Campo do Fragoso VII

EMOCIÓN E BELEZA
No fútbol é un feito innegable que non sempre gaña quen mellor xoga. O Atlético de Madrid ofreceu un auténtico recital de toque e organización, monopolizando os seus catro (si, catro) centrocampistas a posesión da pelota e a distribución dun excelente xogo colectivo. Mais isto pouco lle serviu ao conxunto do Manzanares para levarse o encontro diante dun Celta defensivamente moi disciplinado (o maior acerto de Vázquez nesta tempada) e ofensivamente letal nos contragolpes dirixidos por Baiano, que cada domingo demostra que é un auténtico John Deere de fantasía revolucionada. Porén, o heroe céltico foi, outra vez, o gardameta Pinto, inspiradísimo nas súas estiradas e nos seus cinco incribles paradóns de pelotas altas que semellaron máis propias dun tenista na rede ca dun porteiro protexendo as mallas. O Celta desta tempada vai collendo en cada partido máis confianza nas súas posibilidades de equipo gañador e maior densidade no desenvolvemento dun xogo sacrificado, por que os celestes saben que están alicerzados pola solidez dun gran Pinto (unha garantía que pouco veces tivemos) e polos alustres intermitentes da habitual xenialidade canobbiana (o gol de golpe franco directo do uruguaio foi marabilloso) e da poderosa potencia baiana (o gol do brasileiro combinou en apenas dez metros unha poderosa arrincada física cun picado levísimo que permitiu que a pelota entrase na portaría coa dozura de quen realiza un aloumiño a un ser querido). Magnífico partido dos dous equipos, onde non faltou en ningún momento emoción e beleza. Que máis se pode pedir?

Campo do Fragoso VI

ALUSTROS MÁXICOS
Pasado xa o primeiro cuarto da liga, o disciplinado equipo de Vázquez continúa a súa excelente traxectoria, situado de novo en postos de Champions; porén, as bancadas presentan un estado decepcionante, moi semellante ao da pasada tempada, xa que non acollen máis de quince mil espectadores. Horacio Gómez e o seu equipo directivo deberán reflexionar sobre as razóns desta inhibición do celtismo e nas medidas posibles para que nas vindeiras xornadas un maior número de afeccionados apoie coa súa presenza a un equipo que, a pesar da súa fraxilidade defensiva, amosa unha sorprendente autoridade atacante. Así volveu suceder onte, diante dun Alavés incomodísimo, que presionou de forma agobiante, conseguindo, na primeira parte durmir o encontro e impedir a construción e distribución do xogo celeste por parte dos nosos medio pivotes. Mais o Celta desta tempada posúe moita calidade de medio campo para arriba e o xogo combinatorio intermitente de toda a dianteira (non só de Cannobio e Baiano, dúas figuras indiscutibles) permite gozar á bancada de alustros máxicos de auténtica fantasía, como sucedeu co precioso primeiro gol de Cannobio ou co marabilloso remate de chilena de Aspas, un canteirán que se reivindicou como goleador nos poucos minutos dos que dispuxo. Reforzando a portería e a atención defensiva nas xogadas a balón parado (houbo algúns erros clamorosos de coordinación, un dos cales facilitou o gol vitoriano), este Celta de Fernando pode ofrecer un espectáculo suficientemente atractivo e de calidade para encher Balaídos.

Campo do Fragoso V

SILVIÑA
Gañar ao Español custou, como era agardado, ferro e fariña. Foi o de onte un encontro moi tenso onde se enfrontaron as estratexias de dous adestradores moi testáns, fieis aos seus principios de xogo máis disciplinado ca fermoso. Miguel Ángel Lotina, recibido moi agarimosamente polas bancadas de Río, onde nalgúns sectores conserva moitos adeptos, colocou dende o inicio tres centrais en liña deixándolle todo o balón e toda a responsabilidade do ritmo do encontro aos centrocampistas célticos, agardando a oportunidade dun contragolpe, dirixido polo pé de seda de Iván de la Peña, que rachase a notoria fraxilidade dos nosos centrais. Fernando Vázquez fixo os cambios imprescindibles no seu once inicial –substituíndo ao lesionado Baiano (moito piamos pola súa potencia ao longo do encontro) por Perera, un xogador tecnicamente tan discreto como xeneroso no esforzo– pretendendo coas subidas dos laterais desbordar a tupidísima defensa españolista. O traballo paciente dos celestes comezou a dar os seus froitos coa decisiva expulsión de Pochettino. Como non podía ser doutra maneira, diante de semellante estratexia ultradefensiva de Lotina, e co seu equipo en inferioridade, o anceiado gol chegou co encontro case vencido. Compensou o sufrimento da bancada a confirmación da enorme calidade de David Silva, un rapaciño que xa é unha auténtica alfaia: posúe coñecemento do xogo, mobilidade, creatividade, descaro, autoridade, forza, caneo e remate contundente (como demostrou co seu golazo). Un auténtico fenómeno este Silviña.

Campo do Fragoso II

DISCIPLINA E PACIENCIA
Vázquez demostrou no Bernabeu que, contando con doses suficientes de concentración e paciencia no control do tempo de xogo, esta tempada o Celta fóra do Campo do Fragoso tamén pode ser un equipo temible. A proeza de batir na propia casa ao Madrid foi posible grazas a un primeiro cuarto de hora primoroso no que os de Fernando amosaron a súa vontade inequívoca de despregarse con valentía sobre o terreo, fuxindo de calquera táctica medúlica de achantarse diante de Pinto agardando as temibles xenialidades dos galácticos. A partir do primeiro gol de Contreras (daba xenio velo tan entusiasmado), o ritmo criterioso na distribución da pelota de Borja Oubiña (a pesar da súa escasa participación no encontro, cando tocou o fixo dunha banda a outra cunha autoridade asombrosa) e o traballo defensivo infatigable de Iriney e Sergio (o mellor dos celestes, impecable na colocación e no corte), permitiron as trasnadas intermitentes de Canobbio e facilitaron as constantes subidas ata o córner de Núñez, que toleou ao pobre de Roberto Carlos. Os medios capitalinos –embobados polas bicicletas espectaculares de Robinho (a verdade é que o rapaz paulista xoga de marabilla)– recorren vergonzosamente á actuación arbitral para xustificar o desconcerto do seu millonario equipo, incapaz (sobre todo dende a saída de Gravesen “o leñador”) de facerlle fronte á disciplina táctica e á convicción dun cadro humilde como o noso. En Chamartín, o teimoso traballo en equipo arruinou a xenialidade das estrelas da radio.

Campo do Fragoso I

DEBUT PROMETEDOR
Dous alustros de xenialidade foron suficientes para intuír que neste regreso do inferno da segunda podemos aspirar a volver gozar do xogo da serpe. Un xenial esquerdazo de falta indirecta de Gustavo López, a memoria daquel equipo que tanto nos fixo soñar, e un cacheirón de tiraliñas do batallador Baiano, tras outra subida veloz de Núñez, abondaron para noquear a un ordenado e teimoso Málaga. Porque o domingo gozamos máis coas marabillas que intuímos poden chegar no futuro que coa beleza do xogo que presenciamos. Durante a maior parte do encontro, a pesar de manter o debuxo táctico polo que apostou Fernando Vázquez (4-2-3-1), e coa excepción do derradeiro cuarto de hora, faltounos case sempre a pelota e o control do tempo de xogo, as dúas variables que fan a un equipo indiscutible gañador. Empregando este esquema, temos moito que mellorar no encaixe do xogo dos medios pivotes, onte Giovanella e Iriney (botouse en falta a Borja Oubiña), para proporcionar así maior solidez a defensa (a grande incógnita da eficacia do equipo) e permitir gañar terreo con maior facilidade á creatividade endiañada de Fabián Cannobio. Con todo, non temamos: o debut foi prometedor. Neste novo Celta intúese que hai moito talento e alternativas abondas para que os celtistas entoemos adoito en Balaídos a rianxeira.