Tres segundos de memoria
/en Narrativa, Premios, Xerais/por bretemasCreo que pode ser interesante coñecer o texto íntegro que sobre Tres segundos de memoria, a novela de Diego Ameixeiras, leu un dos membros do xurado:
“Un mozo de trinta anos, parado e á espera de que lle chegue á próxima oferta de precariedade laboral, deambula pola vida contándonos o seu día a día sen especiais proxectos de futuro e sen contas que saldar co pasado. O protagonista desta novela á que o xurado acordou concederlle o Premio Xerais de Novela 2006 é unha persoa sociable e ocorrente, que pasea polo seu relato en primeira persoa o que el denomina o post-fracaso, unha actitude con fortes doses de cinismo ante a vida. O único fío condutor de toda a narración é a interacción dese personaxe cos seus amigos e amigas sen moitos máis obxectivos visibles que o disfrute do sexo.
Tres segundos de memoria podería ser entendida tamén como unha obra que retrata, desde o punto de vista masculino, toda unha xeración, a das persoas que naceron a finais de década dos 70, dando pé, con frecuencia, á aparición dos idearios e as referencias culturais desa xeración. Os que habitan Tres segundos de memoria son personaxes mozos, fracasados, maiormente cultos e con estudos pero desenganados e intencionadamente afastados dunha cultura que só os levou a engrosar as filas do paro e, se cadra, a prolongar traumaticamente unha adolescencia que xa non lles corrrespondía.
O politicamente incorrecto non é aquí unha pose senón algo que abrolla de xeito natural, espontaneo, da propia relación do protagonista coa cidade, co ambiente que frecuenta, e da súa propia percepción da vida. Tres segundos de memoria, que fala abertamente do sexo, igual que trata sen tabús temas como a homosexualidade, é unha novela que fai un retrato dun sector moi urbano e moi damnificado da sociedade galega. Se cadra, por ese motivo o texto se alimenta dunha forte vocación de malditismo e de certa marxinalidade, sen que iso constitúa un inconveniente para que se configure como unha novela expresiva, escrita cun estilo fresco e directo e tremendamente cargada de humor”.
Pola súa banda, as primeiras declaracións do autor sobre a obra gañadora foron as seguintes:
“O protagonista de Tres segundos de memoria pretende ser un cínico consumado e un castigador de manual adicto ás películas de Clint Eastwood, pero só consegue ser un anónimo sentimental ao que todo lle sucede coa música alta e cunha cervexa quente na man. Dende que fixo trinta anos e a súa ex-moza anda cun idiota de fenomenal autoestima, o seu universo interior expándese de tal xeito que só consegue calmar tanta introspección escoitando os consellos que lle dedican os amigos de toda a vida, sempre dispostos a consolidar as súas inseguridades con argumentacións certeiras, pero moi pouco efectivas para respirar en calma e durmir ao quente.”
“O protagonista desta historia odia os domingos pola tarde, detesta á xente que tenta explicarse con metáforas e nunha ocasión tentou introducir un vaso de tubo na boca do novo mozo da súa ex, pero non por iso deixa de ser un tipo insultantemente normal. Contan que en certa ocasión foi sorprendido nunha librería na sección de poesía contemporánea, pero considera que a nostalxia é un sentimento tremendamente reaccionario, propio de xente con ganas de complicarnos a vida. Evidentemente, falamos deses homes carentes de brúxula, e aos que lles gustaría ter nacido muller e, por suposto, lesbiana.”
Etiquetas: Ameixeiras, Narrativa, Xerais
Narracións abertas
/en Narrativa/por bretemasOs libros arden mal
/en Narrativa, Xerais/por bretemasO río da vida e da morte. Unha moza lavandeira le nas marcas da auga a historia da súa xente. Despois da auga que fecunda a memoria, axiña aparecerá un fogo destrutor, as labaradas do odio… Así comeza Os libros arden mal, a agardada novela de Manuel Rivas que se desenvolve nun período que vai do 1881 deica os nosos días, entre o falecemento de George Borrow e o dun vello anarquista galego chamado Polca.
Esta obra, como moitos dos personaxes que a habitan, podería levar tatuada na pel aquel sobre aviso que Luís Vives transmitiu a Erasmo: “Non se pode falar nin calar sen perigo”. A protagonista principal é a linguaxe, as verbas que forman parte do corpo, a igual que os ósos, os ollos e os dedos. A loita entre as palabras feitas para dominar, e as palabras eivadas. Entre a linguaxe do poder autoritario e a linguaxe que sobrevive na penumbra. A linguaxe bélica e o latexo dionisíaco da fala popular. A linguaxe dogmática da relixión e a fala carnal e erótica do entroido. Unha obra que intenta pescudar, por un camiño interior, de intersticios, con sutileza e sen dogma, no inexplicábel histórico.
A estrutura desta novela semella a dunha esfera armilar, composta por moi diferentes órbitas nas que os astros, ademais das vidas humanas, son os libros, as pertenzas, os animais, as plantas, e as palabras, elas mesmas a moverse como seres vivos. Unha esfera armilar tamén no entrelazar de xéneros, cunha órbita maior, a ficción narrativa a xeito de thriller, no que o caso central é a historia dramática da cultura, que contén en círculos concéntricos a poesía, o ensaio histórico, a crónica xornalística, formas de literatura popular como as novelas do Oeste. Unha esfera tamén que entrelaza multitude de voces, nunha escrita encarnizada, sempre en vilo, que vai e vén entre os territorios da dor e o gozo erótico.
Blúmsdei
/en Narrativa, Novidades, Xerais/por bretemasA vindeira semana aparecerá nas librarías Blúmsdei o novo libro de Cid Cabido. A pesar de que o autor prefire que nos seus libros non aparezan nin paratextos nin currículums (o libro aparece espido, só co título e apelidos do autor), transcribo a presentación que acabo de preparar para os medios:
“O autor narra, en tempo real de escritura, durante once días, os acontecementos nos que participou na xornada do 31 de maio de 2005, ofrecendo un texto ininterrompido de 127 páxinas que comeza coa seguinte frase: “A sociedade é unha especie de cona enorme con dentes de tabeiron”. Afastándose das convencións da narrativa de ficción clásica, empregando a adxetivación especular ou simétrica e os constantes cambios de rexistro idiomático, o autor apostando por liñas de literatura de investigación, ofrece como fío principal dun texto, que carece de argumento, o decorrer do seu blúmsdei particular na paisaxe do Morrazo. A oralidade (escribir exactamente como se fala) como ruptura coa ficción convencional, considerada como un paternalismo do autor cos lectores; e a consideración do autor como un ser humano que expresa a súa visión da realidade, caracterizan este texto de Cid Cabido, inserido nas liñas de vangarda da narrativa contemporánea. Unha clara volta ás orixes da literatura concibida como expresión artística e vía de coñecemento”.
Literatura participativa
/en Blogs, Literacidade, Narrativa/por bretemasJuan, abrindo un debate na rede, fai dez propostas para unha LITERATURA PARTICIPATIVA:
1. Abrir la obra a la hipertextualidad, la asincronía y la participación.
2. Explotar la dinámica dialógica, hipertextual y cronológica y evitar la redundancia con el papel.
3. Recuperar la oralidad del blog, tan necesario para refrescar la literatura.
4. Explotar la intertextualidad creativa y el valor cero de la copia para crear.
5. Fragmentar, acortar y crear caminos hipertextuales donde el lector elija la composición de la obra. El lector compone la obra.
6. Literatura multimedia.
7. Clicwriting: escritura basada en el golpe instantáneo y en la concomitancia de escritura y edición (Yépez);
8. El aforismo y el esquema como puerta de la biblioteca y la obra.
9. Emplear la blogosfera, los wikis o los foros de discusión como contacto directo con los lectores y debate sobre la obra.
10. Enriquecer el dominio público y la cultura libre. Lo que se crea en red se comparte en la Red sin el apego a los derechos de autor para estimular la participación y alimentar la creación de otros sin cortapisas.
O tirón de Ameixeiras
/en Autores, Narrativa, Xerais/por bretemasBelén Regueira fixo este serán un magnífico exercicio de persuasión publicitaria na presentación da novela de Ameixeiras. Con grande convicción e moita graza aconsellou ler O cidadán do mes polas seguintes razóns:
- Ameixeiras é un autor que non pide aos lectores que sufran. “Este é un home que se esforzou por nós”.
