Arquitecto Jenaro de la Fuente
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á monografía que sobre o arquitecto Jenaro de la Fuente publico Jaime Garrido no Instituto de Estudios Viigueses:
Jaime Garrido Rodríguez acaba de publicar unha extraordinaria monografía sobre Jenaro de la Fuente Domínguez, o gran artífice do ensanche vigués, o arquitecto máis prolífico en Vigo entre as dúas últimas décadas do século XIX e as dúas primeiras do XX. Editado polo Instituto de Estudios Vigueses en grande formato, o libro recolle en catrocentas páxinas tanto o percorrido biográfico do arquitecto vigués como a catalogación dos seus edificios construídos ou dos que quedaron como arquitectura só debuxada.
Libro definitivo de afán divulgativo asombra pola minuciosidade das descricións arquitectónicas, o rigor na análise do contexto urbanístico da época e pola exhaustividade da investigación histórica, na que destaca a achega de abundante material gráfico, sexan fotos como alzados e planos rescatados do arquivo municipal e refeitos e dixitalizados con enorme paciencia polo autor. Libro esencial para comprender o bulir urbano do Vigo de hai un século, cando comezou o seu espertar metropolitano, cubre o oco que faltaba na bibliografía sobre a tríade de mestres da arquitectura viguesa daquel tempo, xunto a Michel Pacewicz e Manuel Gómez Román cos que o propio Jenaro de la Fuente compartiu traballos e mesmo chegou a asinarlles algún ca outro para a súa legalización.
Chegado a Vigo en 1874, cando a cidade contaba apenas doce mil habitantes, Jenaro de la Fuente Domínguez foi destinado á Comandancia de Enxeñeiros de Vigo. Anos despois sería un dos primeiros profesores (de debuxo) da Escola de Artes e Oficios, institución educativa á que se sentiu moi vinculado, fose cando estaba ubicada nun chalet da rúa do Circo (1886) como cando se mudou ao edificio actual deseñado por Pacewicz na rúa Pontevedra (1904). Casado en Vigo en 1886 con Isolina Álvarez, pai de catro fillos (o maior, Jenaro, tamén arquitecto), este autodidacta de cativa estatura simultaneou a súa actividade como enxeñeiro militar e docente co seu emprego, dende 1894 até os días do seu pasamento en 1922, como director facultativo de obras municipais, o que (cousas dunha época onde non existían as incompatibilidades actuais para os funcionarios públicos) non lle impediu a realización de moi numerosas edificacións civís para particulares, algunhas moi destacadas.
Transcorrido máis dun século, consérvanse boa parte das obras (nalgúns casos só as fachadas) de Jenaro de la Fuente Domínguez e a súa pegada é recoñecible no Vigo de hoxe, sobre todo no que foi o primeiro ensanche, o deseñado a comezos da década de 1880 polo arquitecto Domingo Rodríguez Sesmero, coincidindo co pulo urbanístico, industrial, comercial, demográfico, social e cultural, que levou a cidade a superar os 50.000 habitantes a comezos de 1920, conformando o ADN da cidade central actual. As construcións pétreas de Jenaro de la Fuente son hoxe doadamente identificables tanto por tratarse de vivendas burguesas ás que se lle deu moita importancia aos miradores á rúa (ventanais abalconados ou galerías de madeira) como pola profusión ornamental das súas fachadas, nas que se presta atención especial ás partes altas onde adoitan aparecer varias bufardas entre dinteis, medallas e modillóns.
Son edificios conservados de Jenaro de la Fuente o de Príncipe 37, a súa primeira obra (1878), onde estivo instalada a Papelería Española e as sete casas encargadas polo conde de Torre Cedeira, entre Velázquez Moreno e Policarpo Sanz, que conformaron a edificación máis luxosa do seu tempo (1879-1884), hoxe transformada no Centro Social de Afundación. Son tamén, entre outras, obras súas o Hotel Universal (1888), nas Avenidas; o edificio Ferro (1889), hoxe Biblioteca Central; o edificio Arbones (1892), en Elduayen 4; o Ledo (1893), na Porta do Sol ou o Lorenzo Rodríguez (1893), en Elduayen 2, recentemente rehabilitado de forma moi lograda. Xaora, a súa obra principal foi o edificio “Bonín” da rúa Areal 40 e 42 (1909) onde sintetizou a grandiosidade ornamental da súa arquitectura.
Garrido non esquece neste catálogo os edificios desaparecidos de Jenaro de la Fuente, como o precioso “Rubira”, entre Colón e García Barbón, construído en 1905 e derrubado en 1967, unha das maiores aberracións do portanetismo. Lista de caídos pola piqueta á que habería que engadir o mercado do Progreso (1906) e a fábrica de conservas de Antonio Alonso (1902). Como tampouco deixa fóra as obras construídas fóra de Vigo como o concello de Gondomar (1906), o Gran Hotel de Mondariz (1898), o Balneario Acuña de Caldas de Reis ou o extraordinario Palacio “Lourizán” (1909), residencia de Montero Ríos.
Un libro, pois, completísimo e necesario, indispensable para todos os que pretendan coñecer mellor e lembrar como emerxeu o Vigo pétreo que aínda conservamos. Parabéns por estoutra marabilla a Jaime Garrido, o primeiro estudoso e defensor do noso patrimonio.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir