Campo do Fragoso CXLIX
Son oubiñista de corazón, admiro a Borja Oubiña pola calidade do seu xogo e polo incrible esforzo de vontade e disciplina que lle permitiu renacer como xogador de máximo nivel tras unha longuísima lesión. Porén, é inevitable recoñecer que ao longo dos últimos meses o noso gran capitán ofrece síntomas de que precisa relevo e descanso, canto menos na continuidade da titularidade, coma quedou sobradamente demostrado onte. Regresaba Oubiña ao cadro, tras dous partidos ausente, acompañando a Álex López na medula. Por desventura, a parella de medios galegos non tivo un bo comezo de partido, sobre todo o noso capitán, impreciso no pase, incapaz de parar a uns rivais encoraxados, mais sobre todo, ralentizando o ritmo de xogo, colocando unha ou dúas marchas por debaixo da que o equipo utilizou nas dúas últimas vitorias. E o Celta, con menos intensidade e dinamismo, xogando cun ollo aberto e outro a piques de pechar, resentiuse agasallando un fato de esperanzas, durante case unha hora de xogo, a un Xetafe moi necesitado de puntos. Unha mágoa!
En plena empanada celeste, cando non transcorreran vinte minutos, Lafita aproveitou un saque rápido de falta superando a un Yoel ao que sorprendeu adiantado. No gol do ex-deportivista rematou toda a produción atacante do equipo visitante que co marcador por diante colocou dúas nutridas liñas defensivas coma valado meduliano. Desorientado polo tanto, tardou o Celta un cuarto de hora en responder cun gran saque de falta de Orellana ao longueiro. Durante este período, os de Luis Enrique contaban coa pelota, Rafinha e Orellana conducían os ataques, mais non concretaban superioridades claras. A piques de rematar a primeira parte, foi Augusto Fernández o autor dunha excelente caneada que rematou cun xute ao pao esquerdo, e Orellana doutro pexegazo que o porteiro Moya chapou in extremis.
Tras a reanudación, unha das claves do partido foi a rápida expulsión do central Lisandro, o que deixou aos madrileños en notable inferioridade. Outra, a determinante, foi a entrada de Krohn-Dehli, relevando a Oubiña no manexo do temón do equipo. Do primeiro toque vertical do danés sobre Rafinha naceu no minuto 58 o extraordinario gol do brasilego, tras superar a todos os defensas que lle saíron ao paso e, gañada a frontal da área, xutou con precisión sobre o pao esquerdo. Un gol de auténtica figura, extraordinario, fermoso na execución tanto polo debuxo da diagonal do caneo coma pola potencia do disparo. Co marcador igualado e recuperada a velocidade que lle imprime Krohn ao xogo, o Celta aseñorou toda a segunda parte, con outro recital de posesión, de xogo e de vontade gañadora. Mereceu un segundo gol. Tívoo na biqueira de Álex, máis tarde na de Augusto que quedou só diante do porteiro e logo Orellana, tras unha asistencia xenial de Rafinha. O Xetafe resistiu semellante temporal coma mellor puido, tratando de romperlle o ritmo ao partido, ao que non foi alleo o recital innecesario de cartóns amarelos do árbitro. Nolito, un xogador que aparece só nos minutos finais para intentar concentrar neses momentos decisivos todas as súas esencias, enviou un formidable pexegazo ao pao no desconto. O Celta merecía un segundo tanto, mais desta vez non houbo a fortuna que sobrou en Vila Real. A pesar da frouxa primeira hora, os trinta minutos finais amosaron que o Celta continúa na boa liña de xogo, conta cun cadro de referencia sólido, onde existen alternativas, coma demostrou o relevo asumido por Krohn para reorientar completamente a deriva do partido. Por riba, o empate permite que sexan xa cinco os partidos sen perder, outro pasiño máis para acadar o obxectivo dos corenta puntos que aseguren a permanencia
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir