Grazas á chuzada de Fulano descubrín esta anotación de Camilo Rueda Navarro sobre “Historias de fútbol rebelde e rebeldes do fútbol”. Recomendo a historia do Celtic (o primeiro equipo británico en gañar a Copa de Europa), a de Paul Breitner (o fútbolista maoísta que xogou no Real Madrid), ou a do doutor Sócrates (capitán do mítico Corinthians). Unha anotación que debe quedar no arquivo dos que continuamos acreditando no fútbol, a pesar da súa abafante mercantilización, como expresión de anceios colectivos e de solidariedade universal. Como debemos intentar tecer a rede, aí vai a miña achega a estas historias de fútbol rebelde. A DIGNIDADE DA URSS Dúas semanas despois daquel fatídico 11 de setembro de 1973, cando Pinochet promoveu o golpe de estado que expulsou do Palacio de la Moneda ao presidente mártir Salvador Allende, a selección da URSS debeu enfrontarse á de Chile en Moscova nun encontro clasificatorio de repesca que daba acceso ao Mundial de Alemaña 74. Aquel partido confuso, arbitrado polo brasileño Armando Marques, rematou con empate a cero, agardando polo encontro de volta que debía celebrarse en Chile o 21 de novembro de 1973. A selección da Unión Soviética esixiu, entón, que non se disputase no Estadio Nacional de Santiago de Chile, alegando que esta instalación deportiva fora utilizada pola Xunta Militar de Pinochet como campo de concentración (xuntaron alí a máis de catro mil persoas), onde se realizarán numerosas execucións e torturas, e solicitando á FIFA á que se escollese outro escenario. Entón, a FIFA acometeu unha das súas máis aberrantes actuacións efectuando unha revisión do estadio digna das mellores obras do absurdo, cos prisioneiros observando aos seus representantes dende as xanelas dos subterráneos, ameazados con ser executados se berraban para denunciar a infamia. A pesar da escueta negativa que a URSS enviou á FIFA de que non se presentaría a xogar en Santiago, a selección chilena compareceu, na data establecida pola FIFA, o 5 de xaneiro de 1974 no Estadio Prisión para xogar un triste encontro sen rival ningún, conseguindo con dous tantos a porta baleira, para vergonza do fútbol internacional a clasificación para o Mundial. A Unión Soviética foi sancionada por tan digno comportamento pola FIFA cunha multa de cen mil dólares. No vídeo pode comprobarse un daqueles goles dunha das máis noxentas mascaradas futbolísticas da historia, celebrada por Pinochet coma unha “nova vitoria contra o comunismo”. Ben é recordar hoxe o comportamento de dignidade do conxunto da URSS.
https://bretemas.gal/wp-content/uploads/2014/03/futbol01.jpg184190bretemashttps://bretemas.gal/wp-content/uploads/2018/09/logobr2-2.pngbretemas2008-02-05 17:36:002008-02-05 17:36:00Historias de fútbol rebelde
OUTRO PASO ATRÁS Pouco podemos obxectar á xusta vitoria do Castellón fronte a un Celta feble e caótico, infelizmente enrugado cando tiña que dar o chimpo decisivo para consolidarse como aspirante. O Castellón, moi ben dirixido por Pepe Murcia, amosouse durante todo o encontro como un dos máis sólidos e eficaces equipos (mesmo á altura do Numancia) que teñen visitado Balaídos esta tempada. Teceu unha rede moi estreita de catro defensas e outros tantos mediocampistas que os dianteiros celestes, a pesar de contar co manexo do balón, nunca foron capaces de superar, coa excepción, na primeira parte, dun magnífico longueirazo de Canobbio nun saque de falta dende a frontal da área. Porén, os castellonenses interpretaron moi sabiamente o xogo do contraataque da man da sociedade arxentina formada polos seus dous únicos dianteiros, Tabarés e Oberman, autores dos seus goles. Tabarés, tras unha absurda perda de balón dun descentrado Roberto Lago, cando non se levaban nin dez minutos de encontro, cabeceou como quixo un servizo magnífico que dende a banda dispuxo o seu compañeiro; apenas comezada a segunda parte, Oberman noqueou aos celestes cun cacheirón impoñente dende fóra da área que pillou na eira ao pobre do Esteban. Resultado tan desfavorable animou ao diletante López Caro a introducir trocos no seu conxunto, facendo debutar en Balaídos a Goran Maric e Sales, dous dianteiros que moi pouco axudaron a mellorar o triste panorama de impotencia dun equipo que dominaba mais que non creaba perigo real ningún. Paradoxicamente, só a lesión de Canobbio (o mellor dos nosos), que motivou a entrada de Larena, animou o encontro, xa que Jorge axiña conseguiu enganchar unha pelota a corenta metros e dirixir un globo precioso que pillou adiantado ao porteiro visitante. Este gol xenial do canario foi o mellor do partido. Con todo, é unha mágoa constatar, outra vez máis, que este equipo de López Caro non ten feituras de conxunto gañador nin posúe a intensidade, a precisión, o esquema de xogo e a intelixencia colectiva precisas para actuar como tal nos momentos decisivos. Mentres, o presidente e o director deportivo, os auténticos responsables desta impotencia desesperante, continuarán facendo declaracións inútiles sobre a calidade do cadro de xogadores, nas que xa non acreditamos os afeccionados. Onte o Celta deu outro paso atrás, isto é moi preocupante.
SEN PEGADA O turrón non lle sentou ben aos celestes que comezan o ano con dous malos resultados e unha baixada preocupante da eficacia do seu xogo. Tras o fracaso en Cádiz da pasada semana, o encontro de onte fronte ao autobús do Salamanca amosou que o equipo de López Caro entrou nunha fase depresiva e que o banco e o cadro de xogadores son moito máis frouxos do que di o seu presidente. Saíu o Celta na primeira parte moi abusón, manexando a pelota con abrumadora autoridade, adiantando na banda os seus dous laterais e chegando con moita facilidade á área rival grazas aos arreóns dos seus centrais (Lequi e Rubén estiveron moi participativos), ás triangulacións entre Larena, Perera e Okkas e a un par de accións individuais de Diego Costa (máis frouxo que en encontros anteriores). Mais na área salmantina comezaban os seus problemas, xa que foi incapaz de destecer a arañeira defensiva que teceron os xogadores laranxas e, cando o conseguiu (nunha media ducia de ocasións claras), atopou ao debutante Biel Ribas, o mellor xogador sobre o campo, un porteiro de goma que parou todo canto se lle puxo por diante. Na segunda parte coñecimos a outra cara da moeda. O Celta, un equipo de carácter ciclotímico, decaeu moito no seu afán e foi permitindo que un Salamanca aparentemente inocente, ata entón encollido na súa área, se fose estricando sobre a lameira con certo perigo. Así sucedeu no minuto 73, cando o arbitro anulou un gol a Doñabeita por mor dun fóra de xogo moi discutible, o que constituíu un aprezable respiro para os celestes. Vaia susto! A saída do canteirán Ferrán Tacón, substituíndo a un lesionado Okkas, animou un pouco a atención da bancada demostrando que os rapaces do Celta B poden co seu descaro imprimir maior intensidade e compromiso ao equipo que o proporcionado polas “promesas” cedidas. Os minutos finais, cun Celta xa desfondado fisicamente, demostraron as importantes carencias do banco, xa que nin Manchev nin Mario Suárez contribuíron a mellorar a situación. Este Celta sen pegada e sen as pingas de calidade de Canobbio e Quincy (canto os botamos en falta!) ten poucas trazas de equipo gañador. Onte deu un paso atrás, a quimera do ascenso queda un pouco máis lonxe.
Entre a brétema, dende o coche, fun seguindo na Radio Galega (como é adoito, magnífica a información e o despregue da sección deportiva da nosa radio pública) a plantada de Camerún. Estaba realmente alarmado polo que sucedía nun estadio que sabía presentaba un entradón. Oín as atinadas declaracións do meu admirado Fernando Vázquez (lamentando a falta de clase dos africanos e o desprezo que para o pobo galego supoñía a súa actitude diletante) e despois as de Tommy N’Komo, o porteiro que foi do Espanyol, que non deixaban dúbidas: os xogadores africanos plantábanse por mor da interpretación que facían dun contrato que contemplaba unha cláusula de penalización en caso de ausencia dalgún dos catro xogadores que participan na liga española (sabiamos que Rijkaard non autorizou xogar a Eto’o). Porfiei e cando cheguei a Vigo dirixinme a Balaídos coa esperanza de que antes das dez (como especulaban os informadores da Galega) se acadase un acordo e se puidese iniciar o partido. Cando entrei no estadio (paseinas moradas para estacionar) pasadas as dez da noite, coincidindo coa chegada do autobús dos africanos, acouguei: os siareiros da galega (os máis numerosos dos tres encontros oficiais), a pesar da hora de espera e de que ía un frío que pelaba, non perderan a esperanza de apupar aos irmandiños sobre a lameira. Non puiden evitar emocionarme: o meu campo do Fragoso estaba precioso iluminado de azul e branco. Porén, como era previsible, a espera, que se alongaría outra media hora máis, dinamitou a emoción e o desenvolvemento futbolístico do partido. O encontro a nivel deportivo foi moi pobre. Saíron os de Arsenio e Fernando ben colocados, amosando mellor disposición defensiva e capacidade combinatoria que habilidade rematadora (en punta fáltanos un dianteiro finalizador). Con todo, sorprendeume o bo estado de forma de Jonathan Aspas (o dono da súa banda ao longo dos noventa minutos), a autoridade amosada pola defensa na primeira parte (Rubén e Iago Bouzón anularon a mobilidade dos dianteiros africanos), as iniciais pinguiñas de perigo de Jonathan Pereira e a clase no toque dun elegantísimo Julio Álvarez (que xogador o do Numancia, mi madriña!). Tras o descanso, o carrusel de trocos galegos desfixo o ritmo e a concentración da Irmandiña, e permitiu que Camerún sacase uns pouco uns dentes que onte non quixo moi afiados (para eles foi pouco máis que un adestramento a medio gas). O empate, a pesar do inocente penalti (moi rigoroso estivo o colexiado ferrolán) de última hora, foi un resultado equilibrado para o espectáculo rácano que se viu en Balaídos. O importante é que a Irmadiña existe para o mundo, segue invicta e demostra que temos xogo futbolístico de noso: disciplina defensiva, bo toque e capacidade combinatoria abonda para atuar (mais aínda cando poidamos contar con todo o noso potencial) a calquera outro combinado internacional.
Rematado o encontro, outra volta no coche puidemos escoitar na Radio Galega a versión de Marta Souto sobre o conflito que motivou a incrible espera dos afeccionados. Non dubido que as xestións da actual Directora Xeral para o Deporte cos xogadores africanos foron decisivas para convencelos que o partido debería celebrarse, o que todos debemos agradecerlle moi vivamente pola súa afouteza e capacidade de reacción. Mais tamén, agora coa cabeza máis fría, cómpre coñecer os termos e as razóns esgrimidas por uns e outros en tan lamentable conflito: tanto polos xogadores africanos, polo seu adestrador e pola súa federación para tratar de “xustificar” comportamento deportivamente tan indecoroso e irrespectuoso co pobo galego; como polos responsables da organización, a Federación Galega de Fútbol, que debe explicar cáles foron os termos do contrato asinado coa selección africana e as xestións realizadas para evitar a plantada camerunesa. Os prolegómenos do Galicia-Camerún foron un esperpento que non se pode volver repetir de maneira ningunha. Estou convencido, a pesar de que xa houbo precedentes de problemas de primas en seleccións africanas, de que sería impensable nun encontro a disputar entre dous conxuntos FIFA. Debemos ser conscientes (compróbase en informacións tan lamentables como esta) que nesta fantasía marabillosa de poñer en marcha a nosa selección nacional de fútbol queda aínda moita agra por labrar.
Actualización (29-12-2008): Faro de Vigo dá conta, oportunamente, dos contidos do contrato asinado coa selección de Camerún e da participación decisiva de Marta Souto para solucionar a enleada. La Voz de Galicia e El Correo Gallego coinciden tamén no importante papel da Secretaria Xeral para o Deporte para solucionar o problema. É incomprensible, porén, que para os responsables da edición de Galicia de El País non existise nin o conflito nin, o que semella moito máis grave, o partido (nunca entenderei, fora da comprensible precariedade de medios humanos da delegación santiaguesa, a teimosía de desbotar calquera tipo de información deportiva galega, mesmo esta sobre a selección, que a todas luces ten indubidable interese social e mesmo político para o seu perfil de lectores e lectoras). Recomendo, ademais, as declaracións de Fernando Vázquez deplorando o comportamento do equipo camerunés e valorando o camiño emprendido pola selección dende hai tres anos.
https://bretemas.gal/wp-content/uploads/2014/03/g28p32f1.jpg241316bretemashttps://bretemas.gal/wp-content/uploads/2018/09/logobr2-2.pngbretemas2007-12-28 19:10:002007-12-28 19:10:00Esperpento no Galicia-Camerún
BOA CAROLADA O Celta rematou este seu “annus horribilis” cunha contundente carolada fronte a un moi frouxiño Granada 74. Catro caroliños –como diría Derviche paseando con Roquiño polas Avenidas– en senllas catro bonitas chegadas dun equipo que ten moitísima calidade diante e carencias importantes de medio campo para atrás. Os incombustibles afeccionados que aínda acudimos ás matinais de Balaídos xa estamos afeitos ao esquema do paciente López Caro: un equipo sempre ordenado (4-2-4) que deixa a iniciativa no medio do campo ao rival, agardando o momento preciso para sacudilo nunha das galopadas dos extremos ou nunha pelota longa matada por algún dos seus dous dianteiros. Así sucedeu aos nove minutos cando Perera aproveitou un servizo preciso de Larena para bater a Jaime, o gardarredes do equipo andaluz. Como xa é adoito co marcador por diante, os galegos entregaron o control e, dende entón, o partido transcorriu dunha forma desesperadamente aburrida para os espectadores. Sen medio campo celeste ningún, as continuas chegadas de Aranda (os seus caneos tolearon a Rubén), o mellor dos granadinos, mereceron algún gol. Mais coa reanudación, chegou a avalancha do equipo celeste, apupado polas alancadas á inglesa dun espléndido Núñez, un futbolista tan honrado coma xeneroso no seu esforzo; deste xeito chegaron varias oportunidades clamorosas e o formidable remate de Quincy, aproveitando o entrebote, que sentenciaba o encontro co segundo gol. Tras o troco do internacional ghanés por Diego Costa, chegaron os mellores momentos do xogo celeste. En vinte e cinco minutos o mozo brasileiro destilou pingas da súa calidade de xogador de alta escola: agasallou un balón precioso para que Perera volvese marcar no minuto trinta e realizou unha xogada enorme (desas inesquecibles), con tres caneos consecutivos nun espazo pequecho e unha cesión precisa na frontal, para que Mario Suárez clavase cun pexegazo o seu primeiro gol coma celeste. Unha marabilla! O Celta demostrou onte que ten moito, moito ataque, e calidade abonda para afrontar a decisiva segunda parte da campaña coas maiores aspiracións. Celebremos esperanzados esta moi boa carolada que pecha un ano celeste que é mellor esquecer.
https://bretemas.gal/wp-content/uploads/2014/03/Celta_-_Granada_74.jpg200200bretemashttps://bretemas.gal/wp-content/uploads/2018/09/logobr2-2.pngbretemas2007-12-24 10:18:002007-12-24 10:18:00Campo do Fragoso LI
Ás portas da celebración da cita olímpica de 2012, Londres xa comezou os preparativos para un evento co que as autoridades pretenden mudar completamente a súa fasquía urbana. A renovación do espazo de Wembley realizada por Sir Norman Foster xa é unha impresionante realidade que nos deixou moi ben impresionados, non tanto polo seu carécter de peza da chamada “arquitectura escultórica”, como pola flexibilidade coa que foi concibida, moito máis alá dos usos dun estadio de fútbol. Con todo, a presenza social do futbol continúa sendo omnipresente en toda a cidade. E non me refiro nin aos tinglados turísticos de venda de camisetas e iconografía dos equipos da Premier, nin ao espazo ocupado pola “información” futboleira nos medios de comunicación nin sequera ao desfile continuo de seareiros uniformados por estacións e aeroportos. Refírome ao feito de que o fútbol comeza a gañar os espazos da cultura, algo que entre nós aínda está case vedado ou considerado como unha excentricidade. Así as biografías dos futbolistas (xunto a doutros deportistas) ateigan os andeis de “non ficción” das librarías nesta campaña de Nadal. Así o escritor Nick Hornby se presenta na lapela da súa máis recente novela xuvenil (dedicada ao skate) como “escritor e seareiro do Arsenal”, educado en Cambridge University e Highbury (podemos imaxinar que un dos nosos narradores se atrevese a semellante presentación?). Así a cartelaría futbolística centra os escaparates de Carnaby como un dos seus primeiros reclamos, adquirindo noutros casos a categoría de pezas artísticas expostas ao pé da Tate Modern. Aí van algunhas destas pezas que fotografamos en diversos espazos urbanos londinienses.
REMONTADA HEROICA Os dez últimos minutos abondaron para que o Celta resolvese un encontro que dende a bancada dabamos por perdido. A expulsión no minuto dezaseis de Diego Costa (un xogador de indubidable calidade, mais que precisa madurar moito profesional e humanamente) malogrou o devir dun partido que o Celta comezou moi ben, apupado por cada unha das galopadas desequilibrantes pola banda de Quincy Owusu. En inferioridade, os de López Caro foron deixándose dominar polos pícaros sevillistas que, a piques de finalizar a primeira parte, sen buscalo atoparon un gol de falta nunha das cantadas ás que xa nos ten afeitos esta tempada Pinto. Coa reanudación, a pesar de modificar o esquema táctico (Canobbio subiu á media punta), non melloraron moito as cousas, transcorrían os minutos cun Celta desesperante na súa actitude indolente e incapaz de introducir un certo sentido no seu xogo atacante, semellando que marraría outra vez as posibilidade de engancharse na loita polo ascenso. Afortunadamente, foron as saídas de Guayre e Perera as que revolucionaron a temperatura anímica celeste. Unha gran xogada do canario permitiu que o estremeño cazase (no seu mellor estilo de bota de ouro) a igualada. O tanto espertou a un Quincy xenial que nunha das súas intentonas, cando faltaban só dous minutos, marcou o segundo tanto. Perera aínda tería outra oportunidade clarísima, salvada polo gardarredes andaluz, para aumentar o marcador. Dez minutos de coraxe, electrizantes, xogados co corazón, foron suficientes para devolvernos a ilusión. Con todo, esta primeira e importantísima vitoria (desas de seis puntos) de López Caro en Balaídos non pode ocultar as evidentes carencias que amosaron os celestes: a portaría está frouxa, a defensa sen Lequi e Contreras é moi fráxil, os medios centros son por agora interesantes proxectos de futuro (especialmente Mario Suárez), a dianteira sen Okkas (lesionado) e cun Canobbio e Núñez descentrados ten escasa pegada, e a dirección do adestrador (o que nos parece moi inquedante) tan ríxida como vacilante nos momentos máis decisivos. Celebremos con prudencia esperanzada esta ledicia, aínda que este Celta non está para botar moitos foguetes.
https://bretemas.gal/wp-content/uploads/2014/03/V10P33F1.jpg175200bretemashttps://bretemas.gal/wp-content/uploads/2018/09/logobr2-2.pngbretemas2007-12-10 07:48:002007-12-10 07:48:00Campo do Fragoso L
IN EXTREMIS Non hai dúbida de que ao Celta se lle atragoan as mañás en Balaídos. Tres matinais e senllos empates, sete encontros na casa e só dúas vitorias, son un pobrísimo balance para un equipo que pretende ascender, incapaz de enganchar dúas vitorias consecutivas. Saíu como é adoito, desque López Caro tomou as rédeas do plantel, moi ordenado, despregándose sobre o terreo cun impecable 4-2-4; un esquema que resultou claramente ineficaz diante dun Nástic que se plantou cun so punta, mais que soubo tecer unha malla tupidísima con catro mediocampistas feroces –o que impediu a fluidez e perigosidade dos toques e máis toques dos nosos dous apáticos estilistas (Larena e Canobbio)– agardando que un roubo de balón lles permitise sorprender por algunha das bandas. E así o conseguiron os cataláns no minuto dezaoito. Antonio López superou a Lukas e rematou dende o lateral esquerdo con moita intención un balón que Pinto rexeitou inocentemente cara adiante para que Calle (un pesadelo para a defensa nosa) rematase a pracer. Co encontro costa arriba e cos cataláns pechados, dende entón, a cal e canto, os celestes dominaron con claridade intentando unha e outra vez chegar á porta de Roberto (soberbio porteiro, o mellor xogador tarraconense). Houbo oportunidades a moreas, algunhas moi claras (como as de Canobbio, a porta baleira, varias dun Quincey bastante centrado ou unha de Lequi nun córner); outras malogradas por Perera, a quen lle ven grande a responsabilidade de ser primeiro dianteiro. Na reanudación, foron os trocos de Suárez, Costa e Okkas (preguntámonos se non deberon saír os tres dende o inicio?) os que permitiron aumentar a intensidade e profundidade do noso ataque. Tras a expulsión de Lequi e despois de que o arbitro embarullase o encontro de tarxetas, iniciado o desconto, chegou o remate de Rubén nunha das súas arroutadas atacantes. Tal como estaban as cousas de atoadas, o gol do defensa picheleiro foi celebrado como se dunha vitoria se tratase. A este Celta de López Caro, tan ordenadiño, como pouco organizado, faille falta un chisco máis de coraxe e xenialidade no remate, xusto o que lle permitiu a Rubén evitar in extremis unha derrota cantada dende a bancada.
Faro de Vigo acaba de montar a súa galería fotográfica da historia do Celta de Vigo. Das vinte fotos publicadas (haberá que aumentalas), escollo esta dun dos meus Celtas preferidos, o do ano setenta (tiña eu once anos). De pé: Gost, Pedrito, Rivas, Rivera, Manolo, Hidalgo; axeonllados: Lezcano, Juan, Rodilla, Almagro e Suco.