Máis sobre a xestión da CdC

Daniel Salgado publica en El País Galicia unha xeira de opinións sobre o modelo de xestión escollido para a CdC. Entre as persoas que fomos consultadas a maioría expresamos dúbidas sobre a conveniencia de darlle maioría ao capital privado na xestión da nova fundación. Pola súa banda, Galicia hoxe publica unha entrevista con Juan Manuel Urgoiti, a persoa escollida por Touriño para presidir a nova fundación, que non achega novidades con respecto ao xa publicado ata agora.

Desvélase o modelo de xestión da CdC

Comezan a desvelarse os proxectos previstos para a CdC. Non podo agachar a miña enorme perplexidade diante do modelo de xestión anunciado por Touriño: unha fundación con maioría privada (51%) para xestionar unha obra financiada na súa totalidade con cargo a fondos públicos. Outrosí sucede co anuncio do nome do responsable da nova fundación, Juan Manuel Urgoiti, empresario de tan acusado perfil financieiro e cosmopolita como escasa presenza na actividade cultural do país, ou o carácter claramente bipolar (“mixto”) que se pretende proporcionar á xestión da CdC, esgazada nunha parte pública (os edificios do Arquivo e da Biblioteca Nacionais, e supoño tamén do Museo de Historia de Galicia, que serán responsabilidade da actual Fundación CdC) e noutra privada, onde se adscribirán as instalacións expositivas de perfil máis innovador (o Centro de Arte Internacional, o Museo dos Nenos e o Espazo Obradoiro) e a xestión dos servizos comúns (restauración, espazos comerciais ou parkings).
Outra das nosas perplexidades é que este modelo de xestión bipolar non parece coincidir exactamente co anunciado pola conselleira Ánxela Bugallo nas súas comparecencias parlamentares; como tamén parece ben extraño que o presidente Touriño non anunciase un compromiso explícito do Goberno central na xestión dun proxecto que debería ser considerado de estado. Porén, sen poder entrar a valorar a viabilidade e excelencia do modelo de xestión proposto nin os contidos expositivos (as informacións proporcionadas onte foron moi xenéricas), polo menos semella unha boa noticia o compromiso destas grandes empresas galegas para encarreirar tan díficil proxecto. Ben está que as dúas caixas, Inditex ou os grupo Jove e Tojeiro arrisquen parte dos seus recursos nun proxecto que, inequivocamente, debe estar ao servizo da cultura galega e da súa proxección internacional. Quedemos con esta esperanza, agardando que despois do verán se poidan despexar moitas das dúbidas que expresamos.

Premios Nacionais da Cultura Galega

Onte asistín á gala de entrega dos Premios Nacionais da Cultura Galega. Non podo máis que felicitar ao equipo da Consellaría de Cultura de Deporte polo desenvolvemento dun acto (un fito histórico e irreversible) moi mimado e axustado, que non perdeu interese e ritmo ao longo dos seus setenta minutos de duración. Subliñaría tres cuestións das que gustei. Primeiro: o seu formato de programa televisivo (producido polo equipo de Miraxes da TVG) o que lle proporcionou axilidade e plasticidade (combinando momentos musiciais e de danza, apoio dos vídeos da fundación Intemperie e a espontaneidade das intervencións dos premiados). Segundo: concederlle todo o protagonismo aos premiados e as súas familias (non houbo discursos institucionais, a pesar de que a ocasión histórica ben os merecía, e os políticos nin sequera estaban nas primeiras filas). Terceiro: ofrecer unha imaxe transversal e plural dunha cultura galega moi ancorada tanto na contemporaneidade (os momentos de Mercedes Peón e o Centro Coreográfico Galego foron moi brillantes) como na memoria (os minutos do cuarteto de corda da real Philarmonía, que interpretou a peza de Gaos, acougaron o acto, proporcionándolle un punto de emoción e melancolía). As intervencións foron, loxicamente, moi desiguais. A min gustáronme moito as de Peón, Margarita Ledo, Fierros e, sobre todo, a de Ferrín. Mágoa que o meu admirado Manuel Lourenzo, introducise un innecesario estrambote final no seu parlamento esperanzado, respondido con elegancia sutil por Ferrín. Beizóns para Francisco Novo (o responsable da gala televisiva), para Miguel Fernández e Xandra Tedín (magníficos presentadores) e para a conselleira Ánxela Bugallo e todo o seu equipo. Abriron un camiño de autoestima e dignidade para todo o sector cultural da nación.

Os concertos de Enrique X. Macías

Por fin soubemos da celebración dos concertos en homenaxe a Enrique X. Macías con motivo do 50 aniversario do seu nacemento. Celebraranse o xoves na Coruña no Teatro Rosalía de Castro, o venres en Santiago no Salón Teatro e o domingo en Vigo nas instalacións de Marco. Os tres concertos comezarán ás 20:30 horas. Os concertos enmárcanse no proxecto “As nosas músicas, os nosos sons”, co que a Consellaría de Cultura e Deporte, a través da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural, quere dar a coñecer ao gran público o legado musical e creativo dos compositores galegos contemporáneos máis significativos. A homenaxe a Macías realízase en colaboración coa asociación portuguesa Miso Music, depositaria da obra do compositor. A asociación fundou o grupo “Sond’Arte Electric Ensemble”, coa dirección artística de Miguel Azguime e con Pedro Amaral como mestre titular. O programa dos concertos estará formado por tres obras de Enrique Macías: Adhuc (1993) para ensemble e electrónica; Cadencias e interludios/Percurso I (1989-1992) para piano e electrónica e Itinerario de luz (1995) para ensemble e electrónica. A actuación complétase coa peza Derrière son double (2001) de Miguel Azguime, compositor portugués director do grupo e amigo persoal de Enrique Macías. Aconsello non perdelos. Serán unha magnífica oportunidade para recuperar ou coñecer o valor dun dos nosos máis importantes creadores da cultura galega da fin do século pasado.

Premios da edición en Galicia

Moi oportuna a proposta de hoxe de Ferrín sobre a necesidade de ampliar os Premios Nacionais de Cultura aos diversos xéneros literarios.
Diante do debate social suscitado, quizais conviría que os responsables da Consellaría de Cultura explicasen como entenden a posta en marcha do artigo 21 da Lei do libro e a lectura, aprobada por unanimidade do Parlmento Galego e co apoio de todo o sector do libro, no que se fai referencia a “Premios, bolsas e outros recoñecementos”. En concreto o artigo establece e este teor:

“A Xunta de Galicia outorgará, en colaboración cos axentes do sector, os premios da edición de Galicia ás mellores obras publicadas en galego cada ano –narrativa, poesía, teatro, ensaio e literatura infantil e xuvenil–, á mellor tradución, ás obras mellor editadas e aos mellores labores editorial e de fomento da lectura, ás obras mellor ilustradas e outros”.

Se non nos trabucamos na interpretación do texto, estes premios da edición non deberían ser incompatibles coa convocatoria dos anunciados Premios Nacionais de Cultura. Razón pola que agardamos a súa próxima convocatoria, o que constituiría unha excelente e moi agardada noticia para o mundo da lectura en galego.

Escritoras na RAG

Aledeimei moito do nomeamento da Margarita Ledo Andión como novo membro da Academia Galega. Un recoñecemento xustísimo á traxectoria de Marga, vencellada ao mundo da creación literaria, do audiovisual e da comunicación, un perfil que moderniza a institución e a obrigará a dialogar máis estreitamente coa contemporeneidade. Ao mesmo tempo, a presenza de Margarita axuda a reparar o carácter patriarcal da Academia, onde a presenza de mulleres, a pesar das últimas incorporacións, é cativa.
No entanto, fago miñas as palabras de Fran Alonso reivindicando a entrada na Academia de María Xosé Queizán, unha personalidade fulcral da cultura galega dos últimos cincuenta anos, que dende hai moito tempo xa debería de formar parte da institución. María Xosé, alén do seu compromiso político feminista, toca con alento todos os paos da nosa creación cultural: narradora, poeta, autora dramática, ensaísta, tradutora, directora de hai vinte anos dunha revista de cultura, activista a prol da lingua e non sei cántas cousas máis. Beicemos a entrada merecidísima de Margarita Ledo Andión, a seguinte incoporación debería ser a de María Xosé Queizán.

Etiquetas:

Industriais culturais a debate

Hoxe Faro de Vigo publica dúas páxinas do debate que sobre o futuro das industrias culturais en Galicia mantivemos con José Antonio Perozo e Ignacio López Chaves. Ao longo da conversa insistín no que entendo son as catro liñas básicas para o desenvolvemento das industriais culturais en Galicia e en galego:

“Primeira, unha política cultural pública de carácter transversal, de carácter estratéxico, que ata de agora non existíu; segunda, vencellada á normalización lingüística como sinal de identidade cultural; terceiro, a internacionalización, porque non somos un sector somentes interior; por último, a creación de industrias culturais ten que estar vencellada á innovación tecnolóxica, se non, non hai futuro”.

Centro do IBBY para CdC

Estas son dúas grandes noticias para a nosa LIX e para o futuro da nosa lingua.
Este centro do IBBY, ubicado na Cidade da Cultura, terá como principal obxectivo “o estudo, a difusión e a promoción dos libros para nenos e mozos procedentes das linguas e culturas minorizadas”. Será o segundo centro internacional que o IBBY pon en marcha no mundo. O primeiro fundouse en 1985 en Oslo, e está dedicado aos libros para nenos e mozos con discapacidades. Na decisión de elixir o noso país como sede deste segundo centro internacional pesou a forza e o prestixio que a literatura infantil e xuvenil galega acadou nas últimas décadas, ata constituírse nunha literatura puxante e competitiva a nivel internacional.
Beizóns para a Consellaría da Cultura e para os que fixeron posible a consecución deste centro que internacionaliza a nosa LIX.

Aniversario do Consello da Cultura Galega

Daniel Salgado publica en Luzes unha reportaxe sobre a traxectoria do Consello da Cultura Galega con motivo do seu XXV aniversario. Recolleu opinións sobre esta traxectoria de Ramón Villares (actual presidente), Luís Álvarez Pousa, Darío Villanueva, Carlos Callón e eu mesmo. Creo que esta efeméride do Consello, lonxe da autocompracencia, debería servir para que tan importante institución do noso autogoberno –non esquezamos, independente do Goberno Galego– reflexionase sobre o seu papel futuro e fose capaz de reinventarse no contexto da actual revolución da creación e comunicación cultural, retos que a obrigan a fuxir da endogamia e da consideración da cultura só dende o seu carácter institucional.

Premios Nacionais de Cultura

Moi boa noticia é a convocatoria dos Premios Nacionais de Cultura. A Consellaría de Cultura cumpre así un compromiso programático dos partidos do goberno e pon en marcha unha das iniciativas previstas na Lei do Libro e a Lectura. As dez categorías convocadas asumen, basicamente, o modelo dos Premis Nacionals de Cultura de Catalunya (quince categorías), afastándose do carácter máis artístico dos convocados polo Ministerio de Cultura (vinte e dúas modalidades, das que doce delas corresponden a literatura, a lectura e a edición) que, por certo, serán entregados o vindeiro sábado no Teatro Jofre de Ferrol (Rubén Ruibal e Manuel Vilariño serán os premiados galegos). A composición independente do xurado (quince persoas) e a posibilidade de realización de propostas por parte de entidades cidadás e institucións parécenme outros dous grandes acertos destes nosos Nacionais. Iniciativas todas elas que, para comezar este novo vieiro de autoestima e fomento da nosa creación cultural, non están nada mal. No entanto, cremos que xa haberá tempo en futuras edicións de realizar algúns axustes nestes premios, como para min sería desdobrar o de Literatura en diversas modalidades de xénero, algo que parece lóxico tanto pola grande importancia da nosa creación escrita, como polo que isto podería axudar ao proceso de normalización da lingua, do libro e da lectura en galego. Beicemos á Conselleira de Cultura por esta magnífica iniciativa que abre un camiño de apoio á creación e promoción da nosa cultura.