Campo do Fragoso LXXXI

CAMIÑO BRETEMOSO

A clara derrota fronte ao Hércules profundiza a crise do Celta e agoira que esta será outra tempada na que, como nas dúas anteriores, percorreremos un camiño bretemoso, cheo de dificultades, co perigo constante de perder a categoría diante dos nosos fuciños. Tras quince puntos desputados, os dous empates acadados polos celestes son un balance moi pobre para un equipo con teóricas aspiracións de ascenso que, porén, como sucedeu no comezo da pasada tempada, xa ocupa posicións de descenso na quinta xornada. Outrosí sucede cos números do actual adestrador celeste, Eusebio Sancristán, que dende o mes de marzo, cando comezou a dirixir ao Celta, apenas conseguiu dúas vitorias nos partidos oficiais dos campionatos de segunda división, un pobrísimo balance, sensiblemente inferior ao de calquera dos outros adestradores despedidos polo presidente Carlos Mouriño. O encontro fronte ao Hércules puxo en evidencia boa parte das carencias do cadro formado por Miguel Torrecilla e do sistema de xogo no que cre Eusebio. Efectivamente, o Celta tivo unha boa saída, tocando e buscando a porta contraria, ao que decontado responderon os alacantinos, no segundo minuto de xogo, cun remate moi perigoso de Sendoa que anunciaba a súa pretensión de levar os tres puntos. Ese foi o esquema de toda a primeira parte: cando nas escasas ocasións que o Celta conseguía sacar a pelota no medio campo, onde reinaban os herculinos, Bustos distribuía a entrada pola banda dereita, onde Hugo Mallo e Dani Abalo formaban unha interesante sociedade que, unha e outra vez, se estrelaba contra Peña; o Hércules, cheo de veteranos como Rufete, Farinos ou Tote, respondía cun contraataque no que os seus extremos chegaban con facilidade até a liña de fondo creando o pánico na defensa celeste. As dificultades de Iago Aspas para explorar a banda esquerda, teimando en entrar por diagonais imposibles, a inhibición de Trashorras que tivo o seu clásico día Bartleby e a pésima colocación do dianteiro Arthuro (do que polo visto moi pouco podemos agardar) foron factores que contribuíron a que os celestes non fabricasen ningunha situación de auténtico perigo durante a primeira parte. Tras a reanudación, Eusebio reforzou o medio do campo dando saída a López Garai; entón, durante uns minutos a esperanza volveu debuxarse sobre o terreo, mesmo un Danilo bastante implicado rematou de cabeza con perigo. Foi un espellismo, un fallo defensivo no minuto nove, permitiu nun saque de recanto un cómodo remate dun dos centrais alacantinos. Aí rematou o encontro para os nosos que, dende entón, recibiron un auténtico baño de xogo. O coñecido psicodrama volveu a repetirse: mentres os afeccionados se entretiñan berrando ao adestrador, no terreo de xogo non se percibía capacidade nin tensión nin intensidade nin posibilidade reais ningunhas para conseguir un empate. Sinxelamente desolador este comezo de tempada. Algo haberá que facer. O calendario das próximas tres xornadas agoira que os problemas clasificatorios se poden agravar. Para evitar males maiores, quizais sería sensato estudar a posibilidade de atopar un adestrador da categoría?

2 comentarios
  1. Marcos Piñeiro
    Marcos Piñeiro Dice:

    Manuel, cando falas da veteranía de Rufete, Tote, e Farinós, esqueciches falar da sua tremenda calidade técnica (polo menos para 2ª) e capacidade competitiva. É que por aquí xa pasamos por xogadores cedidos,por “galeguizar” o equipo, logo pola canteira, agora por “xente curtida”, e parece que ninguén se parou a pensar en, simplemente, xente con calidade e competitivos. Sen mirar o carnet de ninguén.

    Dende Pontevedra con celtismo

  2. paco
    paco Dice:

    Eu prefiro un Celtiña como este (con xente de casa e xogo alegre) malia que esteamos moitos anos en segunda.
    Xa sei qeu quere a Fernando Vázquez. Eu aínda me lembro do seu: o xogo non importa, só importa o resultado que baleirou as bancadas en cousa de ano e pico.
    O futbol ten que entreter á xente, como a literatura, o cine ou o teatro. Ten que pagar a pena pagar os cartos que costa un partido que, por certo, é un espectáculo moitísimo máis caro cós outros (o pasado venres, por 5 euros, desfrutei durante dous horas e pico coma un porco nunha fochanca vendo El secreto de sus ojos).
    Eu prefiro un equipo que xogue ben aínda que perda. O d domingo non é un exelpo (xogouse mal), pero o resto de Celtiña do que vai de tempada gústame moito.
    Déixese de trocos polo de agora que aínda estamos de estrea. Ou é que a vostede lle moven a cadeira se os cinco primeiros libros do ano non callan nos letores? Ou é que nos foi mellor de adestrador en adestrador o curso pasado?

Los comentarios están desactivados.