Onte 1691: Entrega dos nacionais

Premios_Nacionais_2015_01-06-2016

Na entrega dos Premios Nacionais de Cultura correspondentes ao bienio 2014-2015, realizada onte en Palencia, houbo unha apreciable presenza da cultura galega. Aos premios de Tradución e Teatro de 2014, sumáronse o pasado ano os de Literatura Infantil e Xuvenil de Ledicia Costas por Escarlatina, a cociñeira defunta (Xerais) e o de Poesía Xove de Gonzalo Hermo por Celebración (Apiario)o que constitúe un espazo de visibilidade para a nosa creación e produción cultural. Catro novos nacionais que incrementan a nómina de títulos da literatura e edición galegas premiados polo Ministerio de Cultura nas últimas tres décadas: cinco en infantil e xuvenil, cinco en tradución, tres en narrativa, dous en literatura dramática, dous de ilustración, un de cómic, un de ensaio, dous de poesía, un de teatro e un ao mellor labor editorial. Premios que constitúen un pulo e unha oportunidade para as persoas premiadas, mais tamén un aliciente e un recoñecemento colectivo para a cultura literaria galega, sometida a tantas invisibilidades e inxustos prexuízos. Parabéns, pois, a Ledicia Costas e Gonzalo Hermo, que onte representaron orgullosas a excelencia e a esperanza da literatura galega do século XXI.

,

Poema de hoxe 154: «Prestige» de Alfonso Pexegueiro

Cando os poetas están no seu sitio, as catástrofes non suceden.

Alfonso Pexegueiro, «Prestige: unha catástrofe que se puido evitar» (2003)

 

Poema de hoxe 153: Pilar Pallarés

Non teño medo á morte:
aprendín a posuíla e convertina en rito.

Pilar Pallarés (2003)

Onte 1689: Xerais Básicos Ciencia

XG00252601Entre os lanzamentos de Xerais desta primavera destaca Historia do ADN. 40 anos de revolución biotecnolóxica de Daniel Soutullo, coa que abrimos Xerais Básicos Ciencia, unha colección de divulgación científica en galego dirixida por Miguel Vázquerz Freire. Unha serie concibida para dirixirse a un público amplo e curioso, non especializado en temas científicos, así como para servir de material de consulta e lectura nas bibliotecas do ensino secundario. Unha proposta, que cremos novidosa no entorno editorial galego, onde apenas se editan libros de ciencia e tecnoloxía. Unha aposta, tamén, pola divulgación como forma de coñecemento e polo emprego do galego para abordar estas materias que nalgúns casos, como os da Física, Química e Matemáticas, foron expulsadas do sistema educativo tras o Decreto de Plurilingüismo. Xaora, están en preparación O libro do ceo de Irene Baspino, Óscar Blanco e Óscar Sánchez, Terra. Viaxe arredor do mundo dun divulgador científico de Xurxo Mariño e Universo matemático de Antom Labranha.

Poema de hoxe 152: «A espiral do silencio» de María do Cebreiro

Soño unha cidade na que os pasos axuden a caber, a sermos máis.

María do Cebreiro, «A espiral do silencio» (2002)

Poema de hoxe 151:«Never more» de Xela Arias

Atónita.
Fonte indómita.
De cara ó noxo
pon prezo en castigo á patética esperanza

Xela Arias, «Never more» (2003)

Poema de hoxe 150: «Cantigas de alén» de José Ángel Valente

Alongarme somente foi o xeito de ficar para sempre

José Angel Valente, Cantigas de alén (Ediciós do Castro, 1981)

Poema de hoxe 149: «Madrid» de Manuel Rivas

Non lanzarei un puñado da miña terra contra ningúen.

Manuel Rivas, Costa da Morte Blues (Xerais, 1995)

Poema de hoxe 148: “Celebración” de Gonzalo Hermo

Porque non hai lingua que impugne o contido dunha perda

nin hai consolo desta volta no brazo das palabras

Gonzalo Hermo, Celebración (Apiario, 2014)

Onte 1685: “O anxo negro” de Manuel Gago

Acompañamos onte a Manuel Gago na presentación da súa primeira novela, O anxo negro. Como hai pouco máis de dous anos, cando se presentara Vento e chuvia, Gago escolleu a Igrexa da Compañía como espazo para compartir unha obra na que se aborda como tema principal a posta en valor do noso patrimonio. Un serán no que se falou da novela e dos seus contidos, na que media ducia de actores realizaron unha performance, na que se proxectou o vídeo de Soledad Felloza arredor da ficción /en realidade un trailer dunha película que non existe), na que cataron viños branco e tinto de Viña Costeira e se probaron as delicias das conservas de Luís Escurís Batalla. A verdade que máis non se lle pode pedir a un acto literario.

XG00254701O anxo negro é unha novela de intriga de longo alento, cincocentas páxinas,construída sobre un pano de fondo histórico, dacabalo do tempo da Transición e do século XVI, onde o tema principal é o expolio ao que foi sometido o patrimonio das igrexas do rural galego despois do Vaticano II. Unha historia enfiada polo roubo en 1981 dunha Santa Mariña na parroquia (imaxinaria) de Cereiro, que será investigado por unha parella de “detectives” moi singular, Nicolás Bren, un capitán da Mariña Mercante, afeccionado á historia local, e Andreu Meis, un mozo catalán casado na parroquia, propietario do Bar Drake. Unha novela coral, que abala entre o xénero negro e o histórico, na que utilizando os recursos da ficción se denuncia un tema agochado, o dun sistema de financiamento corrupto ao tempo que se pretende pór en valor o patrimonio eclesiástico arraizado na cultura popular galega. Aventuro que esta primeira novela de Manuel Gago dará moito que falar e moito que ler.