Memoria de poeta

Moito teño lido e gozado nestes días coa lectura das case cincocentas páxinas de Memoria de poeta, o libro autobiográfico de Xosé María Álvarez Cáccamo. Quedei engaiolado con estas primeiras memorias de Pepe que, como xa fixera Antón Baamonde (ben é certo que con outro rexistro), quedan a medio camiño entre o percorrido autobiográfico e a proposta ensaística. O autor ofrece unha voz sólida, agarimeira e sensible, chea de matices e con escasa impostura, que permite ao lector realizar unha viaxe tanto polo periplo humano e literario do poeta, como da xínea e da xeración literaria ás que pertence. A relación co pai e co grupo familiar, a conformación das amizades e do grupo literario dos poetas dos oitenta, a reflexión poética, educativa, artística ou sociolingüística, a crónica recente da “vida que comeza” (fermosa metáfora do tempo presente), a enerxía do amor ou a conciencia patriótica son algúns dos temas abordados por Cáccamo cunha naturalidade e sinceridade sobrecolledora. Un libro que non dubido en recomendar moi vivamente.

"Fóra do sagrado" de Anxo Angueira

Espectacular e moi emocionante foi o recital de presentación de Fóra do sagrado, o poemario que dedica a Vigo Anxo Angueira. O paraninfo “Leónides de Carlos Ardenaz” do Instituto Santa Irene ateigouse de xente para escoitar a presentación de Méndez Ferrín e a declamación do poeta, acompañado dos músicos Leo de Matamá (nas guitarras e voz) e Aser Álvarez (percusión).
Na súa intervención Ferrín sinalou que presentabamos “un libro situado no centro do puro republicanismo da fé na liberdade”. “Este é un texto para ser pronunciado en alta voz, para ser cantado, xa que soporta unha potentísima oralidade. A necesidade da dicción oral para facernos vibrar plenamente como nos grandes cantares de xesta. Aí a razón da invitación do eoi da Chanson de Roland“. Continuou Ferrín afirmando que Fóra do sagrado supón unha “erupción de palabras, poesía acumulativa, con potencia da anáfora, amosando toda a capacidade emotiva do versículo libre”. Despois de citar a Pier Paolo passolini e ao seu pranto polo proletariado suburbano, Ferrín sinalou que este “longo poema representa unha nova concepción da poesía política, cargado de ideas fondas e dunha sentimentalidade profunda; unha manifestación exultante e alegre da cifra de toda a Galicia contemporánea que é a cidade de Vigo”. O autor de Bretaña, Esmeraldina rematou as súas palabras gabando a representación plástica que presidía o acto (cinco murais de cinco metros de altura realizados polos irmáns De Dios), representación do máis simbólico desta cidade, o porto do Berbés e alá arriba (como diría Castelao) das casas onde viven as xentes de terra. “Sempre, sempre, sempre, Vigo un camiño cara a liberdade”, foron as palabras derradeiras de Ferrín.
Aconsello esta anotación de Arume dos Piñeiros sobre este poemario de Angueira, chamado a marcar un fito na nosa produción contemporánea.
Actualización (28-06-2007): Crónica da presentación de Arume dos Piñeiros.
Actualización (29-06-2007): a crítica de Heitor Mera no Cartafol.

Etiquetas:

"Cólera" de María Xosé Queizán

Hoxe presentamos Cólera, o máis recente poemario de María Xosé Queizán. Durante o acto proxectarase un vídeo de 45 minutos, preparado por Manuel Forcadela, que recrea con imaxes, testemuños e músicas seis dos poemas do libro.
Cólera é a memoria orgullosa dunha xeración que rememora un proceso histórico clave na conformación do tempo presente. Empregando a emotividade que proporciona a paixón poética, a autora loa á mocidade galega que iniciou o galeguismo político de posguerra e se mobilizou para derrocar o réxime do tirano. Polo poemario discorren acontecementos políticos e sociais decisivos dunha década (a que vai dende mediados dos sesenta ao inicio da Reforma Política): a formación do Consello da Mocidade, o 25 de xullo de 1969, Castrelo de Miño, Ferrol 10 de marzo de 1972 ou as Encrobas. Mais tamén, polo libro discorren elexías ao Che Guevara ou a Frantz Fanon, figuras que serviron de referentes ideolóxicos a esta xeración. Ademais doutros poemas que constitúen homenaxes explícitas a protagonistas daquel tempo de entusiasmo, confrontación, dor e represión, como os dedicados a “Carmiña” (“Testemuñas os anos dunha loita / de terra e tempo”) e a Reimundo Patiño, por só citar algunha destas pezas.
María Xosé Queizán, como xa fixera noutras ocasións, emprega o poema como rexistro ensaístico, fuxindo do intimismo e verquendo toda a súa intencionalidade social humanista para conseguir un poemario inusualmente comprometido e irado no contexto da poesía galega actual. Eis o título, rotundo, provocador e luminoso como metáfora daquel tempo onde agromou, con tanto esforzo, a esperanza da liberdade.

Etiquetas:

Marilar Aleixandre en Budapest

A proxección da literatura galega no exterior é unha tarefa complexa que require un traballo demorado e sistemático por parte de todos. Afortunadamente cada vez son máis frecuentes as noticias da presenza dos nosos autores e autoras en eventos internacionais.
Estes días soubemos da viaxe de Marilar Aleixandre a Budapest para participar, entre os días 29 de marzo ao primeiro de abril, no festival internacional de poesía Europoetica Sacra, que este ano ten por tema “escribir no límite”, relacións entre linguas, poetas que escriben en linguas minorizadas / distintas da materna. Marilar foi convidada polo Instituto Cervantes que apoia este festivalcomo fan, tamén, o Instituto Goethe, o Instituto Italiano de Cultura, British Council… Polas múltiples referencias que vimos na rede (non entendemos nin papa de húngaro) semella que este festival de poesía ten moita proxección. Os nosos parabéns a Marilar.

Actualización (28-03-07): Galicia hoxe amplía a información cunha interesante entrevista a Marilar.

Longa noite de pedra

Este cartel sobre un texto de Longa noite de pedra de Celso Emilio Ferreiro formará parte da campaña “Libros a la calle 2007″ que durante o mes de abril se desenvolverá no metro e nos autobuses públicos de Madrid, Zaragoza (xestionados pola mesma empresa de Vitrasa) e Segovia. A lingua galega viaxará nestes medios para animar á lectura de poesía dos cidadáns. Hoxe día da poesía (parabéns, Fran) sería ben que as empresas de transportes municipais galegas emulasen a idea.

Xavier Queipo

La Voz de Galicia anuncia hoxe que Xavier Queipo formará parte dun grupo de nove poetas de todo o mundo co que Bruxelas, a cidade sede das institucións europeas, “quere lucir, fomentar e fachendear da súa multiculturalidade e da súa condición de urbe internacional, multirracial e multilingüística. Os versos de Queipo, inéditos e escritos expresamente para a ocasión xunto aos doutros oito poetas de orixe española, marroquina, camerunesa, belga e rumana, serán expostos en grandes paneis por toda a cidade, que unirá así, baixo o común denominador da poesía, o espírito de seis linguas, coas que pretende dar fe da pluralidade idiomática que a conforma”. Unha iniciativa a emular. Queipo viaxará a Galicia os días 8 e 9 de febreiro para participar en Santiago e Vigo nos actos de presentación de Dragona, a súa máis recente novela. Informaremos da obra e destes actos, onde haberá moita música, nos vindeiros días. Parabéns para Xavier!

Entrevista a Ramón Caride

Un dos formatos máis atractivos da presentación literaria é a entrevista co autor. Esta foi a fórmula que utilizamos hoxe na Casa do Libro de Vigo para o acto de promoción do volume de poemas de Ramón Caride. O escritor Francisco Castro e o poeta de Cea conversaron animadamente arredor d’ As mascaras de Cronos. Recollín na libreta algúns fragmentos da conversa.
–FC (Francisco Castro): Este libro comeza cunha cita de Novoneyra: “O futuro é un lugar desde o que ollar para hoxe”. Este é o porqué deste libro?
–RC (Ramón Caride): Este libro para min supón un ciclo que termina. Creo que na miña obra hai un ciclo que vai de 1992 a 2002, xa que os textos que escribín durante este período teñen moitas recorrencias entre eles. Eu escribo poesía en períodos curtos e intensos. Cada libro de poemas é froito dun fogonazo. Alterno na escrita a poesía e a narrativa.

–FC: Falemos das temáticas. En libros como “Xeografías de sal” daslle gran importancia ao erotismo. Ata que punto valoras a carnalidade e a paixón como temática poética?
–RC: O amor é sencial na poesía. Xa sinalaba Monterroso que os temas da poesía son o amor, a morte e as moscas. En “Xeografías de sal”, un poemario construído como as caixas chinesas, unhas partes dentro doutras, foi un desafío introducir nun dos libros, “Erótica alfabética”, o vocabulario erótico. Creo que a literatura galega foi moi púdica, con escasa presenza do erotismo, mesmo na utilización de palabras como “foder” (na miña aldea nunca se dixo “follar”). Interesoume acometer ese desafío. Mais en “Xeografía de sal” están outros temas deste ciclo. Ademais do erotismo, esta moi presente a desaparición do mundo rural (no libro a “Quentura do sangue”), a da cidade na globalidade e a poesía social (no titulado “Vitimario”). O libro é a xeografía do pracer e do sufrimento humano. Este é o cerne de todo o volume, todos os temas están en “Xeografía de sal”.

–FC: Cando lía o volume crin estar escoitando os ecos de Celso Emilio Ferreiro, tanto na poesía social como na amorosa. A última cita do libro é, precisamente de Celso. Son estes os ecos da túa obra poética?
–RC: Tiven a sorte de coñecer personalmente a Celso Emilio Ferreiro e comprobar que era un home cunha presenza excepcional. Grazas a Longa noite de pedra de Celso Emilio, Remuíño de sombras de Neiras Vilas (os dous publicados por Edicións Castrelos) e A esmorga de Blanco Amor quizais sexa escritor en lingua galega. Eles abriron moitas portas temáticas e técnicas. Celso Emilio dominaba tanto os rexistros populares e os cultos. Eduardo Blanco Amor e Celso Emilio estaban en contacto coa vangarda de cada momento. Recibir todo isto en galego abriume portas.

–FC: Para rematar, quixera que reflexionases sobre a cita que recolles de Alberto Caeiro referida a que “ser poeta é unha maneira de estar sozinho”.
–RC: A miña infancia foi nunha aldea, un microcosmos no que todo había, regulado polo ciclo invariable que marcaban as estacións. Un mundo que, como recrda Buñuel nas súas memorias, desapareceu de repente. A memoria é creativa é trata de crear aí unha Arcadia. Como o libro é plural, podes atopar un poema que defenda iso e outro o contrario. Hai unha ambivalencia, vivimos na contradición.

O venres 26, ás oito da tarde, presentarase o libro nas Bodegas Martín Codax de Cambados. Un acto poético musical (con seguridade moi concurrido) que pechará este ciclo de presentacións.

Etiquetas:

As máscaras de Cronos

O xoves e o venres desta semana continuaremos coas presentacións do último libro de Ramón Caride, As máscaras de Cronos (poemas (1994-2005). O volume recolle a obra poética do autor dende o ano 1994 e inclúe os libros xa publicados Cerne das labaredas (Espiral Maior, 1994); Flor no deserto (Premio Cidade de Ourense 1994), Xeografías do sal (accésit González Garcés da Deputación da Coruña, 1998) e Diacrónica (inédito, 2002), ademais dalgúns poemas inéditos en libro, publicados en diversas revistas nos tres últimos anos. Palabra rotunda e segura, belixerante e de combate nalgunhas ocasións; poesía amatoria, telúrica ou existencial noutras. Poesía, como sinalou Manuel María, “semellante ao orballo que ao caer, manseliñamente sobre nós, dá a impresión que non molla pero, cando nos decatamos, estamos humedecidos deica os ósos”. O xoves da pasada semana realizamos a presentación en Ourense, acto do que dou conta por extenso Marcos Valcárcel.

Etiquetas: