Campo de Granada
Débolle esta imaxe ás pesquisas de Lolo na colección de Vida Gallega. Recolle un mitin agrarista que alá polos anos vinte se realizou no Campo de Granada, espazo situado moi preto de onde hoxe se ubica a casa do concello de Sal. Esta fotografía ten singular importancia para min, xa que hai seis anos iniciei a colaboración semanal no Faro co nome deste noso antigo campo da feira. Empregando este topónimo, un espazo que de pequecho era unha grande explanada de terra onde se plantaban os circos, intentaba expresar a miña intención de colaborar na conformación dunha identidade cidadán de Sal, acrisolada tanto na memoria como na máis rabiosa contemporaneidade. Remoín moitas veces nas coleccións de Pachecho e Llanos e nunca atopara foto ningunha desta frondosa carballeira da que tanto me falara a miña avoa Maruja. Cidade de Sal, revolcada, abella da ribeira de xenerosidade escueta, foi tamén vila campesiña e aldeana. Grazas a Lolo por atopar esta evidencia que tantas veces eu procurei sen fortuna.
Un topónimo ben bonito!
Antes de saber de qué trataba o post, pensaba que ías falar da cidade andaluza… Outra cousa que se me ocorreu ó ver as árbores da foto é que foran granados… Non eran, non, que son demasiado esveltos.
Daquela, a que vén ese nome?
De todos os xeitos, que gloria ver en Sal unha carballeira!
Aperta.