A Cruz dos Caídos

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a sentenza que obriga ao concello de Vigo a retirar a «Cruz dos Caídos».

cruz-caidos-2A chamada “Cruz dos Caídos” do monte do Castro deberá ser retirada tras a sentenza do 4 de setembro do Xulgado do Contencioso-administrativo número 2 de Vigo. Acéptase así o recurso presentado pola Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36 contra a resolución do Goberno Local de Vigo de marzo de 2013 que rexeitaba a súa solicitude de retirala, ao fío do establecido pola “Lei de Memoria Histórica” de 2007. Unha sentenza modélica para o avance do proceso de recuperación da memoria en Galicia que evidencia a falacia dos argumentos daqueles que defenden manter en pé un monumento sen valores artísticos ningúns que funcionou durante medio século como símbolo da exaltación da sublevación militar, da Guerra Civil, da represión e da ditadura franquista.

Lembremos que a “Cruz dos Caídos” foi inaugurada o 14 de setembro de 1961 por Franco, nunha xornada marathoniana na que chegou a Vigo a bordo do Azor, visitou primeiro a Estación Marítima recén construída, despois a factoría das furgonetas de Citroën, inaugurou a dos Alfares de Pontesampaio e rematou nas illas Cíes inaugurando un monolito de dezasete metros de altura a el dedicado polas falanxes pontevedresas, demolido hai seis anos pola Xunta. A “Cruz dos Caídos” fora construída polo concello de Vigo a proposta da xunta local de Falange en 1959, no marco dunha campaña que inzou as cidades deste tipo de monumentos cos que se pretendían homenaxear aos “caídos por Deus e por España”, como a propaganda da ditadura chamaba ás vítimas do bando nacional. Dende a súa inauguración, ao pé da cruz do Castro organizáronse actos políticos de exaltación do réxime e lembranzas cada 20 de novembro da figura de José Antonio. Foi tamén alí o lugar escollido polos franquistas vigueses, como quedou recollido pola cámara de Magar, para homenaxear ao caudillo tras o seu pasamento.

A redacción desta sentenza do maxistrado xuíz Antonio Martínez Quintanar desmonta os argumentos utilizados polo concello para evitar a retirada da cruz do Castro. Primeiro, o monumento non ten nin nunca tivo significación relixiosa, a pesar de que a igrexa católica participase na súa inauguración e noutras cerimonias políticas. Segundo, a pesar de que lle foron retirados algúns elementos iconográficos e lemas fascistas, o monumento conserva o seu significado propagandístico e simbólico da sublevación militar golpista e dos vencedores da Guerra Civil tanto pola súa ubicación estratéxica como pola súa estética e deseño arquitectónico prototípico. Terceiro, o monumento non pode ser considerado como un símbolo de reconciliación e paz, xa que a pesar do acordo municipal de 1981, adoptado por unanimidade sendo alcalde Manuel Soto, ningún dos gobernos locais seguintes, por razóns diversas, chegou a colocar alí a placa acordada coa lenda “Polos mortos na Guerra Civil 1936-1939” nin nunca se rebautizou como “Monumento aos caídos”. En definitiva, a sentenza amosa que a “Cruz dos Caídos” non pode ser considerada como un espazo nin relixioso nin de reconciliación. Xaora, esta peza funciona como ferida aberta na memoria dos cidadáns que sufriron a represión franquista e dos seus familiares, e tamén como símbolo permanente da exaltación dun ideario antidemocrático, por ventura xa superado. Esquecer o que representa historicamente este tipo de pezas arquitectónicas da ditadura, negar a súa inequívoca connotación antidemocrática ou minusvalorar a súa transcendencia actual son tres formas da mesma estratexia de intentar convertir á ditadura de Franco nun inocente réxime autocrático. Algo tan inxusto como inasumible para os familiares que aínda agardan a recuperación da memoria e a xustiza negada até hoxe para os seus.

Non teño dúbida que o concello de Vigo debe acatar a sentenza e retirar decontado a “Cruz dos Caídos” e os baixorrelevos de soldados e mariños que se conservan ao pé do Castro. Adoptando esta decisión, os membros do goberno municipal socialista presidido polo alcalde Abel Caballero expresarían a súa inequívoca convicción democrática e respecto pola memoria republicana. Como creo que é imprescindible que os concelleiros vigueses do Partido Popular abandonen a súa posición belixerante coa desaparición de todos os símbolos da Ditadura e da sublevación militar dos espazos públicos e a súa morneza na critica do franquismo e das súas prácticas autoritarias e antidemocráticas.

Unha vez desaparecida a “Cruz dos Caídos” da aba do monte do Castro, a carón do Campo de Granada, debe ser transformado no espazo vigués da reconciliación, da memoria e da paz. Realizar alí un acto civil de homenaxe ás vítimas da represión e de exaltación dos valores democráticos é imprescindible para conseguilo.

1 comentario
  1. xos
    xos Dice:

    Unha das cousas que me amola é que Vigo sexa noticia nacional agora por esta cousa tan retrógrada (falo da negativa de Caballero a derrubar a cruz), cando é una cidade que efectivamente non ten rastro do fascismo no rueiro, algo case inédito en España, pero por culpa de Caballero xa parecemos unha cidade máis, nalgo que nos diferenciaba en positivo.

    Responder

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *