BlogDay 2010

Seguindo a tradición de cada 31 de agosto recomendo cinco novos blogs que descubrín ao longo deste ano:

  1. Carta xeométrica: unha referencia diaria de rigor no combate cívico a prol da lingua galega.
  2. Planeta dos Equipos de Normalización Lingüística: un agregador dos cada día máis numerosos blogs dos Equipos de Normalización Lingüística. Unha ferramenta imprescindible na loita cívia da lingua, un recurso didáctico utilísimo.
  3. ebouqin, un espazo en francés sobre o libro electrónico que achega un contrapunto interesante á visión anglosaxona.
  4. Caustic Cover Critic, un referente para o noso traballo portadístico e de comunicación editorial.
  5. Bibliobsession, un bibliobog fermoso dun xove bibliotecario francés.
4 comentarios
  1. caralladas
    caralladas Dice:

    Asi falaba Manuel Bragado hai catro anos no blogday: “chamoume a atención a opinión do escritor Xabier Cid valorando que o “blogomillo xa non pode ir a máis” e propoñendo unha evolución cara a produción multimedia. Creo que Cid, un dos nosos profesionais pioneiros na edición electrónica, acerta de cheo. A comunidade blogueira galega de hoxe non é a de hai un ano. Hai moitos máis blogs e máis diversos, hai menos enlaces entre eles e, quizais, menos entusiasmo comunitario. Non hai dúbida de que a irrupción durante este ano do fenómeno you tube e no caso galego do chuza (referencia ineludible para todos) modificaron a escrita e a lectura no blogomillo. Como teño sinalado noutras ocasións, entendo que a clave non está no actual soporte blog (moi enriquecido dende que apareceu hai apenas cinco anos), senón nas posibilidades de comunicación e creación do que Cassany denomina literacidade (crítica) e electrónica”.

    Que opina hoxe do fenómeno blog?

    Tamén chamoume a atención o seu blogday hai 5 anos xa: País da esperanza, http://bretemas.blogaliza.org/2005/08/31/pais-da-esperanza/ “Regresamos convencidos, por se tiñamos algunha dúbida, de que Brasil somos nós. Este é o país da esperanza, o espazo máis futurista da humanidade, onde a barbarie da insostenibilidade do modelo urbano dá a man en calquera recanto ás experiencias socialmente máis transformadoras que se están xerando”.

    Ahi deu de cheo!!

  2. bretemas
    bretemas Dice:

    Moi obrigado, caralladas, por recuperares anotacións de hai tanto tempo destas brétemas. Se daquela a aparición de you tube comezaba a modificar os blogs, agora a omnipresenza de Facebook amosa que non estaba errado cando insistía en que a clave estaba nas posibilidades da textualidade electrónica, aínda hox einsuficientemente aproveitadas. O blogomillo x anon existe como espazo de conversa, xa que ese intercambio esta no twitter galego (cun grande crecemento nos últimos meses e para o que habería atoparlle nome “tuimillo”, quizais?) e, sobre todo, en Fb. Creo que agora só medra a rede de blogs escolares, xa que o soporte como tal é magnífico para a alfabetización informacional do alumnado. Hoxe, ao meu entender, o auténtico blogomillo está no Planeta dos Equipos de Normalización Lingüística. Con todo, o blog continúa sendo o cerebro de cada unha das identidades dixitais, xa que serve como arquivo privilexiado (velaí como mostra, o teu comentario) e como espazo de consulta ou lectura máis demorada. Como sucede na escrita analóxica, as posibilidades técnicas son posibilidades creativas. Tampouco é alleo á nova situación dos blogs de temática xeralista á baixada de visitas. Na rede mudou o tráfico. A maior parte camiña cara a Fb, outra cara os blogs moi especializados ou de debate (velaí o corpo formidable dos blogs como Renovar o BNG) e outra á consulta rápida das actualizacións dos seus feeds. Eu mesmo perdín un chisco de entusiasmo na publicación do blog e intensifico a miña presenza en twitter, hoxe a miña ferramenta preferida, publicando e lendo dende o meu androide. Nestes seis anos de blog mudaron moitas, moitas cousas. Como pridicimos hai tempo, supoño que asistiremos á morte dos blogs antes que se produza a dos libros impresos. Está escrito no seu ADN. Que ferramenta será a que os substitúa?
    Obrigado, tamén, por lembrar aquela viaxe a Brasil que magoadamente non puidemos repetir nese tempo. Sigo crendo que ¨Brasil somos nós», claro que si.
    Saúdos afectuosos.

  3. Cibrán
    Cibrán Dice:

    Que podo dicir? Que ando algo abrumado por que neste blogue, referencia dos escritos en galego, se faga mención do rascuño que, con moito traballo, deixo pola arañeira. E se digo “con moito traballo” non é por falsa modestia, senón pola miña ineptitude co uso das TICs. Por poñer un exemplo, intentei trasladar o meu blogue ao blogaliza, e despois de estar varias horas pasmado diante do ordenador, tiven que deixar as cousas como estaban.
    Moi mal deben andar as cousas do galego cando un profesor de matemáticas, ignorante dos máis básicos fundamentos da filoloxía ou da sociolingüística, teña que estar a manter un blogue sobre a cuestión. E xusto agora, que se comenza a falar da defunción do fenómeno blogueiro.

    Saúdos e grazas.

  4. caralladas
    caralladas Dice:

    pois eu que quere que lle diga, a min o twitter ese non me fai graza ningunha. Antes predigo a morte do twitter que a dos blogues, pero bueno, xa se verá.

    Saúdos tamén a Cibrán e o seu estupendo blog.

Los comentarios están desactivados.