A constitución dun
Grupo de Traballo que estude as consecuencias da gratuidade no sector editorial recolle a proposta de creación dunha “
Mesa Técnica de Gratuidade“, que os editores fixemos chegar á Consellaría de Industria á noite do mércores. A sensibilidade das consellarías de Industria e Cultura abre a porta a un diálogo sereno que debe permitir a confrontación rigoroso de datos e alternativas. Porén, na proposta do Goberno Galego boto en falta a presenza, que os editores solicitamos, de responsables da Consellaría de Educación (a que promove a modalidade imposta e a que ten a responsabilidade de executala nos centros) e da Secretaría Xeral de Política Lingüística (xa que a medida aprobada ten serias repercusións sobre o proceso de galeguización e de emprego do galego como lingua vehicular dos manuais).
Este Grupo de Traballo ou Mesa Técnica, que tanto nos ten a súa denominación, non debe quedarse en estudar os “coidados paliativos” que o sector require coa posta en marcha da medida (sería o mesmo que recoñecer que está ferido de morte), se non en estudar todas as modalidades de gratuidade existentes que permitan a súa xeralización a todos os niveis do ensino obrigatorio durante a lexislatura, a súa coherencia coa implantación progresiva da nova Lei de Calidade de Educación (en trámite parlamentario), a mellora da calidade dos manuais (no contexto das Novas Tecnoloxías da Sociedade do Coñecemento e das estratexias de teleformación), a recuperación do uso do galego nas aulas (unha realidade que semella quere ocultarse), o aumento dos índices de lectura entre os nosos escolares, a implantación de bibliotecas escolares en todos os centros e a supervivencia do tecido natural de comercialización do libro (as librarías d eproximidade).
Estou seguro de que con vontade de diálogo entre a Administración e o sector (os diversos axentes do libro demostramos que a posuímos, velaí a nosa participación na elaboración dos textos das leis do libro e bibliotecas) e cunha ambición compartida de dotar ao sistema educativo galego dunha modalidade de gratuidade, que asegure calidade educativa e compaxine os intereses de todos, poderemos facerlle fronte a retos tan ilusionantes.