Biblioteca en Travesas
No artigo da semana en Faro de Vigo abordo a posibilidade de ubicación da nova Biblioteca Pública de Vigo nos terreos do Chouzo:
Neste espazo levamos reclamando dende hai máis de quince anos que o Ministerio de Cultura construíse en Vigo unha Biblioteca Pública de Estado, instalación coa que contan todas as capitais de provincia españolas e outras grandes cidades como Santiago de Compostela. Unha infraestrutura comunitaria imprescindible para asegurar o acceso á información e promover o fomento da lectura e a alfabetización informacional da poboación dunha rexión urbana de máis de medio millón de habitantes, que arrastra un dos máis elevados déficits de dotación bibliotecaria de España. Unha biblioteca pública de nova xeración, ademais, capaz de constituírse en nodo e referente para unha rede bibliotecaria metropolitana capaz de facilitar acceso a todo tipo de información (textual, sonora e audiovisual) e a toda clase de documentos e soportes, sexan impresos, dixitais ou ofrecidos en liña.
Unha xusta reivindicación que despois de moitas tirapuxas políticas foi recoñecida polo Goberno de España presidido por Zapatero, incluíndo dende entón en diversos Orzamentos Xerais do Estado unha cantidade próxima aos dez millóns de euros para o proxecto, coa única condición de que o concello de Vigo cedese os terreos para a súa construción. Dende entón, os gobernos municipais barallaron diversas opcións para a súa ubicación, máis ou menos desaxeitadas, dende o edificio da Escola de Artes Oficios, pasando por unha das plantas do Auditorio Mar de Vigo até a proposta máis ilusionante de recuperación da Panificadora, a nosa catedral laica, cada vez máis arruinada, mais até agora todo quedara en auga de castañas, o que supuxo a paralización do proxecto por parte do goberno de Rajoy e a desaparición da partida do orzamento.
Por ventura, tras a acertada iniciativa da Xunta de Galicia de propoñer a ubicación de todas as infraestruturas xudiciais viguesas no edificio do Hospital Xeral, o que achegará un importante pulo ao barrio de Casablanca, no tapiz municipal vigués podería producirse unha carambola milagrosa que permitiría contar co soar do Chouzo, adquirido polo concello para ubicar o terceiro edificio xudicial, para construír alí a Biblioteca Pública do Estado e contar cunha nova zona verde. Unha posibilidade pola que aposta o alcalde Abel Caballero, que pretende ademais que a Xunta ceda ao concello os actuais edificios xudiciais, para a súa utilización como dotacións culturais e sociais.
Unha solución que redundaría no incremento da actividade comercial, hosteleira e cultural da zona de Travesas, Coia e Torrecedeira, onde están cinco dos máis antigos institutos públicos Secundaria e os dous primeiros centros universitarios da cidade, ao tempo que convertiría ao barrio do Chouzo, onde xa está o Colexio Público de Primaria e o Instituto Municipal de Educación, na auténtica factoría cultural e educativa viguesa do século XXI. Unha posibilidade moi atractiva que os informes técnicos de urbanismo deberían avalar e os acordos políticos interinstitucionais rubricar mais que nunha primeira ollada semella redonda, xa que despois de máis dunha década desbloquearía dous dos asuntos municipais urxentes de máis difícil saída, o da construción da Biblioteca Pública e a instalación da Cidade da Xustiza.
Desbloquear o proxecto da biblioteca do estado, que non esquezamos sería construída con fondos estatais, mais xestionada despois pola Xunta de Galicia dentro da súa rede de bibliotecas nodais, obrigaría a retomar o proxecto da creación dunha auténtica rede municipal de bibliotecas de Vigo como a que conta o concello da Coruña, un bo modelo no que referenciarse. Unha rede da que formarían parte como trabes a actual Biblioteca Central de Vigo do Casco Vello e a Biblioteca Municipal Xosé Neira Vilas, ambas as dúas de propiedade municipal, aínda que xestionadas de forma ben distinta, así como as novas bibliotecas municipais que se deberían instalar en Bouzas, Teis e Navia.
Rede bibliotecaria á que sería moi conveniente engadir unha Biblioteca Municipal de Estudos Vigueses García Barbón, cuxa creación ben podería comezar pola dotación bibliográfica e hemerográfica que sobre a historia da cidade se conserva na Biblioteca da Escola de Artes e Oficios, unha desoutras alfaias descoñecidas da cidade. Rede bibliotecaria que debería colaborar coa montada pola Universidade de Vigo, que conta cunha biblioteca na rúa Torrecedeira, e coa que a UNED puidese instalar na súa futura sede do Auditorio Mar de Vigo. Con todo, o reto principal desta rede bibliotecaria é asumir a súa condición de servizo metropolitano, tanto pola posibilidade de utilización dos seus fondos como da programación das súas actividades por parte de bastante máis de cen mil persoas asociadas. Ilusionan as posibilidades que abriría a gran Biblioteca de Travesas.
Ótima idea. Precisamente nestes meses de verao, por primeira vez desde que abriu, a biblioteca das Travessas, de Abanca, está fechada, deixando com ainda menos oferta cultural toda a área do município onde está situada.
Umha grande biblioteca como a que propós seria magnífica. Tamém seria umha ocasiom óptima para recuperar o topónimo sem a ultracorreçom: Chouso (do lat. CLAUSU).