Os partidos e o libro

Interesante esta información de culturagalega.org na que se recollen as propostas programáticas dos tres partidos arredor do libro e da edición. Todas as tres fan referencia na lei de bibliotecas e no apoio á industria editorial. O Partido Popular propón dedicar o 2010 como «Ano da Lectura», unha proposta que temos feito repetidamente nestas brétemas.

Un erro gravísimo de Feijoo

A cancelación do debate a tres por parte da CRTVG, obrigada pola estratexia de Feijoo, creo que liquida as posibilidades (escasas) do PP-G de obter a maioría absoluta. Sei que estes días a moitos nos entrou o medo no corpo diante da decepcionante campaña de Touriño, que moi pouco pode mobilizar aos indecisos progresistas a acudir votar. No obstante, o erro do equipo de campaña de Feijoo de forzar até o límite a estratexia dos debates a dous, devólvelle alento a Touriño, que pode coller un certo acougo. No entanto, como a votación non acade o 60% de participación, o bipartito (a pesar dos nobles esforzos e da boa campaña de Quintana) pódeo ter difícil. Quen dixo que as campañas electorais non servían para nada?

«Se resides, decides»

Adherinme á plataforma «Se resides, decides». Velaí a declaración fundacional:

O pasado 12 de Febreiro foi constituída en Compostela unha plataforma cidadá que baixo o lema «Se resides, decides» traballará por conseguir a reforma en profundidade da actual Lei Orgánica de Rexime Electoral Xeral (LOREG, 5/1985) que regula o dereito de sufraxio e o seu exercicio.
A iniciativa aspira a dar resposta ao amplo sentir cidadán crítico coas manifestas eivas do actual sistema electoral, que recoñece dereito pleno a colectivos que residen no exterior e cuxo único vínculo co país consiste precisamente no exercício do dereito a voto –e todo o que ese exercicio leva aparellado– ao tempo que mingua, ou directamente nega, dereitos a colectivos que residen de forma permanente no país (mariñeiros, penados, inmigrantes).
Trátase como é sabido dun problema que a nosa sociedade arrasta desde hai moito tempo e que nos últimos anos adquiriu proporcións que dificilmente pode admitir unha sociedade que se reclama democrática.
Co seu lema, «Se resides, decides», a plataforma deixa claro que entende que o voto há de ser un dereito de residencia, non de sangue e, nese sentido, traballará para que o exercicio dese dereito sexa recoñecido de maneira efectiva a todas as persoas que residen de forma estábel e permanente na nosa comunidade. Traballará asi mesmo para que os dereitos que se recoñezan ás persoas de orixe galega que residen de maneira permanente no estranxeiro se regulen de acordo con esa situación.
A plataforma prevé desenvolver a sua campaña en duas fases ben diferenciadas.
Na primeira, que culminará o 1º de Marzo, dirixirase a todos os partidos e coalicións que presentan candidatura a estas eleccións para os instar a adquiriren o compromiso público e firme de iniciar, imediatamente a seguir a constitución do próximo Parlamento Galego, todas as xestións que estean ao seu alcance (tanto no ámbito autonómico como no estatal) para que a LOREG de 1985 sexa imediatamente derrogada.
Na segunda, a plataforma traballará para que a nova lei contemple as súas reivindicacións, que cré son compartida pola esmagadora maioiria da sociedade galega. Nese sentido, actuará perante os poderes públicos e realizará unha ampla campaña de sensiblización social.
En breve, a plataforma dará a coñecer o enderezo da sua páxina web que estará aberta a todas aquelas persoas e colectivos que queiran prestar o seu apoio á iniciativa.
Compostela, 14 de Febreiro de 2009

Transversalidade

No artigo da semana analizo algúns dos datos da enquisa máis recente do CIS (pode baixars en pdf) e propoño unha reflexión para que na previsible segunda lexislatura do bipartito algunhas cuestións pendentes, temas de país, sexan abordados dende unha perspectiva transversal.

Voto acreditado

A reclamación presentada polo PSOE diante da Xunta Electoral Central (XEC) sobre a necesidade que os inscritos no censo de residentes ausentes que voten nas eleccións galegas do primeiro de marzo incorporen a súa papeleta o DNI ou pasaporte é unha lamentable (por non dicir vergonzosa) torpeza política. Con esta reclamación os responsables socialistas, encabezados por José Blanco –a pesar de xustificala en que «calquera cambio non procedementos de votación pode introducir unha dose de inseguirade xurídica nos resultados»– non fan máis que poñer sobre si mesmos os focos da sospeita; mais aínda cando está máis que comprobado que a fraude no sufraxio do CERA foi unha práctica habitual en convocatorias electorais anteriores. José Blanco quere que a XEC se pronuncie sobre que sucederá cos votos que non veñan acreditados e se isto suporá que seran declarados nulos, chegando a suxerir que isto podería supoñer que o PSOE puidese chegar a presentar un recurso diante do Supremo. En todo caso, os responsables socialistas galegos da emigración saben que co voto acreditado por DNI ou pasaporte (por certo, idénticos requisitos aos esixidos ao resto do electorado do interior) os sufraxios do CERA (un rexistro que xa supera os 300.000 inscritos, o 12,00 % do electorado) inevitablemente, diminuirán xa que son moitos os electores que carecen desta documentación (o que non deixa de constituír un paradoxo) e tampouco teñen tempo dnin posibilidade e obtela nos consulados españois. Unha diminución que supoñen lles prexudicará, na medida que nas máis recentes convocatorias os socialistas, como partido do goberno, sempre obtiveron a maior porcentaxe de votos. Non hai dúbida que a única solución viable para asegurar a lexitimidade das votacións do CERA é por medio de urna, o que sabemos require unha modificación da Lei Electoral. No entanto, mentres isto non chega, semella moi razoable que o voto emigrante no exterior (os dos emigrantes galegos no resto do estado e o dos mariñeiros está vedado para eles) sexa, canto menos acreditado, nas mesmas condicións que o do resto dos cidadáns. Imaxinamos o que podería suceder a estas alturas, se a maioría en litixio se obtivese grazas aos sufraxios do CERA? Imaxinamos que lexitimidade (como lembrou hoxe Feijoo) tería unha vitoria obtida nestas condicións?

Autonómicas: ollo con Pontevedra!

A entrada de Corina Porro na lista do PPG de Pontevedra é unha noticia que non debe pasar desapercibida. Razóns de moito peso debeu valorar a ex-alcaldesa de Vigo para abandonar o seu escano no Senado e a poderosa vicepresidencia da Deputación. Motivo que albisco debe residir nese segredo que circula sotto voce sobre os resultados de case todas as enquisas preelectorais en Vigo, que serían claramente adversos para os dous partidos do actual Goberno Galego. Mesmo, un xornalista, que sei moi ben informado do que se coce en certas alturas compostelanas, calificoumos, estritamente en privado, de «sinxelamente horribles, tanto para o PSOE coma para o BNG». Algo que me pareceu verosímil, dado que abonda poñer a orella nas cafetarías e tascas viguesas para comprender que o actual bipartito do Campo de Granada, presidido polo fantasioso Caballero e polo nacionalista Domínguez, non consegue arrincar entusiasmo por ningures, mesmo entre os seus propios partidarios. Se a isto engadimos a incidencia da crise do sector da automoción sobre o emprego (que pouco pode alentar o apoio aos responsables das administracións, sexan os da central ou da autonómica), podemos comprender que para Alberto Núñez Feijoo a cidade da oliveira se transformase na súa praza máis decisiva para intentar gañar as eleccións (ou polo menos para fachendear de terlle quitado un deputado ao bipartito en Pontevedra, precisamente na provincia pola que se presenta o actual presidente da Xunta). Sen dúbida con Corina no segundo posto da candidatura, sabendo que aínda conserva unha certa aura de política de proximidade, a operación albertina de asalto a Pontevedra semella máis factible. A pesar de que as enquisas amosan unha clara tendencia á baixa do PPG en Ourense e Lugo, equivocaríanse os que considerasen as vindeiras autonómicas apenas coma un trámite electoral que refrendará un inevitable segundo bipartito de composición semellante a actual. A triste actuación do PSdeG-PSOE e do BNG vigueses durante o ano e medio transcorrido desta Corporación é unha oportunidade obxectiva que pretende aproveitar Alberto Núñez Feijoo apostando polo tirón populista de Corina, que conta mesmo co apoio dunha parte da directiva da Federación Veciñal viguesa. A verdade é que como xogada de ataque non está mal pensada. Teñen algunha posibilidade de contrarrestala Touriño e Quintana?

Idus de marzo

No artigo da semana reflexiono sobre a coincidencia elecoral provocada polo lehendakari.
Ao texto acáelle coma anel a magnífica viñeta do amigo Kiko Dasilva publicada onte en La Voz de Galicia. Grazas.