Onte 167: Blindados con libros

Os estudantes de Valencia continuaron a súa mobilización a prol da Educación Pública de forma pacífica. Lembrarémolos erguendo os seus libros e berrando: «estas son as nosas armas». Blindados cos seus libros poñían en valor eses humildes artefactos de papel impresos como símbolos da liberdade de expresión e da educación de calidade. Nun momento de tránsito profundo no eido da comunicación cultural e educativa, cando se adoita desprezar de forma inxusta ao libro impreso como obxecto, esta foto de EFE debera quedar para a historia contemporánea da nosa edición e da nosa educación. Estes libros son portadores do entusiasmo dunha mocidade que non acepta os ditados do partido conformista. Un feito que me produce unha profunda ledicia e me provoca esperanza.

Onte 166: Calefacción

Comparto o tuiteo de Juan Cruz: «Impresiona que todo comezase porque os rapaces tivesen frío». En efecto, convén lembrar que o conflito do Instituto Luis Vives de Valencia tivo a súa orixe nunha reivindicación da súa comunidade educativa en defensa da educación pública, apenas a solicitude de fondos para a calefacción do centro. A iniciativa dos estudantes de Secundaria e Bacharelato, que acudiron ao instituto con mantas e días despois se mobilizaron na rúa contra os retallazos educativos, convertiuse para a Delegación do Goberno nun grave problema de orde público. A actuación policial de onte, absolutamente desproporcionada, no contexto das medidas de axuste fiscal e de dura reforma laboral, amosa que o Goberno Rajoy está decidido a demostrar a súa autoridade na rúa, promovendo o medo nunha sociedade xa abondo amedrentada. Desque Rajoy goberna sigo con maior interese a prensa internacional xa que axuda a interpretar o que aquí sucede con maior obxectividade. Ben sería que se reflexionase devagariño sobre as consecuencias de semellante estratexia preventiva. Onte acendeuse en Valencia unha faísca que pode provocar un incendio de dimensións considerables nunha sociedade cada vez máis desigual. Os estudantes valencianos anuncian que se manifestarán con libros, o símbolo da educación e a tolerancia que tanto precisamos.

Parella de conveniencia

Inicio a miña colaboración mensual en Galicia Confidencial, na que pretendo abordar cuestións relacionadas coa actualidade política viguesa, con «Parella de conveniencia», un artigo pesimista sobre o futuro das relacións entre o PSOE e BNG vigueses.

Onte 165: Síntoma

O éxito das manifestacións contra a reforma laboral de Rajoy é un síntoma do que pode acontecer no futuro. As polo menos vinte e cinco mil persoas, moita xente, da convocatoria viguesa, na que non participaron os sindicatos nacionalistas, anuncian que pode estar rematando a hexemonía do partido conformista. No abrente dese novo contexto, a unidade de acción entre todos os sindicatos  e tamén das organizacións políticas de esquerda é imprescindible. Só así será posible intentar evitar o importante retroceso nos dereitos laborais que supón esta reforma.

Onte 164: Entroido

Fin de semana en Vigo de moito Entroido, días de xoldra, cocido, orellas e crítica purificadora. Mágoa que ese espírito entroideiro non lle fixera graza ningunha a Abel Caballero que mandou retirar da cruz do Castro a cartela de «Alcaldía». Intrasixencia semellante que comparte algún conservador vigués que critica ao alcalde por non facelo cos simpatiquísimos mecos que serán queimados na noitiña do martes na Porta do Sol. Deixemos ceibe durante uns días ese espírito retranqueiro, tempo haberá para utilizar outros argumentos.

Onte 160: Caballero na división española

Preguntado Abel Caballero sobre o papel do PSOE vigués no próximo congreso do PSdeG-PSOE  do 9 de marzo confesou que el «quere xogar na división española». En menos palabras pode expresarse a visión inequivocamente xacobina de quen cre sentirse politicamente máis importante xogando no terreo do chamado «socialismo español», minusvalorando de forma prepotente a organización galega do seu partido e, polo tanto, a autonomía e autogobenro galego. Esta involución xacobina percíbese tamén na actuación do seu equipo de goberno municipal que abandonou, con algunhas honrosas excepcións, a utilización sequera ritual da lingua galega e o apoio do concello a proxectos culturais en clave galega como o Museo Liste ou o arquivo Pacheco. De continuar por ese camiño errado, Caballero podería chegar a ter problemas moi serios para a súa continuidade na alcaldía.

Onte 158: Sintagma de futuro

Tras un fermoso xantar de amizade, seguín por twitter  a asemblea aberta do Encontro Irmandiño. Non me sorprendeu a marcha de Beiras e da súa xente do BNG, unha saída case inevitable tras o fracaso na asemblea de Amio do proxecto común do nacionalismo galego que eles defendían. Unha decisión que influirá na que poida adopar +Galiza o vindeiro mes de marzo xa que racha o precario equilibrio saído da XIII Asemblea.  Abrirase, entón, unha etapa moi difícil e incerta para o futuro das diversas opcións nacionalistas que, inevitablemente, participarán na carreira pola reconstrución do espazo galeguista arredor de novos proxectos políticos e/ou electorais e, sen dúbida, pretenderán contar con todas voces, sensibilidades e mans cidadás dispostas a traballar nun proxecto que teña só a Galicia como norte. Cal será o proxecto capaz de aumentar o perímetro do abrazo que galeguistas e nacionalistas ofrecen á sociedade galega? Poderán converxer electoralmente os proxectos que hoxe se afastan? Hoxe non o sabemos. En todo caso, estamos no albor dun proceso que requirirá tempo, xenerosidade, intelixencia e flexbilidade abondas para se converter en alternativa real ao conservadorismo que hoxe nos abafa. No entanto, o futuro noso tamén se dirimía no serán de onte na ateniense praza Syntagma, onde máis de cen mil concidadáns europeos defendían pacificamente a súa dignidade nunha situación límite. A crise do proxecto europeo, unha mostra da complexidade do tempo contemporáneo, require tamén a súa resposta neste sintagma de futuro nacionalismo galego, iniciado nun momento crítico da nosa historia.

Onte 156: Reforma extremadamente agresiva

Non lle faltaba razón ao ministro Guindos cando na xuntanza do Eurogrupo fachendeou da agresividade da reforma laboral que impoñería o seu goberno. Abaratar e facilitar o despido con carácter xeral, limitar a un máximo de dous anos a prórroga dos convenios, modificar a estrutura da negociación colectiva eran vellas aspiracións da CEOE que agora –xustificadas polos efectos debastadores da crise sobre o emprego e polo fracaso da negociación entre as forzas sociais– o Goberno aprobará por decreto. Agora xa pouco importa que durante a campaña electoral Rajoy dixera que non abarataría o despido nin que os efectos desta reforma sobre a reactivación da economía produtiva sexan máis que improbables nin lamentar o xeito vergonzoso no que agora o PP se axeonlla  diante das politicas neoliberais de Merkel e compañía. Magoadamente, o dano xa está feito, produciuse un claro retroceso nos dereitos conquistados polos traballadores. Aí reside o comportamento extremadamente agresivo e provocador do que fachendeaba en Bruxelas o ministro de Leman Brothers.

Onte 151: Juan Carlos en «Der Spiegel»

Hai tempo que Juan Carlos e os membros da familia real perderon a aura que, dende a Reforma Política, os protexía. Tras o escándalo de Urdangarín, as revelacións que publica o semanario alemán Der Spiegel poñen en cuestión cal foi o papel de El-Rei no golpe do 23-F. A fonte, un informe do daquela embaixador alemán en Madrid, agora desclasificado polo Ministerio de Asuntos Exteriores, evidencia a ambigüidade de Juan Carlos cos actores do golpe e as profundas diferenzas que mantiña co presidente Adolfo Suárea arredor da chamada «cuestión militar». Como ten sinalado Escolar estas revelacións cadran bastante ben coas preguntas nunca respondidas sobre o que sucedeu cos golpistas, especialmente coas razóns do indulto de Alfonso Armada, en 1988, quen dende entón se dedicou a mimar camelias no seu pazo de Santa Cruz de Rivadulla. Mágoa que o pobre de Suárez xa non poida achegar a súa versión que moito axudaría a perfilar o que realmente sucedeu no acontecemento máis decisivo para a consolidación do reinado de Juan Carlos.

Onte 150: PSOE

Unha das claves da vitoria tan axustada de Rubalcaba atopeina no ton desaxustado empregado por Chacón na defensa da súa candidatura. Non foi o contido nin a construción do discurso –froito dun coidado traballo de laboratorio de mercadotecnia política– onde errou Chacón, senón na súa errada teatralización diante da oligarquía do seu partido, moi pouco predisposta a asumir riscos nestes tempos de aguda reconversión para os seus membros. Pola contra, Rubalcaba asumíu a seguridade que proporciona o seu habelencioso ton parlamentario para defender a súa proposta inequivocamente xacobina, enfatizando que non renunciará ao carácter  «socialista» e «español» do partido. A pesar da escasa diferenza programática de ambas as dúas propostas e do carácter banal do debate, o resultado favorable a Rubalcaba foi moi ben recibido tanto polo Partido Popular e a prensa máis conservadora como polo grupo Prisa. Rajoy, Cebrián, Felipe González…, e tamén os nosos Pachi Vázquez e Abel Caballero, quedaron moi aliviados con esta elección. Agóiranse malos [difíciles] tempos para a esquerda socialdemócrata española.