- “A novela posúe unha banda sonora impresionante”.
- Ameixeiras (xa unha marca) é “o autor de culto dos membros dos grupos pop-rock galegos, da chamada xeración emerxente ou agromante”.
- As cousas que fai Ameixeiras sempre son divertidas.
- A novela é de grande utilidade: inclúe unha guía de bares e tapas de Chispatwon; permite incrementar o léxico amatorio; retrata parte de nosa realidade de forma máis fidedigna que outros autores nosos; expresa unha interesante cosmogonía de barra…
Despois das tres presentacións desta novela, que está tendo moi boa acollida entre os lectores (hai unha coincidencia xeralizada en que engancha fatalmente a quen a colla), non hai dúbida de que Ameixeiras é un dos nosos novos narradores con máis tirón entre os lectores. Agardamos xa a terceira entrega de Dopico; hoxe Diego prometeu tela rematada para o vindeiro ano.
"Volver" e Non volvas"
/en Cine, Narrativa/por bretemasLendo este comentario de Arsenio Escolar, veume á cabeza a intertextualidade estrutural e temática que percibín entre Non volvas, a novela de Suso de Toro, e Volver a película de Almodóvar recentemente premiada. Esta aparente coincidencia será unha paxarada miña? Unha boa oportunidade para reler a novela de Suso.
Como se non existise
/en Narrativa, Premios, Traducións, Xerais/por bretemasJaureguizar denuncia a invisibilidade á que foi sometida a tradución para o galego dende o serbo-croata da máis coñecida novela de Slavenka Drakulic. Moitas veces témonos lamentado do escaso número de traducións para a nosa lingua, feito que amosa a fraxilidade do noso sistema literario; aínda que afortunadamente os editores seguimos teimando, dentro das nosas posibilidades neste difícil camiño, a invisibilidade para a crítica e para o mercado de magníficas traducións como esta de Jairo Dorado Cadilla é un feito que debe obrigarnos a reflexionar. A colección “As Literatas“, que dirixe María Xosé Queizán, con máis dunha ducia de títulos excelentes de narrativa escrita por mulleres é un proxecto de colección de tradución que merecería maior atención por parte dos mediadores da que ata agora veu recibindo.
Máis sobre as presentacións de "Home sen nome"
/en Narrativa, Presentacións, Xerais/por bretemasAgradecémoslle moito a Fernando Garrido a crónica e o vídeo sobre a presentación diante de trinta bloggers da edición española de Home sen nome (xa está dende onte nas librarías). O acto tivo unha repercusión enorme na blogosfera española, o que supón unha grande orgullo para nós. Entre as moitas crónicas publicadas (ata agora cóntanse dezasete) recomendo visitar algunhas das que me pareceron máis valiosas:
- A desalambrar
- Carlos Atares (varios posts con fotos, completísimo)
- Juan de Urrutia (a banalidade do ben)
- David de Ugarte (o promotor do encontro)
- Fernando Berlín (o presentador da novela)
- Yogur griego
- Mohen Atitar
A aparición desta última novela de Suso (a edición catalana de Bromera xa está dispoñible, tamén, cunha portada preciosa) amosa a necesidade de que os editores renovemos as nosas formas de promoción e de procura de visibilidade. Agora, non está de máis, desvelar que a primeira presentación da novela realizámola hai máis dun mes de forma privada e discreta nun xantar de autor con vinte libreiros galegos.
Xa tiñamos a idea de organizar un encontro de blogueiros galegos con Suso (como propón Vieiros) no mes de xuño ou unha conversa en liña, ou ambas as dúas cousas. Algúen se apunta?
Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
Recomendo
Últimas anotacións
- O triángulo vermello25 de Decembro de 2024 - 11:47 a.m.
- A estrela dos afectos24 de Decembro de 2024 - 10:56 a.m.
- Solsticio celta23 de Decembro de 2024 - 9:44 a.m.
- Os Baltar18 de Decembro de 2024 - 4:17 p.m.
- AVE polo Miño17 de Decembro de 2024 - 7:05 a.m.