Onte 1720: «Sunset song»

Sunset_Song-158225520-largeAproveitando un caloroso serán metémonos onte nos Norte para ver Sunset song, a adaptación de Terence Davies da novela de Lewis Grassic Gibbon (1932). Un drama de tintes nacionalistas no que se denuncia, dende o ámbito do privado, como as guerras (neste caso a do 14) destrúen as vidas e os soños, sendo a memoria do amor apenas o único que queda para os seus protagonistas. Davies constrúe un convicente cadro costumista da Escocia rural de comezos do século XX, con toda a súa beleza, aínda que non afonde máis no papel das mulleres sometidas á violencia dun durísimo patriarcado. A película (de intencionalidade poética) destaca pola coidada composición visual, sexa pola acaída colocación dos personaxes sobre a paisaxe, como polo diálogo xeitoso entre a luz e a banda sonora. Xaora, esta perfección formal non abonda para acender a faísca do entusiasmo do espectador nunha película sobre as paisaxes da desolación, onde a presenza constante da dor e a tristeza non deixan espazo para a esperanza.

Onte 1681: Caxade, o espírito dun clásico contemporáneo

e_isto_e_o_amor

Namoroume o segundo disco de estudio de Caxade, do que quedei prendido toda a fin de semana. E isto é o amor é un salto de xigante para un grupo extraordinario, posuidor dunha proposta orixinal e singular capaz de inserir a música tradicional galega no contexto das músicas populares europeas de hoxe. Tras o debut impactante que supuxo A dança das Moscas, Caxade ofrece un disco máis medido, diverso e reflexionado, no que incorpora a electrónica e intensifica a presenza da percursión, o que non lle impide que sexa aínda máis tradicional co anterior, tanto nas melodías bailables como na estrutura dos textos poéticos.

Caxade aposta por unha maior cromatismo melódico e sonoro, ofrecendo un disco máis colorista e divertido co primeiro, onde é difícil desbotar o interese dalgunha das dez pezas. Xaora, cómpre reparar en temas memorables como «Sanduicheira», «E isto é o amor» (un poema de Sechu Sende) ou «Independence day», coa súa inequívoca vocación de himno. Conservando a intencionalidade política, os textos do disco admiten diversos niveis de lectura poética, sendo o amor e as súas expresións o seu eixo temático principal nun traballo onde tampouco falta un humor sutil e unha certa tenrura propia do brinquedo.

A música de Caxade admite diversas etiquetas: indie, pop, folk, celta, tradicional, melódica, bailable… En todo caso, sen entrar a escoller categorías, a súa estética músical singular, perfectamente identificable, como o seu estilo gráfico e presentación con aroma centroeuropeo (enriquecido polo admirado Leandro Lamas no vídeoclip de lanzamento), acreditan en Caxade o espírito dun clásico contemporáneo. E isto é o amor, ademais, promete un directo potente, de entusiasmo e ledicia contaxiosa, que aventuro abrirá a Caxade moitas novas portas. Parabéns, mestre Caxade!

 

Onte 1621: «Mustang»

Mustang-895061507-largeMustang, a película coa que debuta a directora francesa de orixe turca Deniz Gamze Ergüven, foi unha moi agradable sorpresa. Cinco irmás, criadas pola súa avoa nunha pequena poboación do norte de Turquia, á beira do Mar Negro, enfróntanse ás convencións da sociedade patriarcal que chegadas á adolescencia as prepara e as ofrece como futuras esposas. Mustang é un retrato da difícil condición da muller en Turquía, recluída na casa, coma se dunha auténtica fortaleza se tratase, onde son as familias as que deciden o futuro das súas fillas até chegar a afogalas. Mustang é o relato dunha traxedia, mais tamén dunha rebelión esperanzadora da cabeza da medusa contra o minotauro machista, da determinación dunhas rapazas que procuran un destino de seu, afastado do que tiñan preparado para elas. Mustang é un exercicio narrativo poderoso capaz de comunicar á espectadora a angustia da reclusión e a emoción dunha fuxida trepidante. Esta rebelión das mozas turcas paga a pena.

Onte 1617: A despedida de Tricicle

BitsFomos onte ao García Barbón a gozar de Bits, o espectáculo co que Tricicle se despide dos escenarios tras máis de tres décadas de éxito. Lonxe dos seus mellores traballos, ofrece outra mostra do seu teatro xestual, enfiando situacións diversas co pretexto dunha viaxe por internet. Nun espectáculo de ritmo irregular, sobre todo na primeira media hora, Tricicle escolma algúns dos seus mellores gags, homenaxeando á cultura clown e deitando un aroma de inevitable melancolía e tamén un chisco de autocompracencia. Xaora, brilla en escenas memorables como a homenaxe a Les Luthiers, a da pesca na praia, a do casting (onde presentan o seu mellor repertorio de mimo) ou a da prancha de bacon coa que rematan os oitenta minutos da súa despedida. No entanto, é difícil agochar a decepción de que os cataláns apostasen por este humor tan branco, sen apenas referencias ao actual contexto social, mesmo a pesar de utilizar como pretexto temático o mundo dixital. Non se pode ter todo.

Onte 1604: «Brooklyn»

Brooklyn-699819591-largeFomos ver con moita curiosidade Brookyn, a película irlandesa de John Crowley, escrita polo meu admirado Nick Hornby sobre a novela homónima de Colm Tóibín, a quen coñecimos intervindo en galego na entrega do último San Clemente. Un melodrama de fasquía clásica sobre a épica da emigración irlandesa a Nova York, apoiada pola Igrexa, a comezos dos anos 50, outra variante das mil fitas sobre o soño americano. Unha historia circular, sostida sobre unha interpretación chea de magnetismo de Saoirse Ronan, mantén o engado dunha película exenta de riscos narrativos. Apenas o peso da saudade e a vertixe emotiva provocada por un regreso obrigado constitúen os conflitos principais dunha narración de espírito inequivocamente romántico, factura correcta e, sen dúbida, sobrevalorada como candidata na recente edición dos Oscar. Xaora, non estaría de máis para o cinema galego intentar emular a fórmula de Brooklyn para contar a nosa epopea da emigración americana. Podería encher as salas.

Onte 1598: «Nahid»

Nahid-720180080-largeSer muller na actual sociedade iraniana, na que pervive todo o poder do patriarcado, é unha tarefa heroica para Nahid, a protagonista da película homónima, a ópera prima da directora Ida Panahanded. A liorta pola custodia dun fillo de dez anos, tras un difícil divorcio dun yonqui, e a relación cun home que casa con ela nun matrimonio interino obrigan a Nahid a procurar o seu destino, moitas veces de forma contraditoria. Un fío narrativo que permite á directora iraniana construír un drama neorrealista contundente, capaz de retratar dende o cotián unha sociedade opresiva, onde as mudanzas (sobre todo as das tecnoloxías da comunicación) son moito máis aparentes ca reais. O acertado manexo da elipse (nas escenas violentas) e a precisión do encadre, nas travesías do río ou nas conversas dos protagonistas na praia a beira do Caspio son logros desta película discreta, que deixa moi escasas fendas para a esperanza.

Onte 1596: «Carol»

Carol-180515019-largeCarol de Todd Haynes é unha adaptación magnífica da novela homónima (O prezo do sal) que Patricia Highsmith publicara en 1952, unha historia dun amor prohibido de dúas mulleres, coa intención de denunciar, en pleno período anticomunista e puritano, a persecución que sofrían as lesbianas e gays. Utilizando até os límites do verosímil as convencións do melodrama, esta película de narración perfecta e elegancia engaiolante, ofrece as dúas actrices protagonistas, Cate Blanchett e Rooney Mara, a posibilidade de escintilar na pantalla como auténticas estrelas daqueles melodramas clásicos dos 50 de Douglas Sirk, a quen Haynes tanto gusta homenaxear. O tratamento da luz e da cor, a composición pictórica de cada plano, a mudanza do punto de vista, o coidado da música e do vestiario, os diálogos de olladas e textos orais combínanse con precisión nesta narración tan perfecta como conmovedora. Carol é unha película política de beleza austera. Merece ser recoñecida.

Onte 1583: «Spotlight»


Spotlight-691666579-largeSpotlight
, a película con seis nominacións nos Oscar de Thomas McCarthy, é unha lección de xornalismo necesario. Baseada en feitos reais, reconstrúe o proceso que levou a Spotlight, un equipo de investigación de catro xornalistas de The Boston Globe, a desvelar en 2002 os casos de pederastia de varios centos de sacerdotes da Igrexa Católica e a trama de silencio institucional que os agochou durante décadas. Spotlight procura non só dar conta dos feitos, senón e sobre todo explicar o funcionamento desta trama corrupta na institución eclesial. Aí reside o esencial, a razón de ser do xornalismo ao servizo dos lectores e lectoras, na procura da verdade, a auténtica materia prima e razón de ser do periodismo independente. Un guión brillante, sinxelo, directo, conduce aos xornalistas a indagar nos documentos e a contar coas voces das vítimas, cuxas feridas continúan aínda abertas. Spotlight exalta a reportaxe como o xénero matriz sobre o que construír un xornalismo que conta e importa. Aí un dos valores dunha película interesante.

Onte 1578: «Youth» («A mocidade»)

La_juventud-213917149-largeYouth (La giovinezza), a última xenialidade de Paolo Sorrentino, é unha película perturbadora onde o peso das emocións e a corrente de beleza de imaxes memorables esvae un argumento apenas funcional, Como sucedera xa n’ A grande beleza, a densidade e a grandilocuencia visual, sonora e textual facilita a abordaxe de temas esenciais, dende unha reflexión filosófica, como os valores da mocidade e da vellez (quizais, o principal), mais tamén da lembranza e do esquecemento, do éxito e da decadencia, da saúde e da doenza… Unha película na que o sublime nunca abandona a pantalla, sexa polas interpretacións marabillosas de Michel Caine, Harvey Keitel e Rachel Weist, sexa polas frases (moitas veces aforismos) que utilizan nas súas conversas, ou polos constantes cambios de planos ou variación de medlodías musicais. Sorrentino móvese n’ A mocidade no territorio que só transitan clásicos contemporáneos para dar conta da desolación do século XXI. Memorable!

Onte 1567: «Mia madre»

Mia_madre-612415327-largeNanni Moretti lembra o pasamento da súa nai en Mia madre, outro filme interesante sobre a perda e o proceso de duelo. Encarnado no personaxe da magnífica Margherita Buy, unha directora de cinema comprometido, Moretti esculca no territorio difícil da identidade familiar, mais tamén dos medos contemporáneos (tan agochados) e do peso dos afectos nos momentos máis fráxiles da vida dos seres queridos, aqueles que obrigan a cuestionarnos quen fomos e que somos. O contrapunto irónico que coa directora establece o actor italo-americano (John Turturro), protagonista da rodaxe da súa película, alixeira a emotividade do relato, ademais de facer unha sátira da actual industria cinematográfica. Xaora, a clave da proposta do director italiano está no deseño do personaxe da nai doente, unha profesora de latín que deixou fonda pegada no seu alumnado, mais a quen os seus fillos (tremendo papel o do irmán de Margherita, interpretado por Moretti) descubren nos seus días derradeiros.