno da conformación da nosa presenza no mundo. Aquí a recreación da infancia eumesa de Ramiro é a creación colectiva dun mundo. Así sucede tamén neste volume no que se narran cos ollos dun neno, como testemuña que foi o autor, acontecementos tan decisivos como as súas andanzas de boy scout, a súa participación nos folións, como foi capaz de destilar os misterios do azul de metileno, as súas travesías como mariñeiriño pola ría no Nel e no Xeitosiño ou a botadura daquel enorme petroleiro na factoría onde traballaba o pai (un episodio extraordinario).
A memoria para Ramiro non é nostalxia saudosa, a memoria nesta triloxía é a construción vivificadora dun relato colectivo que dá sentido ás nosas vidas. A escritura do eu transfórmase en escritura do nós.

Terceira e última: Ramiro Fonte amosa que é posible escribir unha boa prosa coa mesma precisión dun bo poema. Os aspectos formais da triloxía, mantendo a mesma estrutura nos tres volumes e mellorando, se é posible, a calidade do texto en cada entrega, anchean os límites da narrativa galega. Eis a transcendencia dunha obra literaria que sei collerá máis e máis valor a medida que pase o tempo. N’ As pontes no ceo, como nos dous volumes anteriores, as frases todas están ben construídas e medidas, son transparentes, miniadas co traballo artesanal que lle corresponde a un narrador honrado.

En definitiva, estas tres notas amosan a miña admiración por unha obra da que en Xerais nos sentimos extraordinariamente satisfeitos de ter colaborado en facer chegar aos lectores. Beizóns para Ramiro por tela culminado. Sei que son moitos os lectores e lectoras que saben agradecer a proeza que hoxe celebramos.”

Etiquetas:

"Vigo por Magar III"

Hoxe, acompañados polo alcalde Abel Caballero, presentamos Vigo por Magar III, un novo volume da serie de Magar, o fotógrafo da vida viguesa das últimas catro décadas.
Magar ofrece neste terceiro volume da súa celebradísima serie «Vigo por Magar», iniciada en 2002, outras trescentas instantáneas, panorámicas e retratos que contribúen a enriquecer a reconstrución da historia viguesa das últimas catro décadas. Empregando as mellores posibilidades que ofrecen as ferramentas do fotoxornalismo, Magar ofrece unha viaxe emocionante, entrañable e comprometida polos avatares dunha cidade hiperdinámica que durante este período remudou a súa fasquía e ampliou o seu perímetro converténdose no corazón da Galicia urbana contemporánea. Trescentos cartaces en branco e negro que densifican a memoria próxima de tres xeracións de vigueses e viguesas. No libro amósase o esforzo desta «cidade puro milagre», a dos obreiros nas factorías de Barreras e Citröen, a das pescantinas do Berbés, mais tamén a cidade que na rúa reclama os seus dereitos. Nin a presenza dunha longa galería de familias, alcaldes, concelleiros, empresarios, bancarios, comerciantes, xornalistas, médicos, empregados, escritores, músicos, escolares, taxistas, bombeiros, policías municipais, funcionarios, peñas de amigos ou de xentes de máis posibles. Nin se oculta a importancia do deporte nunha comunidade con vontade de cidade olímpica, sexan os fondistas do Celta, os regatistas de esnais e traíñas, os balonmanistas do Vulcano, os futbolistas modestos do Peñasco ou os derbis do Celta co Pontevedra. Este novo «Vigo por Magar»provoca, como os dous libros anteriores, un recordo compartido que non é pasado nin peza de museo para nostálxicos saudosos. Un libro vivificador e vigorizante para activar a memoria propia ou familiar da cidade que ten a fortuna de ser homenaxeada pola cámara de Magar.

Etiquetas:

"O adeus do vello mariñeiro"

Onte acompañamos a X.H. Rivadulla Corcón na presentación na Coruña do seu máis recente poemario, O adeus do vello mariñeiro.
O libro foi presentado polo poeta Xavier Seoane que comezou salientando que a poesía é unha arte da pervivencia e como tal o libro de Rivadulla (a quen imaxina coma un vello baleiro namorado de salitre) transmite unha visión do mundo dunha rara intensidade. A continuación, Seoane debullou a estrutura do libro, conformado por dous cadernos simétricos de poemas de tres estrofas de tres versos libres, o primeiro do vello mariñeiro e o segundo da súa muller. “No poemario nárrase unha historia de amor e morte. Un triángulo entre home, muller e mar presidido pola aura dun soño. Un mar saudosento, misterioso, penetrado pola melancolía. Amor, morte, tempo, soidade. O mundo dos recordos e do esquecemento. O recordo como forma de vencer á morte. Un libro mergullado no mar de sentimentos: saudade, melancolía e da perda dos soños en dialéctica coa realidade. O que non impide ao poeta ofrecer unha visión estoica, serena, de xente que está afeita a enfrontar dificultades”. Continuou Seoane cualificando o poemario como “canto ao amor, aínda que ten tamén unha dimensión profundamente elexíaca. O amor é o que salva da morte. O amor como legado da vida. Ser de mar e pensamento”. Rematou a súa intervención recomendando a lectura do “fermoso libro de Corcón” no cuarto do vello mariñeiro de Lugrís e citando os versos de T. S. Elliot “O mar ten moitas voces /moitos deuses e moitas voces”.
Rivadulla, antes de ler coa tamén poeta Enma Couceiro unha boa parte do poemario, sinalou que rematara o libro en xuño de 2002, antes do que sucedeu co Prestige. “Ese mundo do mar desfacéndose do que falo no libro é anterior ao Prestige. A grande traxedia do mar son as políticas que se están tomando sobre a pesca. A frota de Muxía da miña infancia cuadruplicaba á actual. Os meus amigos mariñeiros vense obrigados a abandonar unha profesión que aman, recordade que os mariñeiros o son para toda a vida. É unha traxedia cultural e económica que debo denunciar”. Rematou as súas palabras recordando que a imaxe que conserva de pequeno é “a das mulleres dos mariñeiros no malecón de Muxía, quietas, agardando polos seus homes. O malecón, precisamente, que fora construído por elas. cando chegaban, o primeiro que elas recollían era o cesto, onde levaban a comida. Agora non hai malecón e agardan dentro dos coches. os tempos mudaron”.

Nova entrevista a Ramiro Fonte

Nova entrevista a Ramiro Fonte, desta volta na Voz de Galicia. Afortunadamente a publicación da terceira e derradeira entrega das Vidas de Infancia, non está pasando para os medios de comunicación desapercibida (este esforzo afouto de ofrecer case mil catro centas páxinas de prosa galega miniada ben o merece). Na entrevista realizada polo tamén escritor Ramón Loureiro (ollo á crítica extraordinaria de García Posada sobre As galeras de Normandía, considerada polo importante crítico como “obra mestra”, “una de las obras de mayor peso de las literaturas hispánicas en los últimos tiempos” e cun “nivel máximo de exigencia moral y estética, como sólo saben hacerlo los grandes escritores…”, beizóns, Ramón!) hai afirmacións de Ramiro que merecen ser arquivadas:

  • “O home, entre outras moitas consideracións, é un ser memorioso que necesita crear lembranzas para valerse na súa vida. E o certo é que a literatura tamén ten moito de arte da memoria.”
  • “[…] A memoria é coma a auga, foxe das nosas mans. E entón, cando se quere reconstruír literariamente, hai que recorrer á verdade literaria, que a miúdo ten moito de ficción. […] A única maneira de resucitar a moitas persoas que levan anos mortas é entrar nos territorios da literatura, no bo sentido da palabra. Eu en principio quería escribir un libro persoal, de lembranzas… O que fixen é reconstruír un pouco a historia desde abaixo, desde as humildes, desde o cotián. Esta triloxía converteuse nun fresco dunha época porque ten moito de memoria persoal, pero tamén de memoria colectiva.”
  • “¿Quen somos nós agora para xulgar a vida que tiveron que vivir os nosos pais? Faltaba a liberdade, había miseria, e reler o libro faime chorar, pero tamén busquei que haxa cousas que fan rir. Hai problemas que quixen resolver a través da ironía, porque a ironía, como sabemos desde Cervantes, é o mellor remedio que temos contra as vexacións do tempo e contra as inxustizas.”
  • “Quixen facer que a xente aparecese co seu nome, co seu apelido… Plasmar a multiplicidade da vida. A escritura do eu acabou sendo unha escritura do nós. ¿Que hai moita xente morta? Tamén está morto o neno que nós fomos. Dá un pouco de respecto poñerse a facer revivir épocas e acontecementos e persoas que levan corenta anos enterrados, si… Pero se algunha vez quixen parodiar a alguén, foi aos poderosos. Aos humildes, xamais. E se alguén é vítima do sarcasmo do escritor é o propio neno… que fun eu.”
As pontes no ceo será presentada o 26 de decembro, as 20:00 horas no Salón de Caixa Galicia de Pontedeume por César Antonio Molina (ministro de Cultura). Alí estaremos con Ramiro para celebrar a culminación dunha das proezas da nosa narrativa actual.
Etiquetas:

"O único que queda é o amor"

Alfredo Ferreiro e Tati Mancebo tiveron a xenerosidade de gravar a presentación que realizamos na Coruña do libro de Agustín Fernández Paz. O documento audiovisual (vinte e oito minutos) é moi interesante, sobre todo, a conversa entre Óscar Sánchez e o autor d’ O único que queda é o amor.