«O libro das viaxes imaxinarias»

A verdade é que poucas veces tivera a fortuna de quedar tan satisfeito da edición dun libro coma deste. En realidade o noso maior temor era malograr un texto literario e un traballo de ilustración valiosísimos, concibido coma unha síntese de lectura e relectura. Afortunadamente, xa imos coñecendo as primeiras lecturas, como esta marabilla de Pawley. O libro presentarémolo o vindeiro xoves, as 20:00 horas na Biblioteca Miguel González Garcés da Coruña.

Le Clézio, Nobel 2008

O bretón Jean Marie Gustave Le Clézio é o Nobel de literatura 2008. Como case sempre a elección semella inesperada, a pesar de que neste caso era un dos candidatos que se manexaban nas quinielas. Ao coñecer a noticia axiña nos decatamos de que se trataba do membro da xeración do «nouveau roman» do que Xerais publicara en 1987, dentro da colección Xabarín (daquela dirixida por Ferrín e Luís Mariño), Mondo e outras historias. A tradución de Valentín Arias e Raquel Villanueva (ademais de premiada co Nacional e co Ramón Cabanillas) fora a primeira desta obra a outra lingua. O Nobel constitúe unha oportunidade para descubrir a un dos autores da literatura contemporánea francesa máis aclamados. Precisamente, a pasada semana, apareceu nas librarías francesas a súa última novela, Ritournelle de la faim, publicada por Gallimard (como a maioría dos seus case cincuenta libros), a historia dunha rapaza de vinte anos que se converte en heroína.

"Unha lectora nada común"

Una lectora nada común, a noveliña de Alan Bennet, é unha fábula coa que me divertin un pedazo. Qué sucedería se os políticos, neste caso a raíña Sabela de Inglaterra, se convertesen en lectores voraces? Esta comedia sen grandes pretensións propón unha reflexión sobre o poder subersivo dos libros literarios, da lectura e da escritura, e, en xeral, de todas as artes. Inevitable imaxinar qué sucedería se os nosos políticos adoptasen un comportamento semellante. Un texto de ficción interesante sobre o valor da lectura. Recoméndoa, lese nunhas poucas horas. Unha lectura suave de verán.

Ler novelas aumenta as habilidades sociais

Segundo un estudo realizado por un grupo de psicólogos canadianos ler novelas aumenta as habilidades sociais. Segundo este traballo empírico os lectores e lectoras de novelas adquiren novas habilidades sociais e melloran, grazas á lectura, ás que xa posúen. Como sinalan no blog ediciona, sexa certo ou non, sempre é bo contar con outro argumento a prol da lectura.

"Festina lente", estrea en Compostela

Onte acompañamos a Marcos Calveiro na primeira presentación de Festina lente, realizada no obradoiro de encadernación da Libraría Couceiro compostelana. Hoxe aparecen catro entrevistas nos medios nas que Marcos salienta o valor dos libros como poderosas armas de coñecemento contra a intolerancia e o carácter da novela como fresco histórico da Compostela dacabalo dos séculos XVI e XVII. As primeiras referencias de lectura que estamos recibindo son inmellorables, na liña da nosa intuición. Seguiremos presentando a novela na Feira do libro de Vigo, no Festigal e na Feira do libro da Coruña.

Aconsello visitar o blog da novela.

"Festina lente"

Hoxe recibimos está novela de Marcos S. Calveiro. Intúo que vai dar moito, moito que falar. Só anticipo que estamos diante dunha marabilla. É un grande orgullo que forme parte do noso catálogo. Beizóns Folerpa!
Sinto que os impacientes teñan que agardar ata a vindeira semana, na que chegará ás librarías.

Febre nas bancadas

Anagrama acaba de lanzar en Panorama de narrativas Fiebre en las gradas, unha nova edición do primeiro libro do meu admirado Nick Hornby, o narrador que mellor escribe de fútbol dos que coñezo. Estas son as memorias dun seareiro do Arsenal, desque o seu pai o levou, con apenas once anos, ao estado de Highbury e comprobou que “o espectáculo en forma de dor era un concepto totalmente novo” para el. O libro é moi divertido e melancólico, aínda que queda un pouco desfasado (publicouse en 1992), cando aínda non chegara ao clube londiniense Arsene Wenger nin contaban no centro do campo co xogo matemático de Cecs Fábregas. Con todo as opinións de Hornby sobre o momento actual do Arsenal poden seguirse dende o seu blog. Recomendo o libro ao meu amigo o editor e escritor Henrique Alvarellos.

"O señor Lugrís e a negra sombra", Premio da Crítica 2007

Estamos entusiasmados coa noticia. Dende que no mes de agosto pasado anunciamos a súa aparición crimos que O señor Lugrís e a negra sombra era unha obra das importantes. A crítica recoñézeo. Beizóns e abrazos para Luís, un dos nosos novelistas primeiros.

"Incertos" de Antón Dobao

Xunto coa novela de Veiga e a edición do primeiro tomo d’ O segundo sexo, a finais da vindeira semana estarán nas librarías outras novidades literarias que entendo de moito interese: Incertos, primeiro libro de relatos de Antón Dobao; Diario dun pai acabado de nacer de Henrique Alvarellos; A cultura do pan de Xosé Lois Ripalda; Obra dramática de Francisco Taxes (que inclúe dúas pezas ata agora inéditas) e outro volume dedicado ao teatro de Manuel Varela Buxán (que inclúe dúas pezas Se o sei… non volvo a casa e Taberna sen dono); Hordas de escritura o novo poemario de Chus Pato e Acendede as almenaras o poemario de Bernardino Graña. Completa esta remesa de novidades de fin de inverno con dous álbums infantís de grandes ilustradores europeos: Negros e brancos, a recuperación en galego do inesquecible conto pacifista de David McKee (o creador de Elmer, personaxe do que temos seis libros no catálogo) e Un barquiño coma min de Thomas Docherty. Con seguridade que sobre estas obras, nas que abordamos todos os xéneros, volveremos nas próximas semanas.
Adianto o texto de contracuberta que preparamos para Incertos de Antón Dobao (a impactante portada é de Fran Herbello, que consolida a súa contribución á renovación da imaxe da nosa colección de Narrativa):

Estes contos incertos de Antón Dobao apuntan ao horizonte do que non é predicible. Son trece historias nas que o extraordinario, o inesperado, acaba por se converter na marca distintiva dunhas vidas aparentemente normais. Porque nada do aparente é real e a realidade habita outras dimensións. Nestes relatos, as personaxes non son apenas monecos nas mans dun fado caprichoso, senón que tecen a súa vontade, cos seus actos, cos seus desexos e os seus temores, as encrucilladas en que se verán atrapadas as súas vidas. Para o lector, o inesperado accede en toda a súa naturalidade, con toda a crueldade, con absoluta fereza; fai agromar os recantos menos coñecidos evidenciando o principio de incerteza. Mais sobre todas estas historias aboia inevitablemente aquilo que nos caracteriza como humanos: a necesidade de comunicar, de amar, de negar a presenza imperial da morte. E as múltiples faces do poder.

Etiquetas: