Onte 1730: «O amor nos escuros días de Birkenau» de Alberto Canal
Tras Un animal chamado Néboa de Ledicia Costas e Laura no deserto de Antón Riveiro Coello, Alberto Canal coa novela O amor nos escuros días de Birkenau achega unha nova entrega en galego á literatura da Shoah, do Holocausto, da catástrofe xenocida que marcou o devir da humanidade no século XX. Canal asume o reto de ofrecer unha ficción na que se reconstrúe con toda a crueza a vida cotián no interior dun campo de exterminio, mais onde podemos identificar a existencia dun espazo para a esperanza nunha comunidade de persoas resistentes sometidas ás penurias da fame, do traballo escravo, da tortura e dos maís terribles experimentos relacionados co sufrimento humano. A presenza do amor e da música como medicinas para alma ofrecen certas doses desa esperanza expresada na frase «Non podo continuar. Vou continuar» utilizada como refrán nos capitulos finais. Unha novela fulcral para entender o que Adorno lembraba con pesimismo: «non foron só as persoas as que sufriron o exterminio, foi tamén a mesma idea de humanidade».
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir