O transporte a Cíes
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao conflito do transporte a Cíes:
O caos que se produciu o pasado domingo, que afectou a dúas mil persoas que contrataran a súa viaxe ás illas Cíes dende os portos de Vigo, Cangas e Baiona, pon en evidencia o fracaso deste modelo de transporte na ría de Vigo que semella moi dificilmente compatible coa proteccións dos valores da primeira alfaia do Parque Nacional das Illas Atlánticas, o espazo para o que a cidade de Vigo reclama o seu recoñecemento pola Unesco como Patrimonio da Humanidade. O feito de que a Garda Civil o domingo impedise o acceso ás illas a estes turistas, que acudiron ao reclamo do feitizo das Cíes e a súa condición de “mellor praia do mundo”, a pesar dos prexuízos que a eles ocasiona e polo que deben ser resarcidos como consumidores, é tan lexítimo como necesario xa que debe ser respectado o aforo máximo de tres mil persoas, das que cada día 2.200 son visitantes, e 800 as aloxadas no cámping, previa reserva, nalgúns casos con semanas de antelación, ás que se engaden os tripulantes das embarcacións que teñen permiso de fondeo.
Un aforo limitado que, como viñeron denunciando teimosamente os gardas e os propios responsables do Parque Nacional ante as autoridades da Consellaría de Medio Ambiente, é superado de forma habitual por catro das seis navieiras que ofrecen a travesía ás illas, até chegar mesmo a case duplicalo e superar os catro mil visitantes nas mellores fins de semana de agosto. Unha perigosa saturación que pon en risco tanto a conservación dos espazos naturais deste noso paraíso, como a seguridade dos propios visitantes en caso de necesidade de evacuación ou doutra contixencia. Unha situación repetida os veráns anteriores nos que a Xunta de Galicia abriu varios expedientes ás navieiras por transportar máis visitantes dos permitidos e chegou a multar a unha delas con 6.000 euros, o que semella sancións “asumibles” se temos en conta que cada billete custa na tempada de verán 18,50 euros.
A orixe deste modelo de transporte de ría, que supuxo o remate da concesión en exclusiva que en 1999 fora outorgada á empresa Navieira Mar de Ons, estivo na sentenza de 2006 do Tribunal de Xustiza da Unión Europea que obrigou a liberalizar o servizo de transporte marítimo regular entre Vigo e o Morrazo como as liñas de tempada ás Illas Cíes. Como sinalou Alba Nogueira, profesora de Dereito Administrativo da USC, “o dogma neoliberal, unido a unha deficiente defensa ante o TXUE” obrigou ao Parlamento Galego, sendo presidente da Xunta Emilio Pérez Touriño, a aprobar a Lei 2/2008 de 6 de maio pola que se desenvolve a libre prestación de servizos de transporte marítimo de persoas en augas interiores de Galicia. Unha lei que, como demostra a polémica desta fin de semana, no caso da Ría de Vigo achegou escasas garantías aos máis de catro mil usuarios habituais deste tipo transporte (dende entón, os servizos e as frecuencias a Cangas e Moaña reducíronse de forma notable) como, no caso de Cíes, onde se estima se desprazan máis de cen mil persoas cada ano, moi escasa protección deste espazo natural.
Dende que se aprobou a liberalización, e como era máis que previsible, comezou unha carreira tola por levar viaxeiros a Cíes, onde está a mellor tallada deste negocio de transporte turístico. E non tardaron tampouco en aparecer as presións das navieiras para que non fose modificado o aforo máximo, como reclamaban as asociacións ecoloxistas e os responsables do propio Parque Nacional. Abonda con lembrar como en 2011 cando se presentou un novo Plan de Uso e Xestión, o Goberno Galego (presidido por Alberto Núñez Feijoo) tirou a toalla para reducir o número de visitantes diarios a 1.800 e as prazas do cámping a 550, cupos que as navieiras consideraban desproporcionadas para a demanda existente e prexudiciais para o sector turístico. Con esta lóxica, onde prima o interese económico privado sobre os intereses xerais dun espazo protexido, onde mesmo é rendible pagar unha sanción por superar o aforo autorizado, foise desenvolvendo esta burbulla de Cíes que, por ventura, picou esta fin de semana.
A Xunta de Galicia como responsable de xestión do Parque ten a obriga de que as navieiras privadas respecten os cupos de visitas establecidos. E para iso conta coa posibilidade, en caso de falta moi grave, de extinguir os permisos de transporte a aquelas que non o fagan. Como o concello de Vigo, promotor da candidatura de Patrimonio da Humanidade, e a propia Deputación de Pontevedra, deben contribuír a unha promoción das Illas Cíes na que se saliente a súa condición de espazo protexido e se potencie a desestacionalización das visitas, o que contribuiría a diminuír a actual saturación turística que as pon en perigo. Recuperar esta lealtade e colaboración interinstitucional é imprescindible para asegurar o futuro de Cíes como Patrimonio da Humanidade.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir