"Os libros arden mal", Premio da Crítica Galicia e Premio Losada Diéguez

Non hai dúbida ningunha que, despois do éxito de vendas e lectores, a recepción da crítica d’ Os libros arden mal tamén está sendo apabullante. Onte, nun mesmo día, recibiu outros senllos premios, o Losada Diéguez de creación e o da Crítica Galicia (a crónica dende dentro do xurado de Marcos Valcárcel é moi significativa do que alí pasou).
Estes dous novos recoñecementos únense ao premio Ánxel Casal 2006 dos editores, ao Irmandade do libro 2007 dos libreiros galegos, ao Premio da Crítica 2007, ao Premio do Gremio de libreros de Madrid e ao Premio Cálamo 2006.
Novos parabéns para Manolo que hoxe está na Feira do libro de Bos Aires (con importante presenza nos medios porteños) presentando novela tan premiada e recoñecida.

Entrevista con Rivas en Vieiros, realizada por Débora Campos en Bos Aires.

Crónica de Fíos Invisibles da presenza de Manolo na Feira do Libro de Bos Aires e na Federación de Sociedades Galegas. Lectura moi recomendable.

Etiquetas: Manuel_Rivas

"A sombra descalza", Premio The White Ravens 2007

Unha noticia que moito nos aleda: A sombra descalza de An Alfaya acaba de ser seleccionada, ademais doutras dúas obras galegas (Smara e A princesa do Caurel) para a exposición The White Ravens 2007. Dende 1996 a Internationale Jugend Bibliothek de München selecciona, de entre os milleiros de libros publicados cada ano, 250 libros infantís e xuvenís en 32 idiomas e de 47 países para organizar a exposición The White Ravens que cada ano se inaugura na Fiera del Libro per Ragazzi de Bologna. Esta exposición acompáñase coa edición dun catálogo, en lingua inglesa, que contén as información bibliográficas e reseñas dos libros seleccionados. Na certificación que recibimos na editorial a Internationale Jugend Bibliothek manifesta: “Pola calidade literaria de A sombra descalza de An Alfaya foi seleccionada para a exposición The Withe Ravens, 2007 que se organiza anualmente no marco da Fiera del Libro per Ragazzi de Bologna.”
Este é o terceiro premio consecutivo que recibe An Alfaya por A sombra descalza, logo do Premio Lazarillo 2005 e do Premio Xosé Neira Vilas ao libro infantil e xuvenil de 2006, concedido polos editores galegos. Parabéns de novo para An.

Etiquetas: An_Alfaya

"Os libros arden mal", premiado polos libreiros de Madrid

Recibimos con alegría o novo premio outorgado a Rivas por Os libros arden mal. O Gremio de libreiros de Madrid premiou a novela de Manolo como o mellor libro do ano, salientando “a intensidade dun relato que percorre a historia da Coruña dende finais do século XIX ata os nosos días”. O xurado, na acta do premio, destacou que “coa queima de libros procedentes de numerosas bibliotecas da cidade nos días posteriores ao golpe de Estado de 1936 como eixe central, a novela afonda nun tempo que tinguiu de fume e negras sombras a cidade e todo o país tras a Guerra Civil. Ao longo das súas 600 páginas asoman vencedores e vencidos que, da man do seu autor, van abrindo fendas por onde se coa algo de luz nas súas vidas”.
Este novo recoñecemento únese a outros recibidos polo autor e pola obra nos últimos meses: o Premio da Crítica 2007, ao Premio Irmandade do Libro 2007, ao Premio Cálamo 2006 dos libreiros zaragozanos e ao Premio Ánxel Casal 2006 dos editores galegos. Coincide esta boa noticia co comezo dos traballos de reedición iniciados para recuperar dúas novelas de Manolo, un chisco esquecidas no noso catálogo En salvaxe compaña e Todo ben, que pretendemos publicar despois do verán.

Etiquetas: Manuel_Rivas

Os libros arden mal, Premio da Crítica

A semana pasada recibiu o Premio Irmandade do Libro ao mellor libro de 2006; hoxe sabemos que obtivo, tamén, o Premio da Crítica (no apartado de narrativa, mentres que en poesía foi para A esmeralda branca de Manuel Vilanova).
O xurado dos Premios da Crítica española saudou a novela de Rivas como unha das “grandes obras da Literatura galega” do último século. Ao apoio do público –hai varias semanas apareceu a segunda edición– únese, agora, o prestixiosísmo da asociación de críticos. Outra alegría que nos proporciona esta novela milagreira.

Etiquetas:

David Rodríguez premiado

O noso admirado David Rodríguez resultou gañador absoluto da Iª edición do premio de teatro radiofónico convocado pola Radio Galega pola súa obra O bambám. A obra de David resultou vencedora tanto para a audiencia como para o xurado que destacou, segundo a noticia publicada por Vieiros, “a limpeza e a claridade expresiva da obra gañadora, a aposta polo teatro conversacional e a creación dunha atmosfera densa e fluída á vez”.
Os medios literarios e teatrais compostelanos quedaron pampos coa noticia (David é un perfecto descoñecido para eles), mais para os que acreditamos, dende hai tempo, no talento literario formidable de David, a noticia non é máis ca un xusto recoñecemento que tiña que chegar. Bo será que se repasen, agora, algunhas anotacións do seu blog, o funambulista coxo, e comprobarán que non esaxero unha miga. Outro autor que emerxe da xeración blog?
A edición do texto gañador e do resto das obras finalistas témola moi adiantada na editorial. Aparecerá nun volume xunto a un cedé coas gravacións emitidas pola Radio Galega. Creo que será unha publicación moi interesante. Hoxe, beizóns para O Fuco. Un refacho de aire puro para a nosa literatura.

Fina Casalderrey, Premio Irmandade do Libro

Recibimos con grande alegría a noticia que o premio Irmandade do Libro á autora do ano foi outorgado a Fina Casalderrey. Recoñécese así a traxectoria dunha das autoras fundamentais no agromar desta auténtica idade de ouro que vive a nosa Literatura Infantil e Xuvenil en galego. Hai apenas dous meses publicamos A lagoa das nenas mudas (ilustrado por Patricia Castelao, outra marabilla!), unha novela conseguidísima para rapaces de dez anos en diante, que aborda a cuestión da comunicación no novo contexto intercultural; e dentro de apenas dúas semanas aparecerá A pomba e o degolado, título co que a nosa colección Fóra de Xogo chega o seu número 100. Adianto que esta novela, baseada nun caso de acoso escolar, é para min a obra máis conseguida dunha autora que avanza literariamente en cada novo título que publica. Fina recibirá o premio o vindeiro venres 23 de marzo no seo da cea que organiza en Carballo a Federación de Libreiros de Galicia na que intervirá o escritor Manuel Rivas e na que serán outorgados os premios Irmandade do Libro 2006. Alí trataremos de estar, despois da presentación na que participaremos en Ribeira.

Etiquetas:

A cova das vacas mortas

Hoxe presentamos a web.

Actualización (21:30): O acto de presentación desta tarde serviu para xuntarnos unha media ducia de blogueiros interesados pola literatura: Alfredo Ferreiro, Pelachos, Martin Pawley, Folerpa, Kavafinho, Jaureguizar e eu mesmo.
Para comezar, o autor fixo unha presentación da novela e, logo, dos contidos do sitio web onde se pretende dar conta tanto do argumento e dos personaxes, como establecer un espazo de participación cos lectores por medio da realización de clips. Propóñense, ademais, diversos enlaces na rede (relacionados tematicamente coa obra) así como a posibilidade de baixar o primeiro capítulo.
Logo abriuse un longo debate (durou preto das dúas horas) entre todos os participantes, onde se reflexionou moito sobre a importancia dos aspectos formais na creación literaria, sobre qué entendemos por literatura infantil e xuvenil, sobre o papel dos blogs na creación literaria ou mesmo sobre o papel dos autores con respecto á crítica galega.
Nos vindeiros días iremos publicando algúns fragmentos da gravación deste interesante debate.

Etiquetas:

Premio Primavera de Novela

Hoxe, por vez primeira (cantos menos que eu coñeza), retransmitiuse por Internet o fallo dun premio literario: o Primavera de novela, organizado por Ámbito Cultural El Corte Inglés e pola editorial Espasa. Outra iniciativa que amosa as posibilidades que ten a rede para a promoción do libro. Unha iniciativa a emular. Parabéns aos organizadores.

Etiquetas:

Rivas, Premio Cálamo

Manuel Rivas recibiu o premio extraordinario outorgado por Cálamo, a libraría zaragozana. O noso bo amigo Txetxu Barandiarán publica unha completa crónica do evento. Txetxu recolle algunhas das afirmacións da intervención de Manolo:

“Non hai escritura sen desexo.”
“As librarías son espazos de resistencia e re-existencia nun tempo de consumo no que nos intentan roubar o ‘outro tempo’.”
“Non se pode reducir a literatura ao entretemento.”
“A literatura transporta unha información básica que non se pode comunicar doutra forma.”

Jaureguizar

Onte presentamos en Santiago A Cova das Vacas Mortas, a novela de Jaureguizar gañadora do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil. Xa podemos anunciar que o 5 de marzo, ás 17:00 horas haberá un encontro de blogueiros nas instalacións de Xerais en Vigo para presentar a páxina web da novela e para debater co seu autor. Quen queira participar, prego mo comunique por correo electrónico.

Participantes na presentación A Cova das Vacas Mortas, Vigo, 5 de marzo (quen queira apuntarse, facelo en bretemas@gmail.com):

Etiquetas: