"Minimaladas" de Carlos López
/en Autores, Literatura infantil e xuvenil, Premios, Vídeos, Xerais/por bretemas
Minimaladas, a obra de Carlos López galardonada co Premio Merlín 2007, recolle oitenta e catro mini historias protagonizadas por animais, nas que destaca a súa orixinalidade e imaxinación. O xurado nestes textos breves (nalgúns casos apenas catro ou cinco liñas) salienta a súa capacidade para evocar imaxes, valéndose dun emprego lúdico da linguaxe, algunhas interesantes referencias literarias e dun tratamento moi innovador da creación lingüística.
Carlos López Gómez declarou, no momento de recibir o premio Merlín, que baixo o título de Minimaladas reuníu unha gavela de relatos moi breves protagonizados cada un deles por un animal diferente. “Por deformación profesional, dada a miña condición de humorista gráfico en prensa, as narracións comparten o denominador común do humor. Foi divertido escribilas; confío en que sexa divertido lelas”.
Vídeo: O blog dos pelachos.
"Illa Soidade" de An Alfaya
/en Autores, Literatura infantil e xuvenil, Premios, Vídeos, Xerais/por bretemas
Illa Soidade, a obra de An Alfaya gañadora do Premio Fundación Caixa Galicia 2007, relata a historia de Lucía quen, nunha viaxe en tren cando vai iniciar os estudos de xornalismo, vai rememorando a súa relación con Soa, unha esmoleira a que coñeceu cando pretendía deter unha vaga de insolidariedade cos indixentes que se produce no seu barrio.
Para o xurado do Premio Fundación Caixa Galicia “Illa Soidade é unha novela iniciática na que a personalidade da protagonista, Lucía, evoluciona grazas ao contacto con Soa, que nos descobre unha vida marcada pola paixón e a soidade, con reflexións sobre a autonomía persoal e o respecto polo diferente. A obra retrata a indixencia, afastándose de tópicos e concedéndolle voz a persoas que teñen o seu propio espazo nunha sociedade que habitualmente as silencia. Cada unha delas é unha illa chea de historias nas que raras veces somos quen de introducirnos”.
Vídeo: O blog dos pelachos.
"Cardume" de Rexina Vega
/en Autores, Narrativa, Premios, Vídeos, Xerais/por bretemas
Cardume de Rexina Vega foi a novela gañadora do Premio Xerais 2007. O texto da información que preparamos foi o que reproducimos:
Cardume presenta a historia familiar e persoal dos sobrevivintes a un tempo caótico, doloroso e triste; a un tempo aberto polo eclipse da República e dos seus ideais. A xuízo do xurado do Premio Xerais, faino dunha maneira certeira e sen vitimismo. A novela retrata un Vigo industrial e atlántico, simultaneamente cosmopolita e provinciano, que é crisol de personaxes que evolucionan, que se relacionan e que medran, e que, en definitiva, logran subsistir ás miserias dunha cidade desacougante.
A narradora comeza a relatarnos a historia no espazo murcho e desalentador do cemiterio civil de Pereiró, partindo do presente para evocar a memoria familiar. Dese xeito logra a caracterización dun período de tempo moi longo que retrata boa parte do século XX a través de varias xeracións, soprendéndonos coa recreación de atmosferas políticas, familiares, industriais, culturais, e retratos da emigración daquela época convulsa que deixou unha pegada imborrable nas persoas que a viviron.
O xurado resaltou tamén “a capacidade expresiva da novela a través dunha lingua poética e metafórica que evidencia unha clara vontade estilísitica”. Cardume reivindica a memoria, a insistencia na memoria como conformación da identidade do presente. “Eu só quixera prolongar un pouco máis a permanencia, atrasar o devalo destas vidas menores”, afirma a voz narradora da novela.
Rexina Vega, cando soubo que a súa obra fora premiada, declarou que “esta é unha primeira novela, una primeira novela serodia, que chega cando xa vai fóra a mocidade. Este libro está escrito mentres os nenos, os meus nenos, dormían. Desde que teño uso de razón quixen ser escritora e tardei moito, tanto que crin que ese desexo ía apodrecerme dentro. Quixen probarme por fin na escritura de ficción, liberarme das trabas da eséxe, do saber institucional ao que estaba afeita na escritura da crítica e do ensaio, e deixei, por primeira vez, que a escritura fose algo libre e gozoso, un discurso non vicario”.
Con respecto a novela gañadora definiu Cardume, banco de peixes, como “un álbum de recordos novelados, un libro feito de memoria e de reescritura da memoria. Combinando información e invención, a novela pretende establecer unha autobiografía a través da reconstrución de persoaxes aos que só se coñece por medio dos relatos familiares. Trátase da busca de sentido á propia vida a través da recuperación dos fantasmas do pasado; e tamén da historia da transmisión da memoria dos vellos aos novos, da relación desesperada e urxente entre a vellez e a infancia”.
Rexina Vega é doutora en Filoloxía Románica coa tese Bilingüismo e autotradución en Álvaro Cunqueiro. Sobre este autor ten publicados numerosos artigos e estudos, entre os que salienta Álvaro Cunqueiro. Unha poética da recreación, premio Carballo Calero de investigación. Durante os anos noventa exerceu a docencia na área de filoloxía galego-portuguesa na Universitat Autònoma de Barcelona. Desde este ámbito desenvolveu unha intensa actividade de divulgación da cultura galega na sociedade catalá. Exerceu a crítica teatral na revista El Público e a crítica literaria para, entre outras publicacións, Quimera, Anuario de Estudos Galegos, Grial ou A Nosa Terra. Dentro do eido da lexicografía, ademais da publicación de artigos teóricos no Instituto Cervantes e en actas universitarias, traballou como redactora de numerosos diccionarios bilingües da editorial Larousse e no Diccionario Vox galego-castelán. É premio Sthendal, e finalista do premio nacional de tradución, pola obra de Georges Perec El secuestro. Responsabilizouse da edición dos artigos ensaísticos de Suso de Toro publicados por Xerais baixo o título Ten que doer. Literatura e identidade. Actualmente é Profesora asociada do departamento de lingua española na Universidade de Vigo e profesora de lingua e literatura galega no Instituto San Tomé da mesma cidade. Cardume é a primeira incursión na creación literaria desta autora.
Vídeo: O blog dos pelachos.
Updike, o adianto de "Terrorista"
/en Adiantos, Autores, Narrativa, Novidades, Traducións, Xerais/por bretemas
Terrorista, a primeira obra en galego de John Updike, é a historia de Ahmad Ashmawy Mulloy, un mozo de dezaoito anos que vive en New Prospect, unha antiga vila industrial do estado de Nova Jersey. Fillo de nai irlandesa-americana e de pai exipcio, que os abandona cando non tiña mais que tres anos, Ahmad non soubo nunca atopar o seu lugar na sociedade na que vive. Furioso coa súa nai, por non ter conseguido manter unida a familia, adopta aos once anos a fe do pai, o islam, refuxiándose na influencia do xeque Rashid, o imán da mesquita da Rúa West Main. A pesar de contar cun grande potencial para os estudos, como lle recorda Jack Levy, o orientador do seu instituto, un xudeo renegado e infeliz que o aconsella ingresar na Universidade, decide obter o carné de condutor de camións para comezar a traballar de transportista, como lle recomenda o imán. É así como lle chega a proposta clave da súa vida: facer estourar un camión cargado con catro toneladas de dinamita nun dos principais tuneis de Nova York. Para Ahmad esta é unha misión elevada que o afastaría da superficialidade e o materialismo da cultura norteamericana que aborrece, un acto suicida que lle permitiría dar a vida por Alá.
John Updike (Shillington, Pensylvania, 1932), autor de máis de vinte novelas, é un dos escritores máis relevantes da narrativa norteamericana contemporánea. Crítico literario do The New Yorker dende 1957, obtivo os máis importantes premios literarios: o Pulitzer, o American Book Award, o National Book Award, o National Book Critics Circle Award, o Rosenthal Award e a Howells Medal. Terrorista (Xerais 2007) é a súa primeira obra traducida para o galego por Lara Domínguez Araújo e ilustrada na súa portada por Fran Herbello Hermelo. Aquí pode baixarse en PDF as primeiras páxinas da novela, que estará nas librarías na primeira quincena de xuño, coincidindo coa aparición das versións en castelán e catalán.
Updike, por vez primeira en galego
/en Autores, Narrativa, Novidades, Traducións, Xerais/por bretemas
Na vindeira semana recibiremos os primeiros exemplares de Terrorista, a primeira novela de John Updike traducida ao galego, que aparecerá nas librarías ao mesmo tempo ca edición de Tusquets e Bromera. El Cultural (que como é adoito non anuncia as edición galega e catalana) publica esta interesante entrevista co moi respectado autor estadounidense. A tradución galega de Terrorista debeuse a Lara Domínguez Araújo e a portada ao fotógrafo Fran Herbello. Mañá publicaremos na web da editorial un adianto do primeiro capítulo.
Suso de Toro en Bos Aires
/en Autores, Entrevistas/por bretemas
Débora fai unha magnífica crónica da presenza de Suso de Toro en Bos Aires. Complétase con estoutra (tamén interesantísima) entrevista en Vieiros. Está cada vez máis clara a necesidade de que os nosos autores e autoras teñan contacto directo coa Diáspora galega. É impresindible rexenerar este tecido que nos une no proxecto común da nación.
Xesús Manuel Marcos, Premio Terra de Melide 2007
/en Autores, Narrativa, Premios, Xerais/por bretemas
Anunciouse hoxe o fallo do Premio de narrativa Terra de Melide 2007 no que participei como membro do xurado. A novela gañadora, A lúa dos everglades de Xesús Manuel Marcos, é un thriller cheo de intriga no que amodiño van converxendo tres historias moi emocionantes, aparentemente sen vencello entre elas, dos membros dunha mesma familia de emigrantes galegos que viven no Barrio Belgrano de Bos Aires, Miami e Madrid. Tres historias de saudades e soidades, tres relatos de exilios emocionais e sentimentais escritos nunha prosa engaiolante con enorme alento narrativo. A novela será publicada por Xerais no vindeiro mes de outubro, coincidindo coa ds Premios Xerais (dos que anunciaremos as obras declaradas finalistas polos tres xurados o vindeiro luns día 4).
Case perfecto: a primeira crítica
/en Autores, Críticas, Narrativa, Novidades, Xerais/por bretemas
Montse Pena publica a primeira crítica de Case perfecto a última novela de Marina Mayoral. Eis un parágrafo do texto:
“Case perfecto é tamén unha desas novelas que é complicado deixar de ler, que se devoran nunha ou dúas tardes. Os motivos non son outros que unha intriga ben dosificada (derivada de que ata as derradeiras páxinas non coñecemos en qué circunstancias faleceu o pai e marido, namentres aínda nos esperan algunhas sorpresas), un afondamento psicolóxico nos personaxes moi acaído (e ao que xa nos ten acostumados a autora) e unha fervenza de aconteceres un tanto excesiva, aínda que certamente entretida. Contra o final, a historia enguedéllase demasiado, a pesar de que a escrita sinxela e accesíbel de Mayoral impide que o receptor se vexa desbordado polas traxedias cotiás e non tan cotiás dunha familia da alta sociedade, que apuntan á sombra dunha lectora implícita media que por veces se deixa ver no texto.”
Etiquetas: Marina_Mayoral
Día de Roald Dahl
/en Autores, Efemérides, Literatura infantil e xuvenil/por bretemas
Coñezo a noticia da celebración do Día de Roald Dahl (13 de setembro).Vía: Alcameh.

Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
Recomendo
Últimas anotacións
Liñas de galego3 de Decembro de 2025 - 9:30 a.m.
Marconi nas Rías Baixas2 de Decembro de 2025 - 5:45 p.m.
Entrevista en Biosbardia2 de Decembro de 2025 - 5:32 p.m.
Dous días negros1 de Decembro de 2025 - 9:19 a.m.
Entropía26 de Novembro de 2025 - 10:53 a.m.









