Campo do Fragoso CLXXXV
Intensidade, ledicia, emoción e beleza foron algúns dos substantivos despregados na lameira do vello Balaídos na noitiña do domingo, durante un partido memorable que colocou outra vez ao Celta entre os grandes. Unha vitoria celeste moi traballada, forxada sobre a confianza e autoestima do cadro nas súas posibilidades para superar a un dos mellores equipos do mundo. Un encontro que, como aqueloutro do 4-1 da pasada tempada, lembraremos no futuro cando queiramos explicar a afouteza e a intelixencia coa que escribía os partidos un adestrador chamado Eduardo Berizzo.
Foi unha confrontación fermosa entre dous conxuntos xenerosos que aman a beleza no xogo, procuran o gol e queren levar a iniciativa. Así saíu o Barça de Luís Enrique, un adestrador respectado en Vigo polas súas conviccións, aseñorando a bola no cuarto de hora inicial de tenteo, liderado por un Neymar moi activo, disposto a facer esquecer ao lesionado Lionel Messi. Mais os de Berizzo non agardaron moito para abrirse a campo aberto, adiantanto a súa liña de presión sobre o triángulo formado por Busquets e os seus centrais, Piqué e Mathieu. Berizzo sabía que nas biqueiras desas tres torres, onde nacían todas as xogadas do Barça, podería atopar algún furado. Unha estratexia arriscada na que foi esencial o sacrificio de Hernández e dun renacido Daniel Wass, o domingo na media punta, e a verticalidade do incansable Iago Aspas, que foron incrementando o umbral da intensidade da súa presión até conseguir rebentar polo medio e medio a defensa catalá.
Así naceron os tres primeiros goles do Celta en once minutos inesquecibles. O primeiro, no 22, cando Radoja recuperou unha pelota que enviou a banda esquerda, onde Aspas trazou unha diagonal diabólica cruzada á rede por Sisto preto da área pequena. Recuperación, carreira e remate, unha fórmula que se repetiría nove minutos despois, cando Mallo aproveitou unha pelota perdida por Busquets que enviou sobre a mesma banda onde Aspas correu, caneou e disparou sobre o pau longo, un gol de moita valía. Situación que se repetiu un minuto despois, cando Wass, tras outra perda da defensa catalá enviou sobre o Astro de Moaña, preparado para o remate, o que evitou Mathieu marcando en propia meta. Tres goles que fixeron estralar os foguetes da ledicia e o orfeón da bancada.
Todo mudou na reanudación cando entrou na lameira Iniesta, substituíndo a un Rafinha moi abaixado en Balaídos. O Barcelona púxollo moi difícil ao Celta. En pouco máis dun cuarto de hora meteu dous goles, dirixido pola temperanza do seu capitán e impulsado pola enerxía de Piqué, que soubo adiantarse a Sergio nunha cabezada dun saque de recanto. Un gol que meteu aos de Luís Enrique no partido e durante uns minutos fixo dubidar aos de Berizzo. Xaora, a xogada decisiva do partido, o cuarto gol do Celta, produciuse cando o Barça máis asediaba. Porén, a confianza de Hernández levouno a continuar presionando a saída da pelota de Ter Stegen, que foi incapaz de superalo, facilitando así a cabezada ao pao esquerdo do chileno. Un lance que algúns poden considerar unha xogada desafortunada do porteiro alemán e outros cremos unha xenialidade froito da teimosa presión a campo aberto do cadro de Berizzo.
Tras o terceiro gol catalán, un centro marabilloso do noso benquerido Denís Suárez, rematado de forma inapelable por Piqué, o partido discorreu polos territorios do sufrimento e da resistencia que por ventura o Celta sabe xestionar cada vez con maior soltura. Así chegou unha vitoria tan merecida como axustada. A saída do estadio preguntabámonos, diante deste grande espectáculo futbolístico, cantos millóns se incrementaría no mercado do extremo oriente o valor deste Celta de Berizzo.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir