Poema de hoxe 43: Avelino Cachafeiro, «Rosalía abriu a fiestra»

Voando_small-192x300Rosalía abriu a fiestra,

bícana os raios do sol

Avelino Cachafeiro Bugallo, Voando cas aas da vida (1969)

Poema de hoxe 42: Miguel Vázquez Freire, «No Castro de Paradela»

fomos recoller o canto da luz das últimas raiolas

fomos esculcar a sólida música dos penedos

Miguel Vázquez Freire, Paisaxes de nós (Cadernos da Néboa, 2011)

Onte 1579: Joel Dicker e o DS 4

Dicker_DS-4Non vira na televisión até onte o anuncio do DS 4 de Citroën protagonizado polo escritor Joel Dicker, a quen coñecimos o pasado ano na entrega do premio San Clemente. O xove novelista suízo, autor d´ A verdade sobre Harry Quebert, protagoniza unha campaña publicitaria, The DS writer, que xira arredor dunha webserie de cinco capítulos sobre o proceso de escrita dunha novela, utilizando como ferramenta de escrita a Apple CarPlayTM, a bordo deste novo Citroën de gama alta. Quedei sorprendido cando coñecín que Dicker, ademais de protagonizar os anuncios da campaña, tamén escribiu unha novela, titulada Só para escollidos, que os concesionarios da marca agasallan ás persoas que proben os dous modelos DS 4. Todo un abraiante entramado tecnolóxico, literario e publicitario protagonizado por un escritor do noso tempo. Xaora, non puiden evitar pensar que podería suceder se a marca do dobre chevron emulase apoiar así á narrativa galega. Imaxinamos a Pedro Feijoo ou Fran P. Lorenzo conducindo o DS 4 e ditando a siri os textos en galego?

Poema de hoxe 41: Xosé Vázquez Pintor «Na vertical da noite»

Un comboio de luz abrirase despois dun grande escuro.

Xosé Vázquez Pintor, Na vertical da noite (1990)

Onte 1578: «Youth» («A mocidade»)

La_juventud-213917149-largeYouth (La giovinezza), a última xenialidade de Paolo Sorrentino, é unha película perturbadora onde o peso das emocións e a corrente de beleza de imaxes memorables esvae un argumento apenas funcional, Como sucedera xa n’ A grande beleza, a densidade e a grandilocuencia visual, sonora e textual facilita a abordaxe de temas esenciais, dende unha reflexión filosófica, como os valores da mocidade e da vellez (quizais, o principal), mais tamén da lembranza e do esquecemento, do éxito e da decadencia, da saúde e da doenza… Unha película na que o sublime nunca abandona a pantalla, sexa polas interpretacións marabillosas de Michel Caine, Harvey Keitel e Rachel Weist, sexa polas frases (moitas veces aforismos) que utilizan nas súas conversas, ou polos constantes cambios de planos ou variación de medlodías musicais. Sorrentino móvese n’ A mocidade no territorio que só transitan clásicos contemporáneos para dar conta da desolación do século XXI. Memorable!

Poema de hoxe 40: Claude Royet «Frases para un felo»

frases_para_un_feloMergúllome na escuridade desta mirada baleira.

É un ceo negro o que domina o presente.

Claude Royet Journoud, Frases para un felo (Amastra-N-Gallar, 2002)

Onte 1577: «O día que choveu do revés»

XG00247901Cando as nubes decidiron chover os sete choveres coa intención de que os campos de millo e as verzas medrasen vizosas non pensaron que poderían asolagar a vila de Portoseco. Como compensar o dano causado polas nubes dará inicio á historia d’ O día que choveu do revés, álbum onde colaboran María Canosa e o ilustrador Dani Padrón. Como anticipara no formidable Rubicundo, a escritora da Costa da Morte ofrece solucións moi imaxinativas para o eterno conflito entre as nubes e o Sol, que nalgunhas ocasións remata en tremendas treboadas e noutras en longas esperas pola chuvia. No entanto nunca está de máis que sexan as letras e os libros a mellor receita para que chova con xeito. Unha historia fantástica traducida por Dani Padrón nunha composición de grande forza visual.

Poema de hoxe 39: Manuel Forcadela

Así que os que chorades a espranza conservade.

Mañá ha de florir o día que hoxe nega

O tempo e a súa rede de feitos e avatares.

Manuel Forcadela, Refutación da musa (Espiral Maior, 2001)

Onte 1575: O Goya de Coira

Jorge_CoiraO Goya para Jorge Coira como mellor montaxe polo seu traballo en El desconocido é un premio valioso para esta película producida por Vaca films, a primeira dirixida por Dani de la Torre, que tamén recibiu un segundo polo mellor son. Xaora, é un recoñecemento para o traballo de Jorge Coira, un soñador do cine galego durante as dúas últimas décadas, fose como guionista, director ou actor. Sabemos que o talento de Coira estivo detrás de moitos proxectos do audiovisual galego, razón pola que este premio ven como anel para recoñecelo, Secomasí, este Goya permitiu, ademais, que na súa voz se visibilizase na cerimonia que en Galicia existe xente «intentando facer cine e contar historias». Ben sei da parafernalia destes premios, mais non podemos negar que axudan a pór o foco sobre traballos e persoas tan discretas e teimosas como o cineasta chairego. Coira e todo o equipo de El desconocido merecen todos os nosos parabéns.

Poema de hoxe 38: «Nós nus» de Olga Novo

imgres-2coa miña pel podes facer

enxertos nas mazairas

Olga Novo, Nós nus (Xerais, 1997)