Onte 1902: «Hell or high water» («Comanchería»)

Hell or high water (Comanchería) de David Mackenzie amosa que sempre é posible actualizar os xéneros. Desta volta o director escocés dálle unha volta de porca ao western cun trhiller de elegancia sublime e de forte intencionalidade social narrado con precisión cirúxica e envolto na melancolía da música country. Unha historia antiépica de dous irmáns perdidos no pó (excelentes intrepretacións de Chris Pine e Ben Foster) que asaltan pequenas oficinas bancarias da entidade na que pretenden liquidar a hipoteca herdada da súa nai, á que abandonaron. Mais tamén este é o relato da persecución no deserto texano destes dous foraxidos, que procuran dous rangers, o sheriff Marcus (extraordinario Jeff Bridges), a punto de apousentarse, e o seu compañeiro mestizo (indio e mexicano) Alberto Parker. O interese deste western social renacido está, sen dúbida, tanto na solidez do guión, desenvolto cuns diálogos potentes, inzados de humor negro, como nunha composición visual impecable e unha banda sonora inquedante, ao servizo da fluidez da narración.

Xaora, Comanchería está construída toda arredor de tópicos do xénero como «o da morte nos talóns» ou «dous homes e un destino», tantas outras veces abordados na historia do cine en títulos memorables como Pat Garrett and Billy the Kid (1973) de Sam Peckinpah ou Bonnie and Clyde (1967) de Arthur Penn, cos que comparte este imaxinario e reflexión moral. O duelo final e a súa resolución, que vai moito máis alá das pistolas, un retrato brutal da América branca profunda (adiantándose a era Trump), converten a esta Comanchería en cine social e político de moitos estralos. Do melloriño que vimos nos dous últimos anos.

Onte 1899: «On the Milky Road», o regreso de Emir Kusturica

Sei que Emir Kusturica é un director que posúe un imaxinario propio achegado ao surrealismo, onde os contidos oníricos, o protagonismo dos animais e da natureza, así como a presenza da música tardicional serbia están presentes en boa parte das súas películas. Así sucede tamén en On the Milky Road (En la Vía Láctea) onde un episodio da guerra dos Balcáns sirve de fondo para contar unha delirante historia de amor, na que os animais, dende unha serpe e un falcón, até gansos e ovellas adquiren enorme protagonismo alegórico. Película de trama enxeñosa e extravagante retrata de forma desapiadada a violencia e o terror da guerra, mais que non impide que sexa un amor (imposible) o que triunfe sobre a forza da natureza. Unha boa ración de realismo máxico con carga simbólica, protagonizada pola fermosa Mónica Bellucci e o propio Kusturica, tinguida de doses de humor sarcástico e dunha triste melancolía. En definitiva, un conto de fadas no entorno brutal da guerra.

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Onte 1896: «Dunkerque»

As boas críticas que limos de Dunkerque leváronos ao cine coas mellores expectativas. Xaora, coa excepción do alegato propagandístico final, o film de Christopher Nolan é unha alfaia como relato cinematográfico. Unha prodixiosa viaxe narrativa simultánea capaz de somerxer ao espectador en tres puntos de vista, tempos e espazos distintos para contar a retirada do exército británico de Dunkerque en 1940: na praia e no espigón, onde os soldados agardan desesperados durante unha semana a evacuación; no mar, a travesía dun día dun barquiño de recreo que acude en axuda da flota torpedeada; e no aire, na batalla dunha hora entre Stukas nazis e Spitfires británicos. Loitas angustiosas pola sobrevivencia, reivindicación dun cine (case mudo) cuxa cerna reside na sobriedade da narración visual e da música de Hans Zimmer construída como unha experiencia sensorial. Película de beleza inmensa no medio do horror, onde a morte aparece representada apenas polo silencio e polos detalles da ausencia. Cine valioso o de Nolan.

Onte 1893: «Genius» ou «O editor de libros”

Sen acadar o peso doutras fitas recentes de temática literaria, como Stefan Zweig ou Cartas da guerra, Genius (El editor de libros en España) ten a singularidade de centrarse na relación entre o escritor Thomas Wolfe e o editor Max Perkins. Ambientada no Nova York da Depresión de 1929, ofrece un retrato entrañable da cociña da edición na que  editor (un lector impenitente) participaba na fixación do texto, asumindo con discreción a tarefa de ser alicerce vital e xestor das vaidades e excesos de xenios como Hemingway, Wolfe ou Fitzgerald. A cerna do film reside en como se vai forxando unha amizade profunda entre dúas persoas que se recoñecen moi diferentes; o editor (excelente interpretación de Colin Firth), paciente, xeneroso, contido; e o autor (Jude Law, tamén magnífico), nervioso, vehemente, excesivo e, polo tanto, xenial. Gustei deste modelo de edición humanizada resumido nas bágoas que deita o editor na escena final. Unha película (convencional e excelentes interpretacións, incluída a de Nicole Kidman) que aconsello para persoas letraferidas.

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Onte 1891: «Manchester by the Sea»

Quedáranos pendente Manchester by the Sea, a tan gabada película de Kenneth Lonergan. E a verdade é que non decepcionan as dúas horas longas deste drama de desoladora tristeza, que afonda sobre os límites da perda e da culpa. A sobriedade na utilización dos flashbacks, a austeridade das fermosas escenas na baía e, sobre todo, a interpretación memorable de Casey Affleck, capaz de expresar todos os matices do desacougo e da dor dun ser torturado, mais tamén a súa tenrura e os momentos de ira, fan desta película un retrato moi conmovedor do que para un ser humano supón a expiación e a caída no baleiro. É posible sobrevivir a unha perda comoa a que sofre Lee Chandler? Neste film honesto, Lonergan ofrece apenas un intento de comprensión das razóns de quen non ten azos para afrontar a vida. «Non podo superalo» confesa Lee ao seu sobriño nunha das escenas máis brillantes dunha fita con vontade de clásico. Así o debeu crer Amazon que a comprou para súa distribución.

Onte 1890: «Their Finest»

Su_mejor_historia-872413650-largeA directora dinamarquesa Lone Scherfig ofrece en Their Finest un melodrama localizado no Londres bombardeado polos nazis. Un film de impecable fasquía clásica onde todo está tan medido e equilibrado que cae no perigo de que a súa beleza sexa considerada insubstancial e escasamente singular. As interpretacións protagonistas son magnificas,sobre todo a de Gemma Aterton e a dun brutal Bill Nighy, que supera con creces o seu inesquecible personaxe de Love Actualy. A música e a ambientación (notables) crean o clima propicio que permite enfrontarse a unha traxicomedia (romántica) na que a directora intenta fuxir do sentimentalismo, afirmando en cada volta de guión o talento e a liberdade das mulleres. Neste empoderamento feminino e na reivindicación da coherencia do relato cinematográfico, subliñada pola protagonista, a guionista dun filme propagandístico, que pretende emocionar ao público en días decisivos para o futuro da guerra, radica o maior interese desta película, que se deixa ver sen esforzo.

Onte 1885: «Estiu 1993» de Carla Simón

big-estiu-1993-ok132Na primeira escena de Estiu 1993, a opera prima de Carla Simón, un rapaz pregúntalle a Frida, a protagonista, «e ti por que non estás chorando?», cando tras o pasamento da súa nai, vítima da SIDA como o pai, abandona a casa de Barcelona camiño da masía da Garrotxa onde se instalará cos seus tíos. Unha escena esencial que anticipa o que será esta película autobiográfica de beleza brutal, que pretende explicar a unha nena de seis anos en que consiste a morte. Relatada dende os ollos magnéticos de Frida (é inevitable lembrar a ollada daquela Ana Torrent de El espíritu de la colmena de Víctor Erice), Carla Simón propón ao espectador que colabore na reconstrución do mundo de Frida, a quen se lle moveron todo os seus referentes, tanto dos espazos como dos afectos. Estiu 1993 é unha narración naturalista, cuxo guión está máis alicerzado sobre as emocións que sobre os acontecementos, onde os intérpretes, tanto as dúas nenas (xeniais!) como os maiores, semella esqueceron estar diante da cámara.

A espontaneidade interpretativa e o respecto polo pensamento sincrético infantil (hai escenas memorables entre as nenas que o representan, como o xogo de nai e filla ou cando Anna se perde na fraga) contribúen a afondar nas cuestións complexas do duelo na infancia, no carácter integrador da familia ou en cales son os límites dunha confesión autobiográfica como a que propón a xove directora catalá. O desenlace soberbio e brutal, como certas saudades noventeiras na ambientación, fan de Estiu 1993 unha película conmovedora e honesta. Do máis interesante que teño visto no cine recentemente.

Onte 1877: “Cartas da Guerra”

Cartas_de_la_guerra-500134728-largeNa proxección de Cartas da Guerra, o film do director portugués Ivo Ferreira, lembrei os días nos que convidamos a Antonio Lobo Antunes e ao seu editor, Nelson de Matos, a acompañarnos en Mondariz nos Premios Xerais de 1999. Quen confesou entón as saudades da súa ascendencia galega protagoniza a película de Ferreira, baseada nas cartas case diarias que Lobo escribiu a súa dona, reunidas na novela D´este viver aquí neste papel descripto: cartas da guerra, traducida ao castelán por Dolores Vilavedra. A película é unha crónica sobre a guerra de liberacion colonial de Angola na que o daquela xove escritor participou como médico de 1970 a 1973. Un excelente branco e negro, capaz de provocar o estrañamento necesario para seguir a voz da muller que le as cartas, subliñada en cada frase por unha BSO preciosa, contextualiza as imaxes que na pantalla aparecen do seu home e dos seus compañeiros de batallón, cada vez máis abatidos por unha guerra na que, dunha ou doutra maneira, toman conciencia política.

Cartas da Guerra é unha película de beleza conmovedora, tanto pola composición perfecta de cada encuadre e a combinación dos espazos diurnos e nocturnos, capaz de lembrar algunhas escenas de A árbore da vida ao Terrance Malick ou á Apocalipse now de Coppola, como polo texto literario que a sostén, potente na dicción, reflexivo nuns momentos, moi poético, mesmo sensual, noutros, mais sempre capaz de evitar os perigos da reiteración de procedemento narrativo tan arriscado, que coloca ao espectador preguiceiro no gume da navalla. Os de Ferreira e Lobo Antunes son auténticos cinepoemas contra a infamia e a crueldade que a guerra provoca con todos os seus participantes; unha esculca política, tamén, sobre as orixes daquel abril de 1974, que todo o quixo mudar. Recoméndoa.

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Onte 1865: “Lady Macbeth”

cartel-de-lady-macbethMágoa que confunda tanto o título de connotacións shakesperianas da ópera prima de William Oldroy, adaptación á Inglaterra vitoriana da novela Lady Macbeth de Mtsenk do ruso Nicolai Leskov, contemporáneo de Dostoievsky. A protagonista do drama de Oldroy comparte apenas a determinación e o carácter feroz da Lady Macbeth de Shakespeare no seu proceso de empoderamento fronte a abafante sociedade patriarcal, representada no micromundo dunha granxa vitoriana de North Cumberland. A interpretación de Florence Pough, un prodixio na utilización da ollada como forma expresiva, sostén todo o relato do devir dunha muller que comeza sendo vítima dun matrimonio amañado por razóns económicas, mais que será capaz de empoderarse sexualmente, o que lle permitirá tamén recuperar o control da súa vida; para despois perdelo, vítima dunha psicopatía e crueldade extrema, que o guión non xustifica como merecería.

A composición austera de interiores, a utilización constante do primeiro plano e a práctica ausencia de banda sonora intensifican o dramatismo e a brutalidade do relatado. En todo caso, o principal interese do film radica na súa indagación sobre como o abuso pode converter ás vítimas en verdugos. Outra volta de porca ao debate sobre se é lexítima a vinganza e sobre cales son os límites da liberdade persoal, onde o magnetismo sedutor da protagonista provoca que o espectador dificilmente vaia ser capaz de evitar a ambigüidade.

Onte 1863: “Stefan Zweig. Adeus a Europa”

Stefan_Zweig_Adi_s_a_EuropaStefan Zweig non aparece como un heroe no biopic de María Schrader. Escollendo apenas cinco episodios vividos polo austríaco, entre 1936, cando visitou por vez primeira o Rio de Janeiro, e 1942, cando se suicidou coa súa dona en Petropolis, Schrader ofrece o retrato da desolación dun escritor que foxe da Europa na que Hitler comeza a perseguir aos xudeus. Utilizando os recursos da elipse e, sobre todo, de longos planos secuencia (tanto o inicial como o que dá cabo á narración son memorables), relátase o desarraigo do exilio e a profunda mudanza de quen acreditaba no valor intrínseco da creación literaria e das artes para a construción dunha Europa en paz. A directora consegue un retrato verosimil dun Zweig progresivamente derrotado, sumido na melancolía, onde a enerxía dos seus discursos públicos como escritor non pode agochar a súa actitude coitada e diletante para enfrontar as dificultades da vida cotián.

Agradécese que non esteamos nin diante dunha haxiografía nin dunha peza grandilocuente sobre o valor da literatura e do protoeuropeísmo. Visualmente o film paga moito a pena, conseguindo algunhas imaxes de interiores inesquecibles, como a da conversa en Nova York de Zweig coa súa primeira muller, na escena máis dramática e desacougante, ou a da visita do editor e o seu entusiasmo voluntarista, achegando novas e agasallos. Xaora, a pesar dalgunhas pingas de humor, a película está tinguida dun pouso de melancolía, que non evita a localización naquel Brasil vizoso da década de 1940, que xa acreditaba na súa candidatura a ser considerado como “o país do futuro”. Un convite a volver sobre a obra de Zweig, reeditada con mimo por El Acantilado.