Culturgal 2009

Afortunadamente, a pesar do retraso de varios meses, este ano tamén haberá Culturgal. A organización pasou da AGE á Consellaría de Cultura e Deporte que decidiu montar esta feira galega das industrias culturais no Palexco coruñés na primeira fin de semana de decembro. Agardamos que con este novo modelo de xestión, Culturgal continúe co seu espírito fundacional e chegue a converterse nun referente para todos os sectores da cultura. Atraer á maior cantidade posible de público é o seu reto.

Novas tecnoloxías e dinamización lingüística

Mañá estaremos en Carballo participando no IV curso de Verán Traballando en lingua: novas tecnoloxías e dinamización lingüística. Interviremos nunha mesa redonda sobre “Recursos pedagóxicos e culturais na rede”, xunto a Xoán Costas Casas, Henrique Quintáns Míguez e Camilo Regueiro.

A FLIP de Paraty

Desque visitei Paraty en 2004 sempre pensei que a literatura galega ten que buscar un xeito de participar na FLIP. Repasando o programa de actividades deste ano, as referencias na prensa brasileira, a relación de escritores homenaxeados e de autores e autoras participantes das diversas edicións conviría que fixeramos un esforzo por abrir alí unha fenda de visibilidade. Ben sabemos que as feiras internacionais do libro non son o único espazo de proxección internacional. A FLIP é un festival literario, onde autores e lectores poden atoparse ocupando toda unha fermosísima cidade empedrada de carácter colonial. O esforzo e a intelixencia de acudir á FLIP de Paraty (os organizadores son xente ben xeitosa), sei que pagaría a pena neste proceso de saída da literatura galega cara fóra. Ademais, o de Paraty é un modelo de promoción literaria que ben podería ser emulado en Galicia. Imaxinamos o que podería ser o Festival Literario Internacional de Compostela?


Repensar as feiras do libro

Rematada a Feira do libro de Vigo, onde tivemos un importante número de presentacións e asinaturas, é inevitable reflexionar sobre o futuro deste tipo de eventos. É a primeira sensación que teño é de decepción: cada ano diminúe máis o número de expositores (nesta edición en Vigo non se acadou a trintena de casetas, cando houbo edicións nas que se montaron case cincuenta) e de visitantes (o que previsiblemente supón un descenso nas vendas). Un síntoma inequívoco (como tamén puidemos comprobar na pasada Feira de Compostela) de que tal como están organizadas as actuais Feiras do Libro en Galicia non chaman, nin aos lectores habituais (que prefiren visitar a súa libraría de referencia, onde teñen todo o fondo dispoñible) nin tampouco aos lectores ocasionais (ese “público de paso” ao que se quere conquistar sacando o libro á rúa). Diante dun devalar tan evidente, os organizadores (a Federación de Libreiros de Galicia), as institucións públicas que os apoian (a Consellaría de Cultura e Deporte e as concellarías de Cultura dos concellos respectivos), como as entidades profesionais que colaboramos nestes eventos (especialmente os editores) deberiámonos sentar con vagar a repensar como refundar este modelo (exitoso noutras cidades, como é o caso de Madrid). Estudar novas ubicacións, novos programas e tipo de actividades, novas ofertas comerciais máis atractivas para o público semella que non é unha tarefa difícil. Con todo, creo que a maior carencia das feiras en Galicia reside na escasísima promoción e visibilidade na vida cidadá e nos medios de comunicación. Facendo un esforzo publicitario e cos medios (practicamente inexistente na feira viguesa) podería conseguirse un aumento do número visitantes e un maior pulo. A proposta e a nosa total dispoñibilidade para desenvolvela queda aí.

Premios Nacionais da Cultura Galega

Onte asistín á gala de entrega dos Premios Nacionais da Cultura Galega. Non podo máis que felicitar ao equipo da Consellaría de Cultura de Deporte polo desenvolvemento dun acto (un fito histórico e irreversible) moi mimado e axustado, que non perdeu interese e ritmo ao longo dos seus setenta minutos de duración. Subliñaría tres cuestións das que gustei. Primeiro: o seu formato de programa televisivo (producido polo equipo de Miraxes da TVG) o que lle proporcionou axilidade e plasticidade (combinando momentos musiciais e de danza, apoio dos vídeos da fundación Intemperie e a espontaneidade das intervencións dos premiados). Segundo: concederlle todo o protagonismo aos premiados e as súas familias (non houbo discursos institucionais, a pesar de que a ocasión histórica ben os merecía, e os políticos nin sequera estaban nas primeiras filas). Terceiro: ofrecer unha imaxe transversal e plural dunha cultura galega moi ancorada tanto na contemporaneidade (os momentos de Mercedes Peón e o Centro Coreográfico Galego foron moi brillantes) como na memoria (os minutos do cuarteto de corda da real Philarmonía, que interpretou a peza de Gaos, acougaron o acto, proporcionándolle un punto de emoción e melancolía). As intervencións foron, loxicamente, moi desiguais. A min gustáronme moito as de Peón, Margarita Ledo, Fierros e, sobre todo, a de Ferrín. Mágoa que o meu admirado Manuel Lourenzo, introducise un innecesario estrambote final no seu parlamento esperanzado, respondido con elegancia sutil por Ferrín. Beizóns para Francisco Novo (o responsable da gala televisiva), para Miguel Fernández e Xandra Tedín (magníficos presentadores) e para a conselleira Ánxela Bugallo e todo o seu equipo. Abriron un camiño de autoestima e dignidade para todo o sector cultural da nación.

Diálogos literarios en Mariñán

Mañá estaremos participando nos Vº Diálogos literarios de Mariñán organizados pola Fundación Carlos Casares. Moderaremos o debate sobre “Letras da vida” que manterán dous bos amigos Xosé Miranda e Gustavo Martín Garzo.

Palabras para cambiar o mundo

Moito agradezo a Marcos que recollese o texto do pregón co que Agustín Fernández Paz inaugurou a Feira do Libro de Ourense o pasado 31 de maio. Recollo os derradeiro parágrafos, preciosos:

“Todas as persoas necesitamos de historias, de soños, de palabras. Para entender o mundo e para entendernos a nós mesmos. Para soñar outras vidas, para loar todo o que a vida nos dá, para vencer o espanto da morte. É curioso: as vellas palabras de Cunqueiro volvémolas atopar hai pouco en boca do estadounidense Paul Auster ao recibir, hai agora dous anos, o premio Príncipe de Asturias: “Necesitamos historias case tanto coma o comer, e sexa cal sexa a forma en que se presenten –na páxina impresa ou na pantalla da televisión- resultaría imposible imaxinar a vida sen elas.

Coma o comer, como beber auga, xaora que si. As persoas non poderiamos vivir sen o alento da imaxinación e dos soños. E, aínda que unha boa parte desa sede, desa fame, a saciamos a través das múltiples pantallas coas que convivimos, non podemos esquecer que a orixe de todas as historias está nos libros. Pois os libros conteñen os soños, as paixóns, os medos, as risas: neles están a imaxinación, os sentimentos e experiencias das persoas, das que viven agora en calquera lugar do mundo e das que desapareceron hai moitos anos. José Ángel Valente escribiu, nun poema memorable, “el que da una palabra, da un don”. Pois iso son os libros, ríos de palabras que se nos ofrecen con xenerosidade para axudarnos a aprender mellor o oficio de vivir.”

Blogs e lectura

Mañá, xoves, 29 de maio, estaremos ás 18:30 na Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña, no Campus da Zapateira, para manter un encontro co alumnado sobre “Blogs e lectura”.

Os concertos de Enrique X. Macías

Por fin soubemos da celebración dos concertos en homenaxe a Enrique X. Macías con motivo do 50 aniversario do seu nacemento. Celebraranse o xoves na Coruña no Teatro Rosalía de Castro, o venres en Santiago no Salón Teatro e o domingo en Vigo nas instalacións de Marco. Os tres concertos comezarán ás 20:30 horas. Os concertos enmárcanse no proxecto “As nosas músicas, os nosos sons”, co que a Consellaría de Cultura e Deporte, a través da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural, quere dar a coñecer ao gran público o legado musical e creativo dos compositores galegos contemporáneos máis significativos. A homenaxe a Macías realízase en colaboración coa asociación portuguesa Miso Music, depositaria da obra do compositor. A asociación fundou o grupo “Sond’Arte Electric Ensemble”, coa dirección artística de Miguel Azguime e con Pedro Amaral como mestre titular. O programa dos concertos estará formado por tres obras de Enrique Macías: Adhuc (1993) para ensemble e electrónica; Cadencias e interludios/Percurso I (1989-1992) para piano e electrónica e Itinerario de luz (1995) para ensemble e electrónica. A actuación complétase coa peza Derrière son double (2001) de Miguel Azguime, compositor portugués director do grupo e amigo persoal de Enrique Macías. Aconsello non perdelos. Serán unha magnífica oportunidade para recuperar ou coñecer o valor dun dos nosos máis importantes creadores da cultura galega da fin do século pasado.