Campo do Fragoso XLI

FELIZ CARAMBOLA
Un penalti no tempo de desconto, que Fernando Baiano resolveu con enorme serenidade, permite ao Celta continuar coas súas posibilidades matemáticas de evitar o descenso. Unha feliz carambola para un partido dramático e escasamente vistoso no que os celestes nin foron superiores no xogo nin amosaron nunca unha mellor actitude que os béticos. De saída Stoichkov apostou polo equipo e polo esquema utilizado por Fernando Vázquez ao longo de case toda a tempada. Porén, a pesar da concentración de Borja Oubiña que permitiu algunhas interesantes recuperacións, os célticos nunca controlaron o centro do campo, por mor do naufraxio e a desimplicación xa habitual de Pablo García e de Canobbio. Só os dous voantes celestes conseguían subir polas bandas con certo perigo, mais como tamén é adoito os seus balóns se desperdiciaban na área pequena no momento decisivo do remate. Outra falla de marca de Placente permitiu que Odonkor centrase a pracer dende a liña de fondo para que Robert adiantase aos béticos. Semellaba entón que para a maior parte dos celestes, apenas transcorridos vinte minutos da primeira parte, o partido quedara resolto e a tempada amortizada. Só a actitude heroica de Gustavo López e un soberbio cacheirón coa súa zurda rescatou, a punto de chegar o descanso, a esperanza celeste. A segunda parte foi dun xogo nefasto dos dous conxuntos. A pesar da súa superioridade numérica, os de Stoichkov non foron capaces de intimidar a un rival moi disciplinado que se conformaba cun empate que o salvaba. No entanto cando a bancada manifestaba a súa decepción polo descenso, chegou a carambola dun inocente empurrón do porteiro andaluz a Núñez. O momento do lanzamento do penalti foi dramático e moi emocionante tanto no terreo de xogo coma na bancada. Grazas á precisión de Baiano, os celtistas que pretenden seguir soñando aínda poden facelo. A agonía continúa.

Etiquetas: Celta

Campo do Fragoso XL

DEBACLE DEFINITIVA
Non podemos seguir enganándonos inutilmente crendo en milagres que non se van producir: a derrota diante do marrulleiro e sospeitoso Levante déixanos en Segunda División. Un penalti fantasma sinalado a piques de rematar a primeira parte –que o nefasto colexiado Rubinos Pérez semella quixo ver antes que se producise a “xogada” (daría para un argumento de auténtica novela negra)– arruinou as escasas posibilidades de que un paupérrimo Celta, a quen lle queima a pelota nas biqueiras de moitos dos seus xogadores, fose capaz, sequera, de empatar. Nin ao máis entusiasta seareiro pode extrañarlle que o equipo de Stoichkov encadee catro derrotas consecutivas xa que o seu xogo, a pesar do corazón que lle meten en cada encontro uns cantos xogadores honestos (Oubiña, Gustavo López, Tamas e moi poucos máis), é de calidade moi inferior ao que realizaba baixo a batuta disciplinada de Fernando Vázquez. Coa mudanza de adestrador, a pesar do espellismo mediático inicial, os celestes perden máis partidos, encaixan máis goles e, sobre todo, xogan moito peor. Sendo así as cousas, o descenso é inevitable, xa que as probabilidades de salvación son agora meramente matemáticas. A imaxe, ao remate do encontro, de Oubiña abandonando en solitario e bagoando o terreo de xogo encheunos de enorme tristeza (máis ca propia derrota). Unha situación tremenda que amosa a soidade deste grande xogador celtista fronte á desimplicación da maioría dos seus compañeiros que hai moitos meses (por razóns que xa é tempo coñecer) decidiron tirar a toalla sen que ningunha autoridade do club tratase de impedilo. O fracaso do presidente Carlos Mouriño é total, a pesar de que pretenda endosarllo ao anterior adestrador (por certo, tamén celtista de raíz). Diante desta catástrofe ben sería que xa se fose preparando a vindeira tempada con outros criterios deportivos. Como di a foliada da Roda “… temos que cambiar de xente”.

Etiquetas: Celta

Campo do Fragoso XXXIX

O GLOBO DESINCHOU
A debacle diante do Mallorca demostra que o problema do Celta non era Vázquez, non. O globo da euforia provocado polos abrazos e a sintaxe fragmentada do simpático Stoichkov nas salas de prensa (que tanto ilusionou aos detractores do serio adestrador galego) serviron só para gañar ao Coruña. Porén, o partido de Zaragoza e, sobre todo, o de onte devólvenos a crúa realidade da situación agónica dun equipo que, na fase decisiva do campionato, carece de xogadores e de estratexia táctica solventes para atuar a rivais da súa mesma categoría. O Mallorca resolveu comodamente o partido nos primeiros vinte e cinco minutos. Abondoulle con plantarse con orde sobre o terreo, deixando que un incansable Ibagaza (que fixo o que quixo cun solitario Oubiña) empuxara a Jonás Gutiérrez e Arango sobre unha defensa e unha portería célticas que en cada ataque se desparramaba coma a manteiga. Inevitablemente, así chegarían os dous primeiros goles dos vermellóns, sen que os celestes amosaran capacidade ningunha de reacción. Coa reanudación e diante de tan contundente pallona, Stoichkov apostou por volver á fórmula tradicional de Vázquez, o dobre pivote, dando entrada ao conflitivo Pablo García (rifa ata cos seus propios compañeiros), o que supuxo un certo repunte do xogo atacante dos galegos que malograron algunhas oportunidades claras para acurtar a diferenza. Un espellismo que durou apenas dez minutos. Notouse, entón, a falta de Baiano e as escasas alternativas de remate deste equipo impotente que se precipita, se non o impide un milagre, cara á segunda división. O globo de Stoichkov (onte outro desesperado espectador máis) picábase coa mesma facilidade coa que foi inchado artificialmente pola xunta directiva celeste. Con estes vimbios tan endebles pode evitarse aínda o descenso? Unha pregunta que deberían responder o director deportivo Félix Carnero e o presidente Carlos Mouriño.

Etiquetas: Celta_de_Vigo

Campo do Fragoso XXXVIII

O VALOR DOS ABRAZOS
Despois de celebrado o derby e recuperado, por fin, o ansiado vieiro das vitorias, teño claro que o principal problema do Celta non é tanto a calidade do seu xogo como a de recuperar o equilibrio anímico perdido tras seis meses de derrotas. Fernando Vázquez, un técnico honesto e celtista de corazón, a quen temos que agradecer dúas magníficas tempadas, porén, non soubo este ano xestionar este aspecto emocional na súa relación co cadro de xogadores nin moito menos coa maioría dos afeccionados. Velaí, no eido das emocións, onde se produciron as principais mudanzas de Stoichkov, quen cos seus brazos abertos e o seu entusiasmo desbordado conseguiu que a confianza, o orgullo e a alegría volvesen ao terreo de xogo e, sobre todo, ás desanimadas bancadas. Stoichkov introduciu lixeiras modificacións no conxunto habitual, colocando a Nené polo centro, como acompañante na punta de Baiano, e distribuíndo máis xogo polas bandas. No entanto, as maiores mudanzas estiveron na actitude dos xogadores que, dende o comezo, encararon con afouteza, rapidez e determinación a portería dun moi pachorrento Coruña, que agardaba atopar a fenda do decaemento anímico celeste. Durante a primeira parte o Celta chegou cunha facilidade apabullante, mais, como é adoito, non conseguía finalizar con éxito. Venturosamente na reanudación, cando o Coruña comezaba a controlar o tempo de xogo, Baiano matou unha pelota precisa dende a esquerda dun activísimo Gustavo López. Co marcador por diante, Stoichkov non se arredrou unha miga e meteu a Bamogo para conseguir maior capacidade de contraataque. Así, os emocionantes minutos finais, co Coruña empurrando con auténtico perigo, foron unha festa nas bancadas. O derby demostrou que o Celta, se é capaz de recuperar a autoestima, ten xogo abondo para manter a categoría. Polo momento o valor dos abrazos de Stoichkov serviu para superar a primeira final.

Etiquetas: Celta

Campo do Fragoso XXXVII

UN MADRID CUTRE
O estado anímico da afección celeste, ben curtida en incontables derrotas, non se deteriorou con outra máis diante do Real Madrid. A procura de síntomas de mellora no xogo do equipo (moi perceptibles nos últimos encontros) abonda para non perder unha esperanza de permanencia que, grazas aos resultados doutros campos, continúa intacta. Pareceume o Madrid de Capello un equipo sen xeito, vulgar, apático, dos tantos que veñen esta tempada a Balaídos coa intención de levarse o partido aproveitando un par de erros motivados pola impaciencia anímica dos célticos. Como xa é adoito, os de Vázquez dispuxeron dunha chea de oportunidades, estragadas no segundo decisivo, e ofreceron instantes de beleza inesperada, como a rabona espectacular da primeira parte dun formidable Gustavo López ou o monumental taconazo de Nené que permitiu marcar a Ángel en carreira (ata agora, o mellor gol da tempada). O Madrid, coa excepción da gran actuación de Iker Casillas e do oportunismo de Robinho, non ofreceu aos seus numerosos seguidores galegos outra xogada merecedora de ser reseñada, nin artellou un minuto de fantasía para ser apupado, nin sequera un xesto técnico dalgunha das súas millonarias figuras que parecían conformarse con evitar a derrota. O Celta –a pesar de notar a ausencia de Cannobio e resentirse no centro do campo coas imprecisións de Borja Oubiña e Iriney (os dous algo fóra de punto despois das lesións)– foi un equipo moi valente e coraxudo capaz de obrigar ao rival a colocar vergonzosamente o autobús nos minutos finais. No entanto, volveu demostrarse que no fútbol se non metes cando podes (e os célticos puideron facelo en cinco ou seis ocasións), inevitablemente rematas perdendo. Un Madrid cutre gañou así a un Celta incapaz de rendibilizar o seu bo xogo para obter unha vitoria. Tampouco funcionaron os amuletos, este equipo continúa enmeigado.

Etiquetas:

Campo do Fragoso XXXVI

OUTRA DOSE DE CICUTA
Xa mo adiantara pola mañá un bo amigo bilbaino: “estes leóns nosos xa non che son tan feros coma noutrora”. E tiña toda a razón. O Celta e o Athletic, dous conxuntos amigos en horas moi baixas, ofreceron en Balaídos un espectáculo futbolístico moi pobre, onde mais ca xogo amosaron a súa impotencia para saír do foxo, onde por deméritos propios están instalados esta tempada. Ningún acadou o obxectivo que buscaba, mais, tal como transcorreu o encontro, os dous quedaron satisfeitos. Saíron os vascos dominadores, ata que os galegos, grazas ás escapadas pola esquerda de Gustavo (na súa posición natural), foron conseguindo controlar o tempo de xogo e adiantarse, á media hora, no marcador. A partir do gol de Ángel, os celestes controlaron con comodidade un partido que, por fin, semellaba non se escaparía. O comezo da segunda parte, a pesar do aparente dominio dos leóns, aínda foi máis prometedor: Baiano e Canobbio estragaron por milímetros senllas oportunidades nas súas biqueiras. Mais, cando faltaba aínda media hora, Pablo García autoexpulsouse de forma caprichosa e inxustificable, proporcionando a todo o seu equipo a dose de cicuta suficiente para suicidarse diante dos seus afeccionados. En inferioridade numérica, os celestes xa non puideron xestionar con garantías a súa vantaxe; desconcentrados retrasaron as súas posicións e, o ata entón, inofensivo conxunto bilbaino apretou para que Aduriz cabecease a pracer unha falta moi ben medida por Yeste. A partir dese momento –como demostrou Murillo nun cabezazo ao poste no derradeiro minuto– o empate era un magnífico resultado para os célticos, un equipo que ven demostrando ser absolutamente incapaz de superar o seu complexo a obter unha vitoria en Balaídos. Non hai dúbida de que o peor inimigo deste Celta son os seus propios fantasmas. Os de Pablo García non teñen nome. Outra boa oportunidade estragada.

Etiquetas:

Campo do Fragoso XXXV

DERROTA DÓCE
Tan curtidos en fracasos como andamos esta tempada, a derrota celeste contra o Werder Bremen foi o de menos. Un resultado moi enganoso para os méritos que sobre a lameira viguesa fixeron dous conxuntos que ofreceron unha emocionante e bonita noite de fútbol copeiro. Non hai dúbida de que o Celta desta noites europeas é outro equipo. Sen a presión anímica da liga (que inmobiliza aos xogadores e á bancada), é un equipo moito máis competitivo, máis xarelo, mesmo moito máis alegre e decidido a procurar o gol na portería contraria. Con esta maior autoestima saíron os de Vázquez que atuaron durante todo o encontro aos simpáticos músicos de Bremen, o segundo clasificado dunha das mellores ligas europeas. Moi ben colocados sobre o campo e concentrados na súa presión defensiva, os de Fernando foron amodiño gañando a posesión da pelota e, sempre que puideron, intentaron doses de fantasía combinatoria (fixeron un par de xogadas memorables). Tamas (un descubrimento como mediocentro) e Pablo García (mellor en cada encontro) souberon lanzar a un equipo, onte moi afouto, que mereceu, xa na primeira parte, marcar nalgunha das súas clarísimas oportunidades. Coa reanudación, un Balaídos (por fin unido e satisfeito co xogo dos seus) vibrou e apupou a un Celta que, aínda, atesoura moito fútbol de calidade. Como sucedera en Valencia, apenas un minuto de desconcentración defensiva –seguramente, o único de todo o partido, motivado pola nova lesión de De Ridder, que mala fortuna ten este rapaz!–, malogrou tan magnífico traballo e mermou as posibilidades de continuar en Europa. No entanto, a pesar do negativo do resultado, os afeccionados saímos ben satisfeitos pola auténtico partidazo dos celestes. Xogando deste xeito, o decisivo partido do domingo contra o Atlétic de Bilbao pode encararse con maior confianza. Nunca unha derrota esta tempada foi máis dóce.

Etiquetas:

Campo do Fragoso XXXIV

UN ESTADO DE ÁNIMO
O partido de onte demostrounos que o fútbol é, sobre todo, un estado de ánimo. E o do Celta desta tempada avala en Balaídos entre os escasos momentos de euforia e confianza e os máis numerosos de confusión e medo, moito medo. Así sucedeu onte contra o Rácing de Santander, un equipo que, coñecendo a actual falta de confianza celeste e sen ofrecer un xogo doutro xoves, soubo teimar nas súas posibilidades ata conseguir o seu obxectivo de puntuar. É innegable que o Celta fixo unha boa primeira parte. Tras o recente éxito europeo, con dous goles á media hora e con varias xogadas magníficas de Bamogo (un par de controis de calidade, un cano na área rival e o espléndido cabezazo do segundo gol), os celestes conseguiron entusiasmar ata tal punto ao público que parecía dar por resolta a crise. Máis tamén o é que tras a reanudación, o Celta fixo unha segunda parte nefasta, fracasando de cheo a estratexia do adestrador de arrefríar un encontro moi vivo con constantes alternativas nas dúas portas. Mentres os galegos saíron temerosos a tratar de conservar o resultado reforzando a defensa, os cántabros puxeron moita convicción na remontada, conducidos por un Pablo Munitis inmenso nos seus caneos e na súa imprevisible mobilidade en todas as posicións avanzadas, feitos que provocaron dous fatídicos erros de concentración defensiva celeste. Estragáronse así todas as posibilidades de conseguir, por fin, unha segunda vitoria na casa. A polémica, entón, volveu á bancada, onde unha parte semella máis concentrada en discutir as polémicas decisións de Fernando Vázquez (hoxe os seus trocos foron pouco afortunados) ca en apupar e erguer ao equipo cando cae abatido na súa impotencia. Con semellante desencontro entre o adestrador e unha parte do público non vai ser doado atopar a saída do túnel. Non se lle ve moito xeito, non.

Etiquetas:

Campo do Fragoso XXXIII

CELTAZO
Aos moi poucos afeccionados que participamos no formidable espectáculo europeo de onte quedounos claro que o Celta vai saíndo paseniño da súa doenza. Fronte a un Spartak de Moscova, aínda un chisco baixo de forma, amosou síntomas dunha apreciable recuperación anímica e da consistencia do seu xogo. Fernando Vázquez presentou un modelo valente de xogo (3-4-3) que proporcionou ao equipo solidez e concentración defensiva (os nosos tres centrais gañáronlle case sempre a partida aos xigantóns rusos) e, sobre todo, capacidade de creación no medio campo, onde Borja Oubiña e un descoñecido Pablo García moi activo, realizaron moitas recuperacións e facilitaron que o balón rodase con perigo entre liñas. Na primeira parte o Celta xogando ao contragolpe realizou os mellores vinte minutos da tempada, con constantes paredes interiores, pases precisos e mesmo algúns alustros de xenialidade e fantasía. Froito desa insistencia atacante chegaron o gol de Nené, grazas a un bloqueo de Núñez (inspiradísimo de cabeza, nun dos seus mellores encontros en Vigo) e o pexegazo impresionante de Aspas (dende case corenta metros) que deixaba clara a solvencia europea dos celestes. Porén, para rematar tan trepidante partido (o mellor desta tempada), non puido faltar a emoción e a agonía: tras o gol dos rusos, os tres últimos minutos e os outros tantos do desconto foron de auténtico infarto con grandes oportunidades en ambas as dúas portas. Este celtazo na copa da UEFA, onde o equipo de Fernando Vázquez se sinte tan competitivo, amosa que hai vimbios dabondo para recuperar o ton doente desta liga tan difícil. Vivimos unha noite completa de fútbol europeo na que o medo e a emoción se transformaron, non era xa sen tempo, en ledicia e satisfacción desbordadas. A bancada, o adestrador e o conxunto merecíanas.

Etiquetas:

Campo do Fragoso XXXII

Á DERIVA
A pesar de que acudimos a Balaídos ilusionados, a inapelable derrota diante do Espanyol volveunos demostrar que o Celta desta tempada padece unha grave doenza. As mudanzas no once inicial, incorporando as dúas discretas fichaxes de inverno, e a utilización, durante a primeira parte, dun novo esquema (4-4-2) modificaron moi pouco a fasquía dun equipo que volveu ofrecer un tristísimo espectáculo. As tenues melloras que supuxo esta estratexia fóronse ao garete aos vinte minutos cando Luis García marcou o primeiro gol dos periquiños, facilitado por tres erros consecutivos no despexe dunha defensa en permanente período de rebaixas. Tras o descanso, coa entrada de Gustavo López pola banda esquerda (á que lle é propia), a colocación no centro dun Canobbio moi activo e coa recuperación do seu esquema táctico tradicional (4-2-3-1), o Celta recuperou autoridade atacante e creou as mellores ocasións de gol de moitos meses. Un espellismo que durou só dez minutos. A incomprensible entrada de Nené (o que levou a Gustavo á dereita) e o gol de Pandiani, tras un contragolpe moi ben levado por Rufete, murcharon todas as esperanzas dos celestes de marcar. A partir de entón, amosaron a faciana da súa impotencia e a bancada a división que suscita a continuidade do adestrador. A indefinición na dirección técnica (onte demostrouse que Vázquez vacila por ónde tirar) e a falta de compromiso do cadro de xogadores (con algunhas honrosas excepcións, como as de Pinto e Oubiña) semellan ser os dous problemas principais deste equipo de cristal, que despois de vir amosando a súa preocupante fraxilidade nos tres últimos meses, esnaquizou nas dúas últimas xornadas toda a súa credibilidade diante dos seus seguidores. O Celta continúa á deriva, sen temón nin máquina dentro e fóra do campo. Nas vindeiras xornadas, a posibilidade do descenso vai pesarlle coma unha lousa. Que medo, mi madriña!

Etiquetas: