Desbloqueouse a Lei do libro
/en Cultura/por bretemasEntre as moitas novidades que introduce o texto salientaría a creación de novos órganos de participación (“Consello Asesor do Libro”) e xestión (“Cámara do libro”, “Instituto Rosalía de Castro” de promoción da lingua, literatura e edición galegas), o papel central da biblioteca (primeira institución cultural de cada comunidade local), ou o reordenamento da edición institucional baixo os principios de austeridade, pertinencia administrativa e utilidade social. Con todo, a clave do éxito da lei está no seu compromiso de desenvolver un Plan de lectura (con financiamento suficiente, tanto público como privado, medios de xestión e avaliación) que promova unha auténtica revolución lectora no conxunto da sociedade galega. Tras a aprobación definitiva da lei e a posta en marcha do Plan da Lectura non haberá excusas para intentar reducir os indicadores deficitarios de lectura pública que tantas veces temos denunciado. A énfase na promoción da lectura en galego, vencellada ao Plan Xeral de Normalización Lingüística (mágoa que, polo momento; non colla o pulo agardado), constitúe outros dos eixos máis esperanzadoras da lei.
O trámite parlamentario deberá enriquecer e puír un texto que, previsiblemente, será aprobado por unanimidade. Seguiremos con atención este proceso lexislativo, que coincide, tamén, co da Lei do libro do Ministerio de Cultura (contestada nalgúns aspectos, como o da autorización dos descontos para o libro de texto, por editores e libreiros).
Con Isaac
/en Cultura, Editores/por bretemas
Non podo comprender as razóns para intentar apartar a Isaac e a súa familia da dirección do grupo Sargadelos. Hoxe en Vigo Metropolitano aparece unha das poucas entrevistas con este grande mestre de editores sobre tan espiñenta cuestión. Nesta entrevista moi interesante, Isaac amosa a súa vontade de loitar para recuperar a dirección do proxecto empresarial e cultural que encabezou dende hai máis de corenta anos.
A Isaac téñolle enorme admiración. En decembro de 2004 tiven a honra de facer a laudatio do seu traballo, con motivo da homenaxe que lle tributou a Federación de Asociacións de Veciños de Vigo. Permítome extractar o anaco daquel discurso no que facía referencia a súa actividade empresarial:
“… Creo que foi o contacto co mundo do exilio o feito decisivo que o levou a tomar a decisión radical de abandonar a súa carreira de “pintor de éxito” e iniciar un comprometido proxecto de promotor dunha industria cultural en Galicia. Velaí o proxecto intelectual, empresarial e cultural (termos inseparables) do noso Gulliver Pardo: pasar dunhas formas (os sinais dun sistema propio de expresión das manifestacións da cultura) exclusivamente funcionais a outras que, ademais de funcionais, expresaran o contexto no que foron feitas.
Desa complexa determinación intelectual saíron os proxectos empresariais aos que Isaac Díaz Pardo entregou a súa vida: Cerámicas do Castro (fundada en 1948), que comezou empregando as materias primas utilizadas no antigo Sargadelos para fabricar pezas de aprezable calidade, e, logo, en Arxentina (Isaac tamén foi emigrante), Cerámicas de Magdalena (en 1955). De novo no país, o Laboratorio de Formas de Galicia (1963), que promoveu xunto aos seus grandes amigos da cultura do exilio bonaerense (Luís Seoane, Lorenzo Varela, Rafael Dieste e Antonio Baltar), concibido como plataforma para promover unha serie de empresas recuperadoras da memoria histórica de Galicia: o Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside ou Ediciós do Castro. E, xa por último, o complexo industrial de Cerámicas Sargadelos de Cervo (1968), a formulación da industria cultural de maior relevo e transcendencia do noso tempo. Sargadelos foi, dende entón, e segue a ser, o símbolo da Galicia moderna e eterna, recollida nun prato ou nunha cunca, nunha alfaia diminuta das que deseña a súa compañeira Minina ou nunha escultura da Alba de Gloria.
E nesas segue don Isaac. Traballando como responsable, deseñador, creador, promotor de Sargadelos; como editor de Ediciós do Castro (onde publica “Documentos para a Historia Contemporánea de Galicia”, a colección culturalmente máis relevante da edición galega actual); como membro de patronatos e fundacións múltiples; como articulista semanal tan aceirado e crítico como oportuno.
En todos estes eidos, en todas estas actividades, Isaac loita contra a desmemoria que baleira de contido trascendente calquera nova iniciativa. A memoria para el é garantía de lucidez e de compromiso, de respecto tanto pola tradición, moitas veces roubada ou ocultada (pensemos na do exilio), como, polo futuro, xa que constitúe a cartografía máis detallada para encaralo con esperanza.
(…)
Isaac Díaz Pardo é pura memoria de ferro (roubándolle o termo ao libreiro Antón Patiño) forxando o futuro de Galicia. Isaac é o artista total a quen hoxe os vigueses queremos acoller neste xantar. E queremos facelo coa mesma xenerosidade, con idéntica fraternidade e elegancia coa que Isaac nos acolleu sempre na súa casa de San Marcos. Porque, por riba de todo, a súa é a cultura do abrazo, a máis profundamente humana.
Con todos os nosos abrazos.”Etiquetas: DíazPardo, Satgadelos
Nova directiva para a AGE
/en Asociacionismo, Cultura, Editores/por bretemas
Hoxe eliximos unha nova xunta directiva da asociación de editores. Producíuse unha profunda renovación de persoas e unha continuidade do proxecto de profesionalización do gremio, iniciada polo equipo presidido por Fernán Vello. Ábrese, pois, unha etapa moi esperanzadora –encabezada por un dos editores máis veteranos e comprometidos co libro galego, Alfonso García Sanmartín– para a que agardamos os maiores éxitos.
Plano Nacional de Leitura
/en Cultura, Lectura/por bretemas
Vía Alcameh teño noticias do Plan Nacional de Leitura que se pon en marcha en Portugal. Semella que a consideración da lectura como eixo das políticas culturais públicas, con especial atención ás bibliotecas escolares, é un feito xa incuestionable. No caso portugués algunhas das liñas estratéxicas máis salientables (coincidentes en boa medida co plan galego) son os seguintes:
- Alargar e diversificar as acções promotoras de leitura em contexto escolar, na família e em outros contextos sociais.
- Contribuir para criar um ambiente social favorável à leitura.
- Assegurar formação e instrumentos de apoio.
- Criar e manter um sistema de informação e avaliação.
Este plan portugués a cinco anos propón o desenvolvemento de programas específicos en función de públicos: Ler é un desporto (13 a 18 anos), Un livro, un amigo da palavra (mozos universitarios sen hábitos de lectura), Leitura sem fronteiras (hospitais, cárceres, centros de maiores…). Así mesmo, establece programas específicos paras as bibliotecas públicas (Ler antes de ler, Já sei ler, A conquista do leitor) familias (Leitura á par), como escolas (Está na hora dos livros, Está na Hora da leitura), nas que se propón que se lle dedique unha hora diaria.
Un plan interesante que merece ser estudado con atención en Galicia, precisamente cando está a punto de aprobarse o noso.
O coloquio de Lisboa
/en Cultura/por bretemasO poeta Xavier Seoane fixo un percorrido pola historia da poesía galega, dende o explendor medieval a última xeración poética dos noventa, deténdose, especialmente na presentación das liñas de renovación poética dos últimos vinte e cinco anos. O narrador Anxo Rei Ballesteros centrou a súa intervención na literariedade en Galicia, analizando as relacións entre literatura e nación durante os dous últimos séculos, salientando que hoxe en día se está producindo unha maior autonomía da literariedade fronte aos factores que condicionaron á literatura galega. O poeta e narrador Luís Rei Núñez leu un texto magnífico sobre as posibilidades de profesionalización e as razóns dos escritores en galego, sinalando o carácter artesán do oficio literario e o valor curativo das palabras. Por último, eu fixen un percorrido polo estado da edición en galego nos últimos vinte e cinco anos e as razóns do crecemento da industria editorial durante este periodo.
As preguntas do público interesáronse sobre os niveis de lectura da poboación galega, o uso da lingua galega por parte da mocidade e as opinións dalgúns poetas galegos sobre a figura de Fernando Pessoa.
Anteproxecto de lei de lectura, libro e bibliotecas
/en Cultura/por bretemas
No consello de ministros de onte aprobouse, por fin (xa non era sen tempo) o anteproxecto da lei de lectura, libro e bibliotecas. Hai noticias importantes: consolídase o prezo fixo do libro e autorízase o desconto dos libros de texto (un claro incumprimento da promesa da ministra de Cultura). Mais, sobre todo, vexo moi interesante a modernización da definición de libro:
a obra científica, literaria ou de calquera outra clase que constitúe unha publicación unitaria, editada nun ou varios volumes e que pode aparecer impresa ou en calquera outro soporte susceptible de lectura. Do mesmo xeito, enténdense incluídos nesta definición os materiais complementarios de carácter impreso, visual, audiovisual ou sonoro que sexan editados conxuntamente co libro e que participen do carácter unitario do mesmo, así como calquera outra manifestación editorial.
Esta adaptación ás novas tecnoloxías esténdese tamén á definición dos axentes que participan no proceso editorial: editor, distribuidor, libreiro.
É toda unha mágoa que este anteproxecto do goberno central se anticipe á Lei do libro e a lectura que o sector do libro en Galicia veu elaborando desde hai dous anos (na que xa recolliamos este modelo). Temos noticias que o Consello Consultivo entregará o seu ditame o día 18 deste mes, o que permitiría que o proxecto de lei fose aprobado polo Goberno galego antes do verán. Agardemos que desta volta o compromiso se faga efectivo. Perdemos unha oportunidade de que Galicia se colocase á cabeza da nova política institucional sobre o libro e a lectura.
Máis información: Periodistas 21, ABC, El Pais, La Voz de Galicia, Galicia hoxe.
Compromisos do presidente
/en Cultura/por bretemas
No acto de presentación do derradeiro volume da EGU (parabéns, Bieito!) o presidente enunciou os compromisos do goberno galego coa industria editorial. Touriño sinalou que “é vontade do Goberno galego” establecer canles de diálogo permanente cos editores, traballando conxuntamente con eles en mesas técnicas e de seguimento e escoitando as súas opinións e propostas sobre todas as cuestións relacionadas co mundo do libro e a lectura. Así mesmo, referiuse á importancia “básica e medular” do sector editorial na conformación do sistema cultural galego. “É un sector de certa importancia económica, constituído por máis de corenta empresas, que mantén centos de postos de traballo vinculados directa ou indirectamente a el e que nos últimos anos vén facturando cantidades que oscilan entre os 15 e os 20 millóns de euros”, sinalou. “Pero os datos económicos –engadiu- non esgotan nin dan conta da verdadeira importancia dun sector que ten como principal misión manter viva a publicación de libros en lingua galega”.
Revista Naz-on
/en Cultura, Medios/por bretemasFondo e forma
/en Cultura/por bretemas
Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
Recomendo
Últimas anotacións
A batalla invisible18 de Marzo de 2026 - 7:45 a.m.
Fernando Franco17 de Marzo de 2026 - 7:36 a.m.
O noso principiño14 de Marzo de 2026 - 6:35 a.m.
Non a guerra, pola paz e a democracia13 de Marzo de 2026 - 5:12 a.m.
Like a prayer9 de Marzo de 2026 - 6:32 a.m.







