Campo do Fragoso XCIX

GOL MOI DOCE

Daba gloria ver as facianas de ledicia dos seareiros celestes tras o remate do derradeiro encontro deste ano. Tras case catro meses de competición, este Celta cada semana dálle máis folgos as nosas esperanzas e fainos vibrar con maior intensidade na bancada. Non foi doada nin moito menos esta vitoria fronte ao Salamanca, un rival serio que, sobre todo durante a segunda parte, aseñorou o encontro e tivo oportunidades moi claras de bater a Falcón. Cada unha das partes foi para un equipo, a primeira para os de Paco Herrera e a segunda para os charros; aínda que sería máis preciso salientar que cando os conxuntos estiveron igualados mandaron os nosos e cando o Celta estivo en inferioridade numérica mandaron os visitantes. Desta volta aos galegos custoulles case dez minutos fabricar a súa primeira chegada letal, un gol de Quique De Lucas, anulado por dubidoso fóra de xogo, tras unha xogada memorable de Álex López. A partir de aí o noso Messi de Narón, sen dúbida, o mellor xogador sobre a lameira, o mellor celeste da tempada, toleou aos salmantinos cos seus canos, caneos, paredes e xutazos. Esa sociedade de moi alta escola que forman Álex e Trashorras onte durante vinte minutos derrochou as súas esencias e así comezaron a chegarlles oportunidades de pé de banco aos dianteiros celestes que unha e outra vez estragaron David Rodríguez e Quique De Lucas, moi pouco afortunados. Con todo, a ocasión máis xeitosa deste período foi un cabezazo do central Catalá, á saída dun saque de recanto, que detivo na mesma liña o porteiro Biel Ribas, un vello coñecido que repetiu en Balaídos outra magnífica actuación. Cos minutos finais da primeira parte o Celta tivo un baixón de intensidade deitando o partido nese centrocampismo abafante que tanto anoxa aos seus seareiros. Porén, no derradeiro minuto deste período, Roberto Trashorras noutro alustro de xenialidade cruzou un pexegazo que bateu ao gardarredes castelán. O partido puido liquidarse xusto ao comezo da segunda parte, cando David Rodríguez volveu errar, con toda certeza posuído por esa inexplicable síndrome do dianteiro centro diante da porta baleira. A superioridade céltica viuse abaixo un minuto despois cando Ander Murillo, a quen se lle viu un chisco desorientado dende o comezo, foi expulsado por dobre amoestación. A partir de aí o partido complicouse para os nosos unha barbaridade. O traballo desorbitado de Bustos non abondaba, os célticos perderon o control da pelota e devagariño foron pechados diante da súa área. Paco Herrera resolveu retirar a Trashorras do terreo de xogo, substituíndo por Ortega, un central. O adestrador expresaba dese xeito que decidira colocar ao equipo detrás da pelota, defendendo no seu campo e agardando poder aproveitar algún roubo. Foron corenta minutos interminables de defensa meduliana, co equipo todo pechado resintindo os ataques dos helmánticos que puideron marcar en senllos remates á saída de saques de recanto. Nin sequera a saída de Joan Tomás e Dani Abalo aliviou a presión, que só chegou, faltando oito minutos para o remate, cando foi expulsado por tarxeta vermella un dos visitantes. Ensinounos así, este Celta de Paco Herrera que tamén sabe sofrir, que tamén é quen de defender cando non posúe a bola, algo novidoso nun equipo ao que lle gustar sempre aseñorar os partidos de principio a fin. O gol de Trashorras é moi doce, coma o turrón deste Nadal. Unha vitoria traballada que nos deixa apenas a un punto do Raio Vallecano. Este ano 2010 non puido rematar mellor.

3 comentarios

Trackbacks y pingbacks

  1. […] This post was mentioned on Twitter by Manuel Bragado. Manuel Bragado said: «Gol moi doce», a crónica do Celta-Salamanca, http://bretemas.blogaliza.org/2010/12/19/campo-do-fragoso-ic/ […]

Los comentarios están desactivados.