Uso educativo dos blogs

Esta presentación de Tiscar sobre o uso educativo dos blogs é modélica, tanto pola claridade na presentación e estruturación das ideas como no formato. Non coñecía o slideshare que permite subir presentacións unha utilidade interesantísima). Beizóns, Tiscar.
Etiquetas:,

Gennet Corcuera

O momento culminante da magnífica conferencia de onte de Pilar Pérez Esteve sobre as “Competencias lingüísticas no marco da Reforma Educativa” foi cando relatou a historia de Gennet Corcuera, a primeira española xordocega que chega á Universidade. Recordou que a estudante comentara nunha entrevista que o momento máis inesquecible da súa vida foi cando “comprendín que cada cousa ten o seu nome, foi coma romper unha cápsula de aceiro”. Poucas veces escoitamos unha referencia máis valiosa para explicar o valor da linguaxe para regular emocións e sentimentos, para entender como a lingua é a mediadora principal de todo tipo de aprendizaxes.

Da escola das bolboretas á noite de voraces sombras

A lingua das bolboretas, a película de José Luís Cuerda que recrea textos de ¿Qué me queres amor? é unha película que consegue emocionar, xa que tras os ollos de Monchiño –o Pardal de seis anos que foxe do seu niño familiar da man de don Gregorio, o mestre a piques de se xubilar que lle aprende a importancia do silencio e da lectura– vemos un mundo que se desintegra moralmente, por mor da intolerancia e do fanatismo relixioso. Don Gregorio representa a figura daqueles mestres que foron as verdadeiras luces da República. Mestres, formados na tradición laica da moderna pedagoxía da Institución Libre de Enseñanza e nas ideas educativas do socialismo histórico, que pretendían redimir a súa sociedade pola escola. Con este obxectivo os gobernos progresistas da República realizaron un extraordinario esforzo educativo: crearon milleiros de escolas e formaron a novos profesores nas máis modernas técnicas pedagóxicas da Escola Nova europea. Tentaban deste xeito atallar a lacra do analfabetismo, que en Galicia acadaba unha taxa do 35% de toda a poboación adulta.
Na escola das bolboretas non se pegaba, nin o mestre berraba. Non había vara de vimbio para azoutar a aqueles que non sabían. Moi ó contrario, don Gregorio sempre sorría coa súa cara de sapo e empregaba as súas verbas –agarimosas, sedutoras e entusiastas– coma poderosas lentes que achegaban aquilo que estaba tan lonxe. Verbas lentes que permitían coñecer o tilonorrinco, un paxaro que vivía en Australia e pintaba de cores o seu niño cunha especie de óleo que fabricaba con pigmentos vexetais. Verbas lentes coas que os rapaces descubrían que as patacas e o millo viñeran de América e coas que viaxaban sobre o mapamundi coa mesma fascinación dunha película. Cando don Gregorio se anoxaba, calaba buscando nese silencio prolongado, desacougante, que os seus alumnos sentisen como eles mesmos eran os que debían buscar a solución ao seu conflito. Para don Gregorio a escola tiña que ser obradoiro e xardín, un verdadeiro laboratorio de coñecemento científico e experimental, no que todos agardaban coa mesma ansia a chegada do microscopio que algún día enviarían os responsables do Ministerio de Instrución Pública.
Como outros mestres daquel tempo, organizaba paseos escolares, verdadeiras rotas do descubrimento, para que os alumnos puidesen coñecer horizontes novos dende o Monte Sinaí, e ir na procura do Iris, aquela bolboreta que brillaba fermosísima pousada na lama ou no esterco. Saía con eles para facer unha ensinanza máis intuitiva que os fixese interrogarse sobre o que os rodeaba e eles non coñecían. Velaí a razón de ser da lingua das bolboretas, esa trompa enroscada coma un resorte de reloxo, feliz metáfora de Manuel Rivas sobre a paixón por coñecer e por descubrir, de cómo o saber posúe un poder redentor para as persoas.
A película é crónica do fracaso deste modelo escolar, desta utopía pedagóxica destruída pola barbarie da intransixencia que levou, só en Galicia, a que noventa profesores (segundo o censo máis recente de Xosé Docampo) pagasen coa súa vida polo único feito de ser coma don Gregorio. A lingua das bolboretas é unha homenaxe para eles que forman parte da memoria de todos os educadores progresistas de hoxe. Aquela escola das bolboretas deu paso para o profesorado republicano á noite de voraces sombras.
Os sublevados axiña puxeron fin a esperanza educativa republicana e abriron un período de mortes, encadeamentos, castigos e exilios, que afectaron grave e negativamente aos corpos docentes en toda España e así tamén en Galicia. Desde os primeiros momentos de iniciado o golpe militar, e alí onde triunfaba, púxose en marcha a maquinaria represiva sobre o profesorado, ditándose en pouco tempo distintas medidas sinalando o alcance da depuración de condutas políticas e sociais consideradas punibles polo novo Réxime. Todo o profesorado (e mesmo o alumnado das escolas de maxisterio do curso 1935-36) foi sometido a expedientes de depuración, isto é a expedientes informativos que contemplaban, a través das opinións e escritos de diversos informantes (especialmente do sector eclesiástico), o comportamento político, moral e profesional de cada un no tempo da IIª República. O tipo de cargos sometidos a sanción cubría unha extensa nómina: militancia en organizacións afectas á IIª República, nacionalismo/separatismo catalán, vasco ou galego, simpatías de esquerda, irrelixiosidade, pertenza á masonería, conduta privada inmoral, etc., derivándose do anterior as diversas resolucións: dende a confirmación no cargo, ata posibles sancións que supuxeron o cese total para case 700 profesores galegos (o que para moitos deles supuxo intentar o camiño do exilio cara América ou do exilio interior), para outros tantos a suspensión de emprego parcial ou traslado de localidade e para máis de sesicentos sancións económicas.
Moita peor sorte tiveron os xa citados noventa profesores fusilados en Galicia. En Vigo foi fusilado na tapia de Pereiro, o 27 de agosto de 1936, o mestre José Apolinar Torres, xunto a outras oito persoas, entre as que se atopaban os alcaldes de Lavadores (José Antela Conde) e Vigo (Emilio Martínez Garrido), tres deputados (Enrique Heraclio Botana, tipógrafo, fundador da UGT en Vigo e primeiro alcalde republicano da cidade; Antonio Bilbatúa Zubeldía e Ignacio Seoane Fernández), ademais de dous concelleiros socialistas (o médico Waldo Gil e Ramón González Brunet) e o panadeiro Manuel Rey “O Vilagarcía”.
O 12 de setembro de 1936, o tenente da Garda Civil Francisco Rodríguez González “O Rabioso” e tres falanxistas de Bouzas foron buscar a súa escola a José Vázquez Grela, mestre de Nigrán que foi asasinado polas costas no barrio de Devesa. Severino Crespo, alumno seu, relata así os feitos: “(…) sacárono e metérono
nun coche daqueles antigos e baixaron cara ao cruce, torceron á esquerda e metéronse pola estrada de Camos. Niso a muller baixa correndo as escaleiras e só puido ver o coche como torcía cara ás Angustias, saíu correndo (…) cando chegou preto das Angustias xa se oíron os tiros. Levárono pegado por un carreiro ao cemiterio do Cean e dixéronlle que baixara que o ían levar xunto do cura, así como comezou a andar pegáronlle cinco tiros polas costas, a carón dun carballo”.
Semellante infortunio ocorreu o 15 de setembro de 1936, cando foi paseado o mestre da escola Pública de Coia, Víctor Fráiz Villanueva, comunista, fundador da
FETE-UGT de Galicia e profesor de ideas pedagóxicas moi avanzadas como as descritas cando falamos da escola das bolboretas. Outrosí sufriu Antonio Mojón Vázquez, nacido na Cañiza e mestre interino en Asturias, fusilado no Monte do Castro o 31 de outubro de 1936, tras un Consello de Guerra.
Outros mestres asasinados da nosa comarca, dos que só temos constancia documental do seu nome, foron: Xoán Alonso Pérez e X. A. Álvarez Álvarez, os dous de escolas de Arbo; José Cortés, mestre de Goián; Hipólito Gallego Camarero, da escola de Forcadela, Tomiño (fusilado o 4 de agosto de 1936 en Mondariz); Gumersindo Gastiasoro, mestre de Cangas; Vitor Trabazo, mestre de Moaña. Outros dous mestres galeguistas de Rianxo, Manuel Rodríguez Castelao, e Xosé Losada Castelao, ambos os dous curmáns de Castelao, morreron o 24 de abril de 1937 no porto de Vigo cando intentaban fuxir nun bou cara a Francia.
Hoxe, setenta anos depois, pronunciando os seus nomes, estamos exercendo o noso lexítimo dereito á esperanza das luces da República que eles coa súa vida prenderon.

(Extracto da intervención preparada para pronunciar o día 15 de novembro na Semana pola Recuperación da memoria Histórica de Navia)

Máis galego na ESO

Vieiros confirma hoxe un ruxe-ruxe, que coñeciamos dende hai unhas semanas, sobre a intención do Goberno Galego de aprobar un decreto que estableza que a partir do vindeiro curso, coincidindo coa implantación dos novos currícula, serán impartidas en galego a metade das áreas da ESO. O Goberno Galego poñería así en marcha unha das medidas educativas fundamentais previstas no Plan Xeral de Normalización Lingüística aprobado en 2004. Ata agora na ESO, como mínimo, debían impartirse en galego as áreas de Xeografía e Historia e de Ciencias da Natureza (incluíndo a Bioloxía e Xeoloxía e a Física e Química), feito incumprido en grande número de centros como teñen denunciado de forma reiterada a Mesa pola Normalización Lingüística e como amosan de forma contundente as estatísticas das investigacións sociolingüísticas.

A medida que se pretende aprobar, a pesar de que chega tarde, pode ser fundamental para revitalizar a ranqueante galeguización educativa. A utilización do galego como lingua vehicular en áreas como Matemáticas, Música ou Tecnoloxía (lembremos que o alumnado da ESO conta ata 11 áreas, o que suporía que canto menos en galego deberían impartirse cinco ou seis) é imprescindible para acadar o obxectivo establecido pola Lei de Normalización de 1983, de acadar unha competencia equilibrada en galego e castelán, tanto oral como escrita, de todo o alumnado ao remate da escolarización obrigatoria (daquela 8º de EXB). Posición que foi moi ben matizada polo documento de NEG, Modelo de Normalización Lingüística para o Ensino (elaborado en 1988 e revisado dez anos despois), que propoñía a necesidade dun punto terminal normalizador (situado aos 12 anos, ao remate da Educación Primaria) a partir do que se deberían impartir todas ás áreas na nosa lingua.

A utilización do galego como lingua vehicular na metade das áreas da ESO, sen ser o obxectivo que defendemos, constitúe un importante avance no proceso normalizador. Unha medida que para ser exitosa precisa dunha coidada estratexia de comunicación e formación entre o profesorado (para vencer algunhas resistencias, que sabemos as hai), ao tempo que unha firme vontade de velar polo seu cumprimento por parte das autoridades educativas (desde a Inspección ata as Delegacións Provinciais), precisamente o que fallou no famoso “Decreto Regueiro“.

Esta medida debe ir amparada, ademais, por unha recuperación do pulo galeguizador dentro dos centros e da súa comunidade educativa. Como ben sinala Marcos precisamos en todos os centros de Axentes da causa do galego, papel que hai vinte anos desempeñaron nos centros de EXB os “habilitados de galego” e, logo, os membros dos Equipos de Normalización Lingüística. Esa atmosfera propicia e en positivo para a lingua nosa pode ser o mellor acicate para o éxito da medida que se anuncia. Agardamos pola súa concreción normativa para valorar aspectos máis miúdos da medida.

Pedagoxía da convivencia

Xián ten dezaseis anos e repite 3º de ESO. A semana pasada foi expulsado do instituto durante tres días, a máxima corrección que pode impoñer a dirección, por unha falta de respecto a un dos seus profesores e aos seus compañeiros de aula. Foi a clase sen material ningún e interrompeu varias veces coas súas “gracias” o debate sobre a actual situación dos inmigrantes que alí se mantiña. Cando Xavier, o profesor de Xeografía, lle pediu a súa opinión, Xián respondeulle que pouco lle importaba como vivían, que buscasen a vida como puidesen e se non amañaban que se volvesen para o seu país que ninguén os chamara neste. Ademais, replicoulle que estaba farto de tantos debates na clase, que non servían para nada e que eran unha perda de tempo. Xabier tratou de reconducir a situación, preguntando a outros estudantes –xa se perdera a concentración da sesión– e Xián insistiu nos seus comentarios desprezando cada unha das opinións dos seus compañeiros. Xabier, entón, indicoulle que a súa actitude non era a adecuada nunha aula e que debía abandonala. Xián contestoulle, subindo o ton, que el non tiña por qué saír da clase, que tiña dereito a permanecer alí e que non podía expulsalo por expresar a súa opinión. Despois de varios comentarios irados, Xián saíu pero, cando estaba a punto de pechar a porta, encarouse nun ton ameazador con Xabier e díxolle: “isto vasmo pagar moi caro”.

Xián xa fora apercibido de sanción con anterioridade, polas súas expulsións frecuentes, por chegar sistematicamente tarde ao centro ou polas ameazas das que se queixaron as rapazas de 1º da ESO no recreo. A nai de Xián está destrozada. Falou varias veces co titor e coa dirección do Instituto e, agora, recoñece que o rapaz chega tarde porque hai algunhas veces que non consegue erguelo da cama. “Non sei qué facer con el, téñoo intentado todo”, confésalle desacougada ao titor. “Levo varios anos horrosos. Merqueille a moto a ver se aprobaba, déixoo saír todas as fins de semana, dinlle os cartos para que fose ao concerto cos amigos, e, aínda así, non consigo que aprobe”. O titor proponlle que estude a posibilidade de que o vindeiro ano se matricule nun Programa de Garantía Social, xa que polo seu rendemento escolar e pola súa actitude xa non vai ter posibilidades de obter o Graduado de Secundaria. A nai comprométese a discutilo co seu home, pero asegura que o máis complicado será convencer a Xián, “non sabe o difíciles que son os rapaces agora”.

Este caso ficticio pode estar sucedendo en calquera dos nosos centros escolares. Conflitos semellantes, con todos os matices e circunstancias que se lle queiran engadir, son o síntoma do deterioro da convivencia escolar e do malestar docente de tantos centros, públicos ou privados, de Secundaria. O conflito que mantén Xián coa institución escolar e co seu entorno familiar amosa o desaxuste entre os seus desexos (divertirse cos amigos e consumir o que esta á moda) e os valores da sociedade das persoas adultas. A solución a este dilema non é doada.
Non podemos deixarnos vencer polo fatalismo. Existe a posibilidade de promover nos adolescentes hábitos de convivencia democrática, de respecto mutuo, de asunción consciente de dereitos e deberes; en definitiva, dos valores do sacrificio e do esforzo como esenciais para organizar o traballo escolar e a convivencia. Dende as administracións e dende os medios de comunicación, moi influíntes á hora de conformar actitudes e valores na mocidade, hai que apoiar ás familias para que establezan os límites que precisa toda educación democrática.

Esa é a proposta que dende hai anos vén propoñendo nos seus libros o coraxudo profesor Xesús R. Jares, que onte presentou en Vigo, diante de máis de duascentas persoas, a súa obra máis recente, Pedagogía de la convivencia.
Este será outro libro educativo de referencia, froito dunha investigación demorada na pedagoxía do conflito e na educación para a paz. Unha obra que pretende facer fronte a este reto colectivo provocando unha reflexión en profundidade sobre a problemática da convivencia dentro dos centros e propoñendo liñas de actuación educativa, baseadas na participación da comunidade educativa (especialmente das familias), na mediación e na resolución non-violenta dos conflitos.
Comparto con Suso, ademais de mútiples querenzas e soños, que a aprendizaxe dunha convivencia respectuosa e solidaria é responsabilidade de toda a cidadanía e non só do profesorado. A familia e a escola son os obradoiros onde deseñar esa nova convivencia que queremos. Non renunciemos, por custoso que sexa, neste empeño.

Anuncio para fomentar os estudos de FP

Ata hoxe non coñecín semellante campaña institucional sobre a FP. Que pensarán todos os moitos amigos e amigas que teño en centros de FP? Os seus autores consideran este traballo como “divertido” xa que deseñaran toda a campaña co obxectivo de fomentar entre a xente moza os estudos de FP “tratando de falar a súa propia linguaxe”? Despois de ver o vídeo unhas cantas veces, pregúntome se está realmente respaldada e financiada polos responsables da Consellaría de Educación da Xunta? É isto real ou estiven soñando?

Etiquetas: ,

Marta Mata

Faleceu Marta Mata, a grande impulsora da renovación pedagóxica catalana e defensora da escola pública. Os membros dos MRPs, os ensinantes que nos vencellamos no proxecto da escola galega das pombas debémoslle moito a esta mestra de escola e mestra de mestres, con moi boas amizades en Galicia.

Tiven a oportunidade de coñecela personalmente hai vinte anos nun encontro preparatorio do Congreso de MRPS celebrado na súa casa de can Garriga ao que acudín con Antón Costa. Sempre lle tiven lei a dona Marta pola súa afouteza inquebrantable na defensa da dignidade da profesión e pola súa profunda convicción nas posibilidades de transformar a sociedade dende o traballo pedagóxico comprometido. Unha grande perda.

Etiquetas: ,

A escola fusilada


Preparase unha homenaxe nacional aos mestres fusilados. Alí estaremos.
Etiquetas: ,