Campo do Fragoso CLIV

celta_realCO MEL NOS BEIZOS

Tras medio partido marabilloso, o Celta non foi capaz de manter a súa vantaxe diante dunha magnífica Real Sociedade. Xaora, o empate foi xusto xa que o partido foi equilibrado. Os celestes deron un auténtico recital durante case media hora da primeira parte e un pequeno treito da segunda. E os txuri urdin mandaron ao comezo e asoballaron na media hora final da súa igualada. Un partido semellante a varias viradas nunha montaña rusa, con subidas e baixadas taquicárdicas para a bancada, intenso e extenuante para os xogadores de ambos dous cadros.

A arrincada correspondeu aos donostiarras. Non nos sorprendeu, sabiamos que esta Real de Jagoba Arrasate é un equipo ben deseñado, sólido tacticamente, respectuoso co balón, coraxudo e intenso até o límite na súa actitude. Durante vinte minutos o control do xove Pardo e o toque de Granero no medio do campo e a enorme mobilidade de Vela, Canales e Xabi Prieto, abrindo espazos polas bandas ou caendo polas fisuras dos centrais, desconcertaron aos de Berizzo que sofren cando non teñen o balón. A Real procuraba o gol con ansia. Primeiro, Sergio salvou coa biqueira, in extremis, un remate en solitario de Xabi Prieto tras un gran servizo de Granero. A seguir, Vela, aquel xogadoriño do Arsenal cedido hai anos ao Celta, hoxe unha figura, xutou dende lonxe con intención. Despois, unha cabezada de Elustondo saíu desviada. A Real metía medo.

Durante esta virada os nosos resistiron con paciencia, procurando con balóns longos abrir espazos nas pelexas de Larrivey cos centrais txuri urdin. Froito dunha delas Álex quedou con todo o balón só diante do porteiro, mais non acertou a rematar. Sen lamentalo dúas veces, a estrela de Narón desquitouse decontado. Das súas biqueiras naceu unha recuperación en campo propio, na que xirando arredor de si se desfixo de tres rivais e pasou o balón sobre Orellana, que recibiu á altura da liña do medio campo. O internacional chileno correu uns metros e cambiou de banda sobre Nolito que tras dous pasos enviou sobre Krohn-Dehli. O danés encarou a defensa cun centro que na área pequena o pichichi Orellana cabezou só ás redes. Un gol combinativo extraordinario, unha gran xogada de contraataque que supuxo outra virada no partido. Xa co taboleiro de marcas por diante, o Celta monopolizou a pelota. Até o remate da primeira parte, volveu ese fútbol de salón que tanto gusta en Balaídos, con combinacións de fantasía, trazadas sobre os espazos interiores baleiros e mantendo as axudas defensivas. Unha marabilla! A festa continuou tras a reanudación, cando aos tres minutos, froito doutra grande xogada combinativa, Larrivey marcou de barriga tras un centro preciso de Orellana.

A pesar do 0-2, Arrasate non deu o partido por perdido e introduciu decontado a Chory Castro e Agirretxe, dous dianteiros decisivos para introducir outra virada no escenario. Nesa fase do encontro o adestrador txuri urdin gañoulle a partida a Berizzo, que como xa sucedera en Córdoba, non soubo xestionar dende o banco a vantaxe. Con todo, foron unha intervención desafortunada de Sergio, que non atrapou un xute do Chory Castro, e a lesión do capitán Cabral, as circunstancias que facilitaron aos vascos o camiño do empate. A entrada dun lentísimo Hernández non osixenou o medio campo dun extenuado equipo celeste que nos derradeiros dez minutos foi arrasado polo ataque realista. A pesar de contar nese tempo con moitas oportunidades, un pao incluído, os donostiarras só conseguiron empatar no derradeiro minuto do desconto grazas á casualidade do gol en propia meta de Jonny. Así de caprichoso éche o fútbol. Quedamos co mel nos beizos. Apenas unha pequena decepción para un gran partido.

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *