Campo do Fragoso LXXXVI

GOLEAN OS DEFENSAS

Dous goles formidables de senllos defensas, Roberto Lago e Catalá, salvaron do cesamento inevitable a Eusebio e, por fin, despois de varios meses, permiten saír ao Celta das posicións de descenso. Despois do triunfo en Girona, esta segunda vitoria consecutiva proporciona un chisquiño de acougo para seareiros e membros do consello de administración ansiosos, ao tempo que debería facilitar ao cadro de xogadores e técnicos afrontar con confianza o remate de 2009, un ano horroroso para o Celta como locatario xa que só conseguiu en vinte partidos de competición ligueira media ducia de vitorias (catro a tempada pasada e dúas na actual). Porén, polo que vimos onte na lameira, superando claramente ao Elxe –un equipo ben clasificado, mesmo con aspiracións de ascenso– o Celta debe e pode saír a lume de carozo das posicións de perigo. Inevitablemente, esta vitoria, a segunda que consegue Eusebio tras retirar do equipo inicial a Roberto Trashorras, o noso xogador con máis e mellor fútbol nas súas biqueiras, acentúa o debate sobre a conveniencia de considerar ao de Rábade como a peza que permite o engrenaxe harmónico do esquema de “fútbol amable” do adestrador vallisoletano. Un debate entre os detractores e os defensores do lucense –por outra banda, unha lideira moi tradicional na bancada nosa (deuse sempre co papel deses xogadores xeniais de presenza intermitente, dende Mostovoi a Canobbio)– que este partido non só non resolveu, senón que incrementou na medida que os goles como a maior parte das xogadas de perigo foron protagonizadas polos nosos defensas. A primeira parte resultou ruín de todo. O Celta foi dominado polos ilicitanos que non souberon aproveitar as súas numerosas oportunidades. Un xutazo de Catalá dende a frontal, aproveitando un rexeite, un caneo de Aspas na área pequena e un remate inocente de Joselu foron as tres únicas xogadas con certa intención dos nosos en todo o primeiro período. Un balance pobrísimo que agoiraba a debacle de Eusebio. Sen embargo, tras a reanudación o panorama mudou completamente. Os nove primeiros minutos celestes deste segundo período foron excelentes. Contamos até seis xogadas claras de gol. Saulo centrou en dúas ocasións dende a liña de fondo e non atopou rematador. A seguir, Roberto Lago (onte un dos mellores e máis comprometidos celestes) percorreu con enorme potencia toda a súa banda sen atopar goleiro para o seu centro; o que non lle impediu, dous minutos despois, aproveitar un rexeite dende a frontal que quedou lixeiramente alto. Teimosía que na xogada seguinte permitiría ao defensa vigués aproveitar outro rexeite da defensa ilicitana, mais esta vez o xute de volea foi cara abaixo, colocando o balón ao pé do pau. Un gol precioso e preciso, que culminaba o mellor período de xogo dos nosos ao longo de todo o encontro. Co marcador por diante, o Celta, a pesar de atemperar a súa intensidade, non perdeu o control do partido. Así, faltando pouco máis dun cuarto de hora o central Catalá, xa o noso káiser do Fragoso, aproveitou un erro de marcaxe da frouxa defensa visitante e rematou de cabeza a pracer un saque de recanto. Co 2-0 por diante, os celestes arrollaron, mais os nosos “pichichis” malograron cinco ou seis deses goles feitos. Nun longuísimo desconto, o Elxe conseguiu o seu tanto e os nosos corazóns volveron acelerarse durante dous minutos. Insisto na miña teima, cun goleador só discreto, onde estaría este Celta?