Len os políticos?
Teño o convencemento de que os políticos que non leron na súa vida un cento de novelas (canto menos cinco por ano, a media dun lector avezado) e medio cento de poemarios dos imprescindibles dificilmente van ser capaces de ofrecer e comunicar con verosimilitude un imaxinario ilusionante aos seus electores (diso trata a política, de propoñer esperanza e consolo, moito máis ca de xestionar un orzamento).
Neste campaña non se fala apenas de cultura nin de libros (a non ser para prometer a gratuidade dos de texto) nin, sequera, se enuncian promesas de caixón como aumentar a dotación bibliotecaria pública por habitante (estamos moi por baixo da media recomendada pola UNESCO) ou investir un euro anual por habitante na promoción da lectura.
Creo que non se fai, por que, con honrosas excepcións, a maioría abrumadora dos candidatos e candidatas len moi pouco ou, sinxelamente, nunca o fan (cal será a última novela galega que leron Méndez ou Alberto?). A cultura en Galicia continúa sendo para a maior parte dos políticos un adorno de culturetas nacionalistas, cando, non é novidade ningunha, que na actual sociedade da información está chamada a converterse nun sector económico estratéxico.
Gostaría coñecer cal é o programa dos tres candidatos sobre a industria cultural e a sociedade da información en Galicia (refírome ao que din nos mitins, non ao que escribiron os especialistas do ramo nos tochos). Sería moi clarificador sobre cal é a súa aposta auténtica polo futuro.



