Campo do Fragoso XI
SEGUNDOS DE OURO
Ao longo desta primeira volta a bancada de Balaídos sabe que as primeiras partes do Celta noso son, xeralmente, gozosas e de excelente xogo atacante e as segundas, case sempre, tan agónicas como decepcionamente defensivas. Non foi o encontro fronte a Real Sociedad unha excepción. Comezou cun recital de control no medio do campo a cargo de Borja Oubiña (un xogador incansable que medra en confianza e soltura) e Iriney (menos atolado que noutras ocasións), que permitiu que Placente e Baiano estragasen senllos goles practicamente feitos. Minutos despois, un potente pexegazo raso de Fabián Canobbio, precedido dun caneo seco e maxistral na fronte da área donostiarra, permitiu que os de Vázquez se adiantasen no marcador. Nesa acción xenial e marabillosa do uruguaio estivo o miolo dunha vitoria, tan merecida como sufrida na media hora final, que volve colocar aos celestes na loita polas posicións europeas. Johán Cruyff dixo que naquel Barsa do “dream team” quería xogadores que puidesen facer movementos decisivos en espazos pequenos, deportistas que traballasen o menos posible para aforrar enerxía de cara a esa acción decisiva. Non hai dúbida que Fabián Canobbio, que nos ten afeitos tanto a alustros de xogo marabilloso como a longas páxaras e ausencias no xogo, é desa clase tan escasa de xogadores artistas (Mostovoi foi o último do que gozamos no Celta) que lle prestan tanto a Cruyff. Paga a pena acudir a Balaídos para presenciar o milagre deses segundos de ouro con que nos pode agasallar.