Bonobús metropolitano
No artigo da semana en Faro de Vigo volvo sobre o transporte metropolitano na área de Vigo.
Erraría o alcalde Abel Caballero se suprimise o bonobús a aqueles usuarios de Vitrasa que non están empadronados en Vigo. Presentada co celofán do viguismo corresponsable (“os vigueses non imos pagar o transporte dos veciños doutros concellos”) e coa intención de aumentar o censo para superar a difícil barreira dos 300.000 habitantes, é probable que a medida sintonice co sentimento dunha parte da cidadanía, á que nestes momentos de crise e de ensanchamento da fenda social se lle está solicitando importantes esforzos fiscais por parte dos gobernos de Feijoo e Rajoy.
Porén, superado o impacto desta primeira lectura, non parece que a posta en vigor dunha medida, que diferenza aos usuarios do transporte público entre vigueses e non vigueses, sexa unha boa idea. En primeiro lugar por que no eido do simbólico estragaría o capital de lexitimidade acumulado dende décadas polo concello de Vigo como líder indiscutible, como cidade en bisbarra, acolledora, aberta e cosmopolita, como territorio urbano de referencia laboral, sanitaria, administrativa, comercial e de servizos de lecer e cultura para unha ampla área metropolitana de medio millón de persoas. En segundo, porque introduciría un criterio de inequidade no acceso dos cidadáns a determinados servizos públicos.
Un veciño das Catro Pontes de Chapela, barrio onde viven dez mil persoas, por onde pasa a liña C3 de Vitrasa, non tería dereito a contar coa tarxeta de transporte urbano, mais si podería acceder a un billete subvencionado polo concello de Vigo para viaxar en avión de Peinador a Tenerife. O mesmo lle acontecería a un traballador do sector naval das factorías de Beiramar ou de Ríos que se desprazase en barco dende Cangas onde ten o seu fogar. É ben difícil entender que se subvencionen viaxes en avión con carácter xeral e non se faga con traxectos de transporte público de usuarios de concellos metropolitanos que acuden diariamente ao seu posto de traballo na cidade central.
Ademais, o novo sistema obrigaría a personalizar todas as tarxetas en vigor, cos custes que isto supoñería. Como todo parece indicar que os aforros económicos obtidos non compensarían o carácter disuasorio da medida para o emprego do transporte colectivo, o que conlevaría unha nova rebaixa do número de viaxeiros de Vitrasa (no pasado ano volveu quedar por debaixo dos vinte e dous millóns de viaxeiros anuais), a probable redución dos itinerarios das liñas de Vitrasa que chegan aos límites doutros concellos (Chapela, Saiáns, Zamáns, Puxeiros?). Non é difícil prever que se producirían novos problemas de tráfico, estacionamento e maior contaminación. En definitiva, unha medida que supoñería aforros discutibles e pouco axudaría a mellorar a mobilidade interna.
Tras esta remota posibilidade, na que identificamos apenas un aceno de retórica electoralista da alcaldía viguesa, agóchase a imposibilidade do concello de Vigo de acordar coa Xunta de Galicia e co resto dos concellos da Mancomunidade de Vigo a incorporación da área de Vigo ao Plan de Transporte Metropolitano. É inadmisible que a nosa área metropolitana sexa a única que non se incorporou a un plan concibido para mellorar a mobilidade e accesibilidade na contorna das áreas metropolitanas de Galicia por medio dun billete único de transporte público colectivo, que sirva como alternativa eficiente e atractiva ao emprego do vehículo privado. Un plan que funciona de forma satisfactoria dende hai tres anos na Coruña, Santiago e Ferrol, ao que se incorporou Lugo hai case dous anos e no que Ourense está en proceso de integración nunha primeira fase dende 2012. O que supón que a veciñanza de todas estas áreas metropolitanas galegas goza de descontos (sufragados cos fondos da Xunta de Galicia e dos concellos) cada vez que paga con estas tarxetas laranxas (que non teñen carácter nominativo) pola utilización das liñas de transporte urbanas ou metropolitanas.
Sabemos que foron e son dificultades de interlocución política e dun inxustificable bloqueo institucional as que impediron até agora a incorporación da área de Vigo a este sistema que permite a creación dun “bonobús metropolitano” no que os usuarios pagan polo número de saltos que realizan e no que están bonificados os transbordos e a recorrencia (un desconto a maiores do 15 %, se realizan máis de 40 viaxes mensuais). Os primeiros responsables do concello de Vigo e da Xunta de Galicia, Abel Caballero e Alberto Núñez Feijoo, teñen a obriga de chegar a un acordo para poñer en marcha un sistema que beneficiaría a case medio millón de usuarios potenciais do transporte público. Mentres, a veciñanza metropolitana viguesa, a da cidade de Vigo e a dos concellos metropolitanos, continuará discriminada inxustamente con respecto a outras áreas urbanas do país.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